As
posturas de traballo incorrectas e/ou inaxeitadas supoñen un dos
factores de risco máis frecuentes nos/as traballadores/as maiores de
55 anos, derivando en demasiadas ocasións en importantes e
incapacitantes trastornos musculoesqueléticos. Son moitas as veces
nas que ao longo da súa xornada laboral un traballador/a, debe
adoptar posturas inaxeitadas que rematan por afectar aos seus
músculos e articulacións, provocando dende pequenas molestias ata
lesións cronificadas e altamente incapacitantes.
É
evidente que a postura de traballo que se ve obrigado/a a
adoitar para o desenvolvemento das súas tarefas, remata por incidir
significativamente tanto no seu rendemento como na cantidade de
traballo que é capaz de realizar nun determinado período de tempo;
a pesares do cal, hoxe por hoxe, aínda non dispoñemos de parámetros
cuantificables que nos permitan estabelecer a inadecuación ou non
dunha postura, e o tempo que esta pode adoptarse sen incorrer nun
risco de lesión. De feito, os trastornos musculoesqueléticos
derivados de posturas forzadas, en moitos dos casos maniféstanse
lentamente e dunha forma que inicialmente poderíamola considerar
como inofensiva ou pouco agresiva, restándoselle importancia a eses
primeiros síntomas que pouco a pouco iranse cronificando para dar
paso a aparición de lesións caracterizadas pola consolidación do
dano.
As
lesións musculoesqueléticas derivadas da realización de movementos
repetitivos -asociados ou non a sobreesforzos-, localízanse
especialmente no tecido conectivo e máis concretamente nos tendóns,
podendo tamén en moitas ocasións producir danos nos nervios, así
como restrinxir ou dificultar o rego sanguíneo dos tecidos afectados
e adxacentes. Movementos repetitivos e aqueles realizados coa
esixencia dun elevado nivel de forza que, conxuntamente coas posturas
forzadas que en moitos casos levan asociada unha importante carga
muscular estática, rematan por derivar en lesións do pescozo, dos
ombreiros, dorsolumbares ou de calquera parte das extremidades,
afectando as articulacións, músculos, tendóns ou outros tecidos
brandos.
Se
atendemos á sintomatoloxía que determina a aparición de lesións
asociadas a posturas forzadas na realización do traballo, atopámonos
coa existencia de tres etapas ou fases ben diferenciadas, a saber:
1º.-
Cansazo e dor que se reproducen ao longo da xornada de traballo,
desaparecendo cando se deixa de traballar. A súa duración é
variable, podendo durar meses ou incluso anos. Nesta etapa os
trastornos ou lesións aínda poden ser tratados con fisioterapia e
medidas ergonómicas.
2ª.-
A sintomatoloxía reprodúcese ao comezar a xornada de traballo,
manténdose ao longo da mesma e non desaparecendo ao seu remate.
A sintomatoloxía e as dores persisten fóra da xornada laboral e
incluso pola noite, provocando un mal descanso e unha perda
significativa da capacidade de traballo. Esta fase ou etapa pode ter
unha duración variable de varios meses.
3º.-
A sintomatoloxía e as dores de maior ou menor intensidade persisten
incluso durante o período de non actividade osteomuscular.
Producíndose unha situación altamente incapacitante que impide
realizar a maior parte das tarefas por moi sinxelas que estas sexan.
Ante
esta realidade, o marco lexislativo instaurado pola Lei 31/1995, de 8
de novembro de prevención de riscos laborais, así como a súa
normativa de desenvolvemento, ofrecen a posibilidade de adaptar a
práctica que até de agora era máis habitual: realizar a vixilancia
da saúde dos
traballadores/as a través de recoñecementos médicos inespecíficos
e de carácter xeral. Recoñecementos en moitos casos inaxeitados e
pouco operativos, que deben ser substituídos, no marco do
procedemento de vixilancia
da saúde,
por outros exames médicos moito máis específicos e adaptados aos
riscos concretos para a saúde, que en cada caso se deriven das
características psicofísicas do traballador/a (neste caso T+55),
así como das tarefas e función concretas que en cada caso
desenvolva o mesmo no seu posto de traballo.
