Nada
é como adoitaba ser, e isto refírese tamén aos traballadores, ao
lugar de traballo e ao traballo en xeral. Hai dúas tendencias
incipientes pero importantes que poderían ser desestabilizadoras se
non son abordadas de maneira axeitada: a polarización da forza
laboral e o crecente desuso do contrato de emprego estándar. A
polarización do emprego, á cal algunhas veces se chama "a
desaparición da clase media", é un fenómeno que se observa
sobre todo nas economías avanzadas, onde hai unha diminución na
proporción de empregos de cualificacións e ingresos medios en
comparación coas cualificacións e ingresos altos e baixos. Por que
isto esperta preocupación? Porque conforme o número de empregos de
cualificacións medias diminúe, os traballadores que ocupan estes
empregos terán que reunir as condicións para obter empregos
altamente cualificados, que son cada vez máis difíciles conseguir,
ou aceptar empregos de baixas cualificacións, cun salario inferior e
traballando por baixo do seu potencial.
O
contrato de duración indeterminada tradicional, que se converteu na
norma a mediados do século pasado, ofreceu estabilidade aos
traballadores e mellorou os niveis de vida en moitos países. A
regulamentación do lugar de traballo, así como moitos beneficios
sociais que existen na actualidade, son concibidos no marco da
relación empleador-traballador creada por este tipo de contratos.
Pero a verdade é que o número de traballadores con contratos de
duración determinada está a diminuír, mentres que outros tipos de
acordos laborais son cada vez máis comúns. E iso é porque o
contexto no cal o traballo é distribuído, organizado e realizado
cambiou de maneira irreversible. Noutras palabras, precisamos novas
maneiras de ofrecer seguridade e estabilidade aos traballadores e ás
súas familias.
Numerosos
factores explican estas dúas tendencias, pero a tecnoloxía é sen
dúbida a máis estendida e significativa, tanto directa como
indirectamente. Até agora, a introdución da tecnoloxía no traballo
(mesmo cando substituía a seres humanos) sempre resultou nun
incremento da produtividade, máis empregos e mellores niveis de
vida. Isto debíase a que os seres humanos eran máis intelixentes
que as máquinas, e a que as nosas capacidades humanas permitían que
a maioría de nós puidese dominar a tecnoloxía. Con todo, a
complexidade das máquinas creceu e estas comezaron a realizar
tarefas que antes eran consideradas exclusivas dos seres humanos. As
tecnoloxías de transformación están a ser desenvolvidas, adoptadas
e compartidas a un ritmo moito maior que nunca antes. Aqueles que se
atopan no ápice da curva das competencias, os que constrúen estas
tecnoloxías, terán sempre a capacidade de controlalas e utilizalas.
Pero que pasará coa maioría dos traballadores no medio da curva?
Que terán que facer para manterse ao día? Estas preguntas aínda
non aparecen no radar dos responsables da formulación de políticas,
pero pronto terán que facelo. Forzas como a globalización, a
tecnoloxía, as transicións demográficas e o cambio climático
terán un impacto sobre cada unha das dimensións do mundo do
traballo. Necesitamos administrar este impacto e garantir que
funcione para o beneficio de todos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario