A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense ven de
desestimar o recurso de apelación interposto pola defensa do que foi
xerente do Festival de Cine Internacional de Ourense, OUFF, e
confirma integramente a Sentenza do Xulgado do penal nº 2, de 27 de
marzo de 2015, que o condenou a seis meses de prisión por cada un
dos delitos declarados probados: contra a integridade moral (artigo
173.1, parágrafo 2 do C.P.) e de lesións psíquicas (artigo 147.1
C.P.), con inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo
durante o tempo que dure a condena. Así mesmo, deberá indemnizar á
traballadora acosada, con responsabilidade civil subsidiaria do
Concello de Ourense. Esta Sentenza da Audiencia Provincial é firme e
contra ela non cabe interpoñer recurso algún.
Na sentenza inicial se indicaba que o acusado "no ámbito da
relación laboral e valéndose da súa superioridade xerárquica,
iniciou, de forma deliberada, unha actitude permanente de acoso e
desprezo hacia a traballadora, co fin de humillala e obrigala a que
abandoase o seu posto de traballo.Así, procedeu a privala
progresivamente das suas funcións, ata chegar a unha situación de
falta de ocupación efectiva".
A traballadora sufriu, entre outras situacións vexatorias, a
instalación no seu equipo informático dun programa que lle impedía
acceder a contidos necesarios para a realización das súas tarefas,
salvo autorización do administrador. Así mesmo o acusado remitiu
correos electrónicos recriminando á traballadora supostos abandonos
do posto de traballo e roubos de material de oficiña, feitos polos
que nunca foi sancionada.
Máis info en www.cigsaudelaboral.org
Ningún comentario:
Publicar un comentario