08/12/13

A CIG manifesta a súa oposición á reforma da Lei de Seguridade Cidadá promovida polo PP para reprimir a mobilización social

Considera que se implanta un estado policial poñendo en cuestión dereitos fundamentais como o de reunión, manifestación e mesmo a liberdade de expresión
A CIG considera que a Lei de Seguridade Cidadá evidencia os principios escasamente democráticos polos que se rexe o PP e ao servizo de que intereses de clase están, porque mentres actúa con esta dureza contra os movementos sociais e a clase traballadora mantén unha actitude de moita permisividade respecto aos delitos económicos que cometen os seus amigos, o capital financeiro, e eles mesmos.
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo sinala que a reforma da lei de Seguridade Cidadá non se pode desvincular da do Código Penal e que en ambos os casos o seu obxectivo é reprimir a contestación social. “O PP a través das reformas laborais e sociais e das súas políticas económicas está a provocar un recorte de dereitos e unha precarización das condicións de traballo e da calidade de vida das persoas e ante a contestación social que esas políticas están a xerar, o que fai é promover estas reformas para impedir manifestacións públicas que as poñan en cuestión”.
Seixo subliña que na reforma do Código Penal o que se fai é tipificar como delitos accións e mobilizacións que até o de agora non tiñan esa consideración e afirma que o PP, ante o temor de que sobre as persoas que protagonizan eses feitos a xustiza non actúe coa dureza pretendida, porque “ao final serían os tribunais de xustiza quen interpretasen eses feitos”, o que fan é reformar tamén a Lei de Seguridade Cidadá  porque aí é “directamente o goberno o que impón ese castigo”.
Denuncia que deste xeito, o goberno “vai actuar con total discrecionalidade e arbitrariedade” e á marxe do criterio de calquera tribunal de xustiza obrigando ás persoas que sufran esas sancións ou multas a ter que pleitear contra o estado con serias dificultades para poder gañar os procesos xudiciais.
Denuncia tamén que con estas políticas represivas estase camiñando cara “un estado de carácter policial coa intención de impedir á cidadanía o exercicio de dereitos fundamentais como o de reunión, de manifestación e mesmo de expresión”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario