Nun acto insólito e que se deu en moi contadas ocasións nestes sete anos que a CIG leva tendo representación sindical no Concello de Betanzos, o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, respondeu a algunha das solicitudes que a CIG leva facendo estes meses, para que, entre outros temas se convoque a Mesa Xeral de Negociación.
No escrito, remitido o pasado 18 de outubro o concelleiro informa que en próximas datas sen definir convocarase a Mesa Xeral de Negociación para tratar diversos asuntos de importancia. Se ben dubidamos que estes asuntos sexan de importancia para o goberno municipal, tal e como indica o documento, porque do contrario estarían resoltos desde o pasado mes de xullo, si que o son para os traballadores e traballadoras deste Concello, toda vez que a Administración local leva meses facéndolle perder cartos ao persoal que está de baixa por non dar convocado a Mesa Xeral de Negociación para devolver as retribucións íntegras en casos de incapacidade temporal, que podiamos ter restituídas desde mediados do pasado mes de xullo.
Ademais, as estatísticas indican claramente que o maior número de baixas se produce nos servizos prestados por persoal laboral, que aínda por riba é o persoal que adoita ter os salarios máis baixos do Concello, situación que se agrava cando está de baixa e cobra menos porque o Concello leva meses adiando a restitución do cobro das retribucións íntegras nestas situacións. O feito de tardar máis de catro meses en devolverlle este dereito ao persoal do Concello de Betanzos, cando o goberno do Estado, o permite, desacredita a postura do goberno municipal que se ampara continuamente na lexislación estatal cando se trata de roubar dereitos mais non bule cando se trata de restituílos.
Caso a parte son as novas bases das axudas sociais, que xa incumpren os prazos marcados no convenio colectivo e deberían estar en vigor desde hai meses e coas que a CIG leva xa seis anos ás voltas, como primeiro sindicato que demandou unha axudas con criterios verdadeiramente sociais e non os lineais aplicados ata o momento, nas que todo o persoal recibe a mesma axuda, cando unha axuda social debe ser distribuída conforme a criterios sociais, do contrario é unha axuda, mais non é unha axuda social, nin axuda só ás rendas máis baixas.
Caso aparte é o tema da produtividade, que segundo informa Diego Fernández, tamén se vai tratar na Mesa Xeral de Negociación que está pendente. Vaise tratar agora que se soubo que o Concello a paga como e cando quere e sen negociar uns criterios, e agora que se desmontou o repetido e repetitivo argumento que lle repiten aos traballadores de que están coas mans atadas e non poden facer nada, porque cando queren fano, saltando por riba da negociación colectiva e do que faga falla. O caso é que mentres sigan adiando esta negociación van gastando os cartos da partida deste ano como lle vén en gana, discriminando ao persoal, e tomando decisións que repercuten claramente nos traballadores e traballadoras.
Ata o momento, o Concello, a pesar de que respondeu á solicitude de Mesa Xeral de Negociación, á CIG non lle achegou a copia do decreto ou decretos relacionados con este tema.
Así mesmo, dez días despois de recibir esta comunicación, aínda non está fixada unha data da reunión da Mesa Xeral de Negociación para tratar os temas que indica Diego Fernández.
Por outro lado, e logo da solicitude do Comité de Empresa do pasado 10 de outubro, solicitándolle ao Concello que cubrise as baixas do servizo de limpeza municipal, o Concello respondeu o que indica o documento de abaixo, e dez días despois da resposta, e mais dun mes e medio despois da baixa, o Concello segue sen cubrila.
Por outro lado, e logo da solicitude do Comité de Empresa do pasado 10 de outubro, solicitándolle ao Concello que cubrise as baixas do servizo de limpeza municipal, o Concello respondeu o que indica o documento de abaixo, e dez días despois da resposta, e mais dun mes e medio despois da baixa, o Concello segue sen cubrila.
Ningún comentario:
Publicar un comentario