12/10/15

O CONCELLO CONTRATA A DETERMINADOS TRABALLADORES DE XEITO IRREGULAR E CON SALARIOS SUPERIORES AOS DO CONVENIO APLICADO AO RESTO DE LABORAIS

Un ano máis o Concello contrata de xeito irregular ao persoal docente da Escola de Folclore ao contratar a unha serie de traballadores sen un proceso selectivo, tal e como é preceptivo. A situación de irregularidade na que o goberno municipal mantén a este persoal desde hai moitísimos anos ponse de manifesto ano tras ano coa sinatura dun contrato cando o que debía haber dunha vez por todas é persoal fixo discontinuo, que preste os seus servizos ao longo do curso, mais non que asine máis un contrato en fraude ano tras ano.

Desde que a CIG chegou a este Concello puxemos de manifesto que esta situación era irregular mais cada vez resulta máis anómala tendo en conta que o Concello convoca continuamente procesos selectivos para outros postos con contratos dunha duración moi inferior, como o da patrón, auxiliar administrativo, técnico da Cemit e un longo etc e ano tras ano neste colectivo e mais no Conservatorio realiza novos contratos sen o proceso selectivo pertinente do que debe ir precedido todo contrato na Administración pública.

Se a isto lle sumamos que o Concello decidiu unilateralmente e sen negociación con representantes dos traballadores que a algún persoal escollido por el mesmo non se lle aplicaba o convenio colectivo e ía cobrar máis que o cobran o resto de laborais a situación é esperpéntica e antes ou despois deberá buscarse unha solución, entre tanto, o Concello teima en seguir cometendo irregularidades en beneficio duns pouco e en contra do resto de laborais, que son discriminados con estas decisións unilaterais.

O Comité de Empresa, solicitoulle, como cada ano, toda a información relativa ao expediente destas contratacións e lembraralle ao Concello que o amosa a súa disconformidade coas contratacións irregulares e defende que todas as contratacións e condicións contractuais se fagan baixo os principios de igualdade, mérito e capacidade e cunhas retribucións ao abeiro dun convenio colectivo que se lle aplica ao resto do persoal e que non indica nada especial para traballadores e traballadoras dalgúns colectivos. É máis, esta decisión non só discrimina a uns poucos fronte ao persoal doutros servizos senón tamén a algúns fronte a compañeiros do mesmo servizo que cobran segundo convenio.

Por todo isto, o Comité solicitoulle ao Concello que informe sobre o proceso selectivo do profesorado da Escola Municipal de Foclore e que lle achegue toda a documentación do expediente relativo a estas novas contratacións, que informe como se determinan as retribucións do profesorado da Escola Municipal de Folclore e os motivos polos que non se rexen polo mesmo sistema que o resto do persoal laboral, nin polo incluído no convenio colectivo nin na Relación de Postos de Traballo e que o Concello informe ao Comité de Empresa con urxencia sobre esta situación que está a producir un agravio discriminatorio deste colectivo fronte ao resto do persoal laboral da Administración e dea os pasos oportunos de cara a corrixila.

Ningún comentario:

Publicar un comentario