03/11/16

A CIG DENUNCIA UNHA NOVA PARALIZACIÓN DO NOVO CONVENIO COLECTIVO E CULPA AO GOBERNO MUNICIPAL DO INCUMPRIMENTO DOS COMPROMISOS ACORDADOS

A CIG DENUNCIA UNHA NOVA PARALIZACIÓN DO NOVO CONVENIO COLECTIVO E CULPA AO GOBERNO MUNICIPAL DO INCUMPRIMENTO DOS COMPROMISOS ACORDADOS

O persoal laboral paga de xeito directo as consecuencias da nefasta xestión de persoal do Concello de Betanzos cun convenio vixente desactualizado, discriminatorio e que redunda na discriminación entre o persoal laboral e o funcionariado.

Desde o pasado 20 de xuño, data en que os representantes do Comité de Empresa asinaron o novo convenio colectivo co alcalde, Ramón García, o Concello de Betanzos ten paralizado o novo convenio colectivo nas oficinas municipais e non o someteu á súa aprobación plenaria, a pesar das múltiples promesas do concelleiro de Persoal, Diego Fernández. Non é a primeira vez que acontece isto, porque hai que lembrar que este convenio xa foi asinado en marzo de 2015 e negociado previamente durante anos, polo que o único que demostra o alcalde cunha nova paralización é unha total falta de vontade para que non se solucionen problemas históricos do persoal laboral.

Desde a Sección sindical da CIG denunciamos que esta paralización da negociación moito nos tememos que pode supor un dos maiores retrocesos para o persoal laboral do Concello de Betanzos por culpa dun goberno empeñado en agravar as diferenzas co funcionariado e que non é quen de dialogar cos seus propios traballadores. O Comité de Empresa xa falou nun montón de ocasións co concelleiro de Persoal, que fai caso omiso aos acordos cos traballadores, e non se quere responsabilizar desta pésima actuación; mais mentres tanto o tempo pasa, as discriminacións perpetúanse e redundan nunha situación laboral de desigualdades, nomeadamente retributivas, que cada día fan máis insostible a situación do persoal laboral do Concello de Betanzos.

Para os traballadores xa non serven as escusas, ano e medio logo de chegarmos a un acordo, e logo de moitos anos de dificultosa negociación, e de 21 000 euros pagados a unha empresa privada por un asesoramento que aínda non se materializou en ningunha mellora, somos os empregados públicos os maiores prexudicados pola ineficacia do goberno municipal e reclamámoslle a Ramón García que lle dea dunha vez por todas cumprimento aos acordos aos que chegou co persoal laboral e faga efectiva unha política que comece a solucionar as situacións discriminatorias existentes.


Ningún comentario:

Publicar un comentario