11/04/16

O Concello perde, unha vez máis, un xuízo por despedimento improcedente, e van dez en catro anos

Hai uns días o Concello de Betanzos volveu ao xulgado do social para responder ante unha demanda por despedimento improdecente dunha das traballadoras de limpeza do aulario despedidas no verán de 2015 e reemprazadas por persoal dunha empresa privada.

Por décima vez nestes últimos anos, o Concello volveu perder un contencioso e ten a opción ben de readmitir á traballadora e abandonar a privatización da limpeza dos edificios municipais ou ben despedila e indemnizala como correspondente. Ben se nota que os cartos cos que paga os xuízos non saen dos petos do equipo de goberno porque nestes pésimos anos de xestión da área de Persoal son demasiados os miles de euros que o Concello de Betanzos leva pagado pola súa imprudente e mala xestión na área mencionada.

O máis triste é que o propio Concello, sabedor de que o xuízo estaba perdido, xa ía coa idea do despedimento ao propio xuízo e non valorou nin un por un momento readmitir á traballadora que foi despedida de xeito improcedente. De feito, na actualidade, a limpeza do aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín corre por conta dunha compañeira antes destinada a distintos edificios municipais que agora limpa directamente unha empresa privada da que descoñecemos o nome mais que da que si recibimos queixas dos compañeiros e compañeiras polo estado dos edificios municipais.

Entre escoller ter dúas traballadoras públicas de limpeza que puido readmitir ou privatizar a limpeza dos edificios municipais, o goberno que se denomina socialista escolleu privatizar, darlle cartos a unha empresa privada que nin sequera tivo, que saibamos, un concurso público. Entre facer as cousas mal e ben, parece que sempre escolle facer as cousas mal, porque moito lle advertiu o Comité de Empresa que eses contratos de limpeza do aulario eran fraudulentos, mais o propio concelleiro de Persoal negaba por activa e por pasiva tal, ata que o xulgado nos volveu dar a razón.

Polo momento, e en contra do acordado polo propio Pleno da corporación, o Concello ten previsto non darlle solución á privatización da limpeza das Oficinas Xerais, Casa do Concello, Biblioteca Municipail, Servizos Sociais, Turismo ou Dependencias da Policía Local e continuar neste camiño. Polo que se ve, tampouco pensa actuar de fronte ante a sua mala xestión en persoal e readmitir á traballadora, discriminándoa, unha vez máis, como á compañeira que gañou hai varios meses fronte aos outros oito compañeiros readmitidos, xa se sabe que isto é a lotaría do ti si e ti non, do contrario, o criterio non só sería o mesmo cando as setenzas son de despedimento improcedente senón tamén no resto dos contenciosos onde dependendo do nome e apelidos o Concello decide asistir e ir contra os intereses do persoal ou directamente non ir para lle dar a razón a determinados traballadores.

Desde a Sección sindical da CIG consideramos que esta decisión do goberno municipal non só volve a favorecer a privatización de servizos en contra do acordado por unanimidade no pleno da corporación senón que demostra unha clara e inxusta arbitrariedade na toma de decisións que lle afectan dun xeito determinante ao futuro dos traballadores e traballadoras desta Administración local.

Ningún comentario:

Publicar un comentario