Neste
senso, é evidente que a vixilancia da saúde dos/as traballadores/as
maiores de 55 anos debe contemplar de xeito específico os factores e
as características que incrementan os riscos e o perigo dos mesmos
en relación a este colectivo.
A
especificidade dos controis médicos a realizar e a súa
periodicidade no marco da vixilancia da saúde, cobran neste caso
unha especial importancia polo seu inestimable potencial preventivo
en relación aos riscos derivados do traballo, incluso despois de que
o/a traballador/a deixe de estar en activo.
A
recollida rigorosa e sistemática de datos en relación a riscos,
incidentes, accidentes e enfermidades profesionais que afectan a este
colectivo T+55, deben ser o punto de partida para a implantación nos
seus aspectos xerais, dun modelo específico de vixilancia da saúde
que conte cos protocolos e as guías de actuación oportunas,
garantindo por unha banda a súa eficacia, e por outra, permitindo e
facilitando a identificación, cuantificación e análise, dos riscos
e factores de risco que, en definitiva habilitarán a posibilidade de
abordar o deseño e a priorización de políticas preventivas
eficaces, en relación a este colectivo cada vez máis importante e
numeroso no mundo do traballo.
A
posta en marcha dunha vixilancia da saúde específica en relación
aos problemas musculoesqueléticos dos/as traballadores/as maiores de
55 anos, e máis concretamente no que atinxe á adopción de posturas
forzadas durante a realización do traballo, debería fundamentarse
nun protocolo médico específico que abordará o control e a análise
de dúas áreas de exploración e actuación
interdependentes. Por unha banda a análise das condicións de
traballo, que incluirá a avaliación dos riscos inherentes ao posto,
así como as áreas anatómicas que a nivel musculoesquelético se
podan ver afectadas; e por outra, unha vixilancia médico-sanitaria
de carácter específica adaptada ao perfil psicofísico e aos riscos
aos que se ve sometido cada traballador/a.
No
procedemento da vixilancia da saúde, e especialmente, no que se
refire aos traballadores/as maiores de 55 anos, deberían recollerse
e contemplarse cando menos os seguintes aspectos:
-
O historial laboral do/a traballador/a, no que deberán contemplarse
entre outras informacións, as súas exposicións anteriores a riscos
e factores de risco; información relativa aos riscos aos que se ve
sometido no seu actual posto de traballo, así como información dos
recoñecementos médicos realizados con anterioridade.
-
A realización dunha exploración clínica específica “guiada”
pola anamnese, que contemple a exploración de cada un dos grupos ou
áreas anatómicas afectadas pola adopción de posturas forzadas
durante o traballo, previamente identificadas como consecuencia do
estudio das tarefas desenvolvidas polo/a traballador/a e a súa
posible repercusión a nivel articular, tendonal e muscular.
-
A consideración de criterios de valoración para determinar a orixe
laboral das lesións, que deberían pasar pola confirmación de
posturas forzadas no desenvolvemento de traballo; a aparición de
sintomatoloxía persistente logo de ter comezado a súa actividade
laboral no actual traballo; establecemento de correlación entre
sintomatoloxía e actividade laboral, e entre melloría e descanso.
En
todos os casos, máis especialmente cando este tipo de posturas
forzadas afectan a traballadores/as maiores de 55 anos, deberíanse
orientar as actuacións a mellorar as condicións de traballo
procedendo a eliminar, ou no peor dos casos, reducir substancialmente
os riscos derivados das mesmas. É esencial proceder á corrección
de movementos inadecuados e repetitivos, posturas forzadas e esforzos
frecuentes, mediante a adopción das medidas que sexan necesarias.
Asemade, a introdución de melloras organizativas destinadas a
eliminar ou reducir os riscos, incrementarán a eficacia das medidas
adoptadas con actuacións como a adecuación dos descansos, as pausas
e as rotacións, as adaptacións de posto, o en última instancia se
é necesario, mediante os traslados ou cambios de posto.
Máis info en www.cigsaudelaboral.org
Ningún comentario:
Publicar un comentario