Logo dos acontecementos dos últimos días e de que a discriminación que sufriu o persoal laboral ao non lle pagar as axudas á vez que os funcionarios chegase ao pleno do Concello, logo de o goberno municipal ignorar todos os escritos presentados polo Comité de Empresa e pola propia CIG dende que accedeu ao Comité de Empresa no que tiña a ver con todas as irregularidades que rodearon o proceso de concesión das axudas sociais, o Concello recapacitou e parece que intenta reconducir o conflito e non cometer este tipo de discriminacións no futuro.
Onte mesmo, logo dunha reunión de urxencia dos partidos políticos do mércores, o Concello chamou á representación do Comité de Empresa para propoñer abrir unha vía de diálogo e non cometer erros como os que ten cometido nos pasado meses en detrimento dos intereses do persoal laboral do Concello. O compromiso que adquiriu o Concello hoxe coa representante do Comité de Empresa foi o seguinte:
1. Pagar as axudas sociais coa nómina do mes de abril.
2. Publicar a información respectiva ao número de solicitudes presentadas e a cantidade e os criterios de reparto, neste caso de dedución proporcional de todas as axudas. Ademais de indicar nesa información que se achega aos traballadores que poden solicitar toda a información canto a contía e concepto concedido no Departamento de Persoal do Concello, por se observasen algunha irregularidade e tivesen que facer a reclamación pertinente.
3. Comezar a negociación coa máxima celeridade posible dun novo regulamento de axudas sociais, cuxa proposta xa foi presentada polo Comité e que estas novas bases teñan como eixe fundamental o reparto con criterios sociais, é dicir, en función da renda de cada traballador/a.
4. Que a negociación destes novos criterios de reparto das axudas sociais se faga na Mesa Xeral de Negociación.
Dende a CIG agardamos que as boas palabras se traduzan en feitos nos vindeiros días e o Concello sexa quen de cumprir o que lle indicou á representación do Comité, posto que, como indicamos en varias ocasións, a CIG e a representación do Comité non terá ningún problema en chegar a acordos co goberno municipal mentres este respecte a legalidade e faga propostas que traten a todo o persoal en igualdade de condicións.
A pesar disto non está demais botar a vista atrás para ver as orixes dos conflitos e por iso preguntóuselle ao propio alcalde cal foi o motivo de que se o criterio de reparto estaba estipulado dende o principio do proceso só se lle pagasen as axudas ao funcionariado, a resposta foi que a intención era pagarllas a todo o persoal á vez mais as do persoal laboral foron paralizadas porque seica precisaban dun informe de determinado departamento para ser pagadas.
Casualidade ou non o persoal laboral cobra por segunda vez as axudas logo dos funcionarios, casualidade ou non, o persoal que realiza ese tipo de informes é funcionario. Para o caso tanto tería porque quen resolve é o goberno municipal e os informes non sempre son vinculantes mais, cando menos, parece que a partir de agora haberá vontade en non cometer máis este tipo de discrimacións, o tempo amosará se as palabras quedan niso ou se converten en feitos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario