28/04/16

Complementos específicos creados a medida e á marxe da Relación de Postos de Traballo: o caso da praza de patrón

Os complementos específicos veñen dados tanto para o persoal laboral como para o funcionariado, ata o momento, polo que se indica na Relación de Postos de Traballo. Unha Relación arbitraria e subxectiva que distribúe complementos específicos de mil euros (anuais) para persoal dos grupos 1, 2 e 3 de persoal laboral e de seis mil euros para unha praza de condutor-alguacil do grupo E ou dez mil para persoal administrativo. 
A asignación de complementos específicos nesta Administración dista moito de retribuír as funcións específicas de cada posto de traballo e semella que se utilizou historicamente para primar a uns traballadores sobre outros con criterios que parecen máis ben pouco obxectivos e que son difíciles de xustificar mesmo na actualidade polo goberno municipal.
Certo é que o tan ansiado convenio colectivo abre unha xanela ao inicio do camiño da equiparación (cando menos entre laborais) que non solucionará a discriminación existente co funcionariado mais que si tenta atallar as diferenzas entre o persoal laboral, que tamén son moitas.
En medio desta situación o Concello crea á marxe da RPT e sen subvención, cun posible incumprimento da Lei de orzamentos do Estado, tal e como advertimos na Mesa Xeral de Negociación da pasada semana na que nada había que negociar, unha praza de patrón para a Diana Cazadora (festas que non falten) coa asignación dun complemento específico de 357, 97 euros e a asignación dun complemento de posto de 247,43 euros.
Noutra Administración isto podería non chamar a atención mais nesta, tendo en conta que unha parte do persoal que ocupa un posto que está na RPT non cobra cun complemento de posto de nivel A (como o que lle asignan a esta praza), hai quen mesmo nin cobra ese complemento porque o Concello alega que non ten dereito, e cuns complementos específicos completamente irrisorios, case resulta insultante que o concelleiro de Persoal, cando a representante da CIG lle preguntou na Mesa que de onde tiraban esa retribución, dixera que miraron o que se cobraba noutras Administracións para adecuar o salario.
Si, compañeiros e compañeiras, estades oíndo ben, quen leva aquí 25 anos non merece equipararse a funcionarios nin persoal laboral doutra Administración ese é un privilexio reservado a postos escollidos polo concelleiro de Persoal, como o caso do patrón, así que... TODOS QUEREMOS SER PATRÓNS!
O que está claro é que estamos nun momento delicado máis aínda coa espera da entrada en vigor dun novo convenio demorada conscientemente durante anos polo goberno municipal, e que a falta de sensibilidade e criterios obxectivos segue brillando pola súa ausencia. O certo é que agardamos que nos próximos meses se solucione o tema do convenio colectivo mais mentres tanto teremos que seguir séndomos conscientes das inxustizas que non é que perpetúe o goberno municipal porque veñen de antes, é que el mesmo crea ante novas situacións como é o caso dunha convocatoria que ata hai pouco nin existía.
É máis, tal e como desde a CIG lle dixemos na Mesa Xeral, se poden convocar un patrón, non facía falla armar semellante lío por non cubrir as baixas de limpeza e escola infantil nin deixar morrer sistematicamente os servizos públicos ao non cubrir nin unha soa das trinta prazas vacantes na Relación de Postos de Traballo vixente.
A CIG achegoulle esta e outras cuestións sobre as bases para o patrón da Diana Cazadora e solicitoulle que as adecuase á lexislación vixente, corrixise as eivas e informase sobre varias cuestións de dubidosa legalidade na convocatoria desta praza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario