13/08/15

O Comité transmítelle de novo aos partidos políticos da oposición a súa preocupación polo incumprimento da moción contra a privatización do servizo de limpeza

Cun descaro total o Concello vén de levar a cabo a terceira incursión en tres meses dunha empresa privada na limpeza das dependencias municipais. A situación é tan escandalosa que o Concello non só incumpre o acordo plenario que el mesmo apoiou senón que ignora dun xeito descarado non só ao Comité de Empresa senón as decisións do pleno da corporación, o máximo organismo decisorio do Concello.

O propio concelleiro volveu ter esta semana escusas de mal pagador ao indicar que só se contratara por un mes, primeiro foi por xuño, en xullo por uns días e agora por todo agosto. O máis gracioso do tema é que nos tres casos foi a mesma empresa e en ningún caso vimos que tal traballo tivese unha contratación pública, o que demostra que a destrución de emprego pública que o PSOE está a levar a cabo nos tres primeiros meses de mandato non só pretende acabar co servizo de limpeza municipal senón que se fai claramente para privilexiar a unha empresa concreta, xa se sabe que O PÚBLICO É SERVIZO E O PRIVADO É BENEFICIO.

A CIG desde o Comité de Empresa amosoulle o seu total rexeitamento ás políticas de privatizacións e exíxelle que lle dean cumprimento ao acordo plenario para solucionar a situación. É máis, en poucas semanas o problema será maior porque o aulario non terá persoal mentres as traballadoras agardan a que oi seu caso se resolva no Xulgado do Social da Coruña.

O Comité de Empresa, por iniciativa da CIG ante esta preocupante situación, comunicoulle a situación ao todos os partidos políticos da oposición para que sexan coñecedores da vulneración do acordo plenario tomado no mes de xullo e tomen as medidas que consideren oportunas.

Deixámosvos aquí o texto enviado aos partidos da oposición (PP, BN, BNG e CXG):


Boa tarde,

Desde o Comité de Empresa queremos comunicarvos que logo dunha semana sen limpar diversas dependencias municipais o Concello vén de contratar a unha empresa privada, máis unha vez, e van tres nesta lexislatura, para a limpeza das dependencias municipais.
Estes acontecementos prodúcense logo de que se aprobase unha moción contra a privatización do servizo que o propio goberno municipal apoiou, o que consideramos sumamente grave, e que demostra que estabamos no certo cando falabamos do desmantelamento do servizo de limpeza municipal, que se desarmou e deixou morrer case por completo para deixarse o paso libre á privatización.

Logo de solicitar unha reunión hai varios días, o concelleiro de Persoal, Diego Fernández recibiunos e indicounos que a empresa só está contratada polo mes de agosto (antes só era polo de xuño e en xullo só por uns días...), non obstante entregounos un informe do secretario municipal con respecto a unha proposta que el mesmo fixo e que consideramos que, por xeral, estaba mal formulada desde o inicio, polo que o secretario municipal conclúe dun xeito tallante ao se referir tanto ás vacantes como ás baixas mais sen especificar cada caso que é ben diferente e finalmente, acaba, como noutros tantos casos, sen dicir nada.

Como o propio informe indica neste Concello hai un grave problema de persoal que se arrastra desde hai moitos anos e derivado dunha pésima xestión da área e múltiples irregularidades que perduraron no tempo e que deron lugar a que na actualidade o cento por cento do persoal laboral deste Concello é temporal; unido a isto o feito de que nunca houbo unha OPE de laborais que consolidase postos (hai mesmo un outro informe da Secretaría onde se afirma esta realidade) estalle a servir ao goberno socialista dun xeito perverso para ampararse na non cobertura das vacantes por xubilación, toda vez que non hai que confundir que aínda que o persoal non sexa fixo os postos si que o son por iso existe unha Relación de Postos de Traballo, do contrario non constarían nela como pasa no caso dos postos creados ao abeiro de diversas subvencións e que non constan na RPT. Caso distinto é o das baixas, que mesmo no 2014 se cubriron dúas e cuxa escusa de non cobertura é claramente intencionada. 

Polo que respecta á vinculación dos contratos á existencia de prazasna RPT que se menciona no informe resulta irrisoria cando o Concello vén de contratar un patrón por dous meses ou cando hai xusto un ano contratou a dúas traballadoras de limpeza para o aulario, das que tampouco existía praza e que o Comité advertiu no seu momento, aínda que os informes naquela altura tiraban por outra vía. Tamén entendemos que poderiamos estar ante xuízos de opinión cando se indica que a limpeza non é un servizo esencial da Administración, toda vez que non hai que confundir servizo mínimo obrigatorio con esencial e que se as dependencias onde se prestan servizos obrigatorios ou non, non se  limpasen, incumpriríase a Lei de Prevención de Riscos Laborais e o Concello non podería prestar ningún tipo de servizo, privando dos seus dereitos á cidadanía. Tamén é destacable que cando se fala de competencias no tema da limpeza dos colexios (é curioso que non inclúa as conserxarías, servizo tamén prestado polo Concello mais do que non se dubida a competencia) sexa unha Administración ou outra a que o preste mais en todo caso é un servizo que garante o dereito á educación necesario e fundamental e a Administración que asumiu a responsabilidade, neste caso o Concello, nin pode nin debe deixar á deriva a garantía dos dereitos da cidadanía baixo un pretexto tan nimio.

O Comité xa lle trasladou ao goberno municipal a súa total oposición á privatización e a obviedade dos tumbos que os informes da Secretaría municipal veñen dando nos últimos anos e non en función da lexislación vixente neste caso, que desde o ano pasado non mudou, senón en base a factores que descoñecemos mais que resultan preocupantes. Ben é certo que noutros casos, coma no do convenio aprobado no pleno de abril o goberno municipal fixo caso omiso ao informe da Secretaría, por tanto, que as escusas quizais son válidas cando son coherentes mais cando se tornan interesadas nin o son nin convencen.

O motivo de nos dirixir a vós de novo é que saibades que o goberno municipal fixo caso omiso ao acordo plenario con respecto ao servizo de limpeza e, por tanto, xa non só ignora ao Comité de Empresa, senón a todos os partidos da oposición e ás decisións tomadas polo máximo organismo decisorio deste Concello, sen entrar a valorar o esperpento que supón que eles mesmos votaran a favor do que incumpren ao día seguinte. Ademais, entendemos que é de xustiza que esta información sexa pública posto que logo de só tres meses estamos seriamente preocupados polo rumbo que en materia de Persoal está a tomar este goberno municipal.

Agradezo enormemente a vosa atención e se tiverdes algunha cuestión non dubidedes en vos pór en contacto comigo.

Betanzos, 13 de xullo de 2015
Silvia Muíño Naveira
Presidenta do Comité de Empresa

Ningún comentario:

Publicar un comentario