A pasada semana o Comité de Empresa decidiu dar un paso máis nas reclamacións para facer efectiva a entrada en vigor do Convenio colectivo que asinou o 20 de xuño co alcalde. Logo de meses insistindo, tanto por rexistro como persoalmente nas reunións co concelleiro de Persoal, e de que a súa resposta fose continuamente que o compromiso segue adiante mais que faltan os informes para levar o texto ao Pleno, o Comité deu este paso por iniciativa da CIG mais acordado por todos os membros do máximo órgano de representación do persoal laboral.
O Comité de Empresa decidiu falar cos partidos da oposición (PP, BN, BNG e CxG) para intentar dar un paso máis e conseguir máis apoios para que o goberno municipal continúe coa tramitación do convenio colectivo e envioulles a proposta de moción que achegamos abaixo. Esta moción envióuselle a todos os partidos con representación no Concello de Betanzos agás ao goberno municipal, entendendo que as vías de diálogo con respecto a este tema estaban esgotadas toda vez que a escusa era a mesma sempre e non se vían avances en cinco meses e logo de cinco longos anos de negociación dun novo convenio colectivo. O Comité asinou o convenio co alcalde, o único partido que leva adiando cinco meses a continuación da tramitación é o PSOE, o mesmo partido que alongou durante cinco anos esta negociación, de aí que decidise solicitarlle apoio ao resto dos partidos con representación neste Concello de cara a impulsar a finalización deste proceso de negociación.
Antonte, PP, BN, BNG e CxG presentaron a moción enviada polo Comité de Empresa de xeito conxunto para que se debata no Pleno ordinario que terá lugar o vindeiro martes 29 de novembro a partir das 20:30 na Casa do Concello. Entendemos que isto é unha medida positiva de apoio ao persoal laboral do Concello de Betanzos e en prol da igualación de dereitos co persoal funcionario e a solución de discriminacións históricas e agardamos que a moción sexa aprobada no Pleno de cara a que o goberno municipal faga efectivo dunha vez por todas o compromiso asinado cos traballadores, e axilice os trámites previos á publicación no boletín correspondente e entrada en vigor.
Esta mesma semana a representación do Comité de Empresa tivo unha reunión co concelleiro de Persoal onde lle transmitiu o seu malestar e preocupación pola cuestión e na que a resposta, foi, unha vez máis, a de sempre, que un mes máis non iría ao pleno o convenio, motivo polo que se decidiu continuar coa iniciativa.
Agardamos que esta medida sirva para darlle un pulo a esta cuestión crucial para o persoal laboral e que o goberno municipal tome conciencia da importancia de facer efectivos aos acordos aos que chega cos representantes dos traballadores nos órganos de negociación colectivo.
A representación do Comité de Empresa agradeceulle aos catro partidos da oposición o seu apoio e transmitiulle a súa satisfacción polo acordo porque considera que o apoio conxunto dos partidos da oposición demostra que este tema, así como outros laborais deste Concello, teñen un consenso na necesidade de solucións a problemas históricos e mellora de determinadas situacións existentes.
Lembrade, o vindeiro martes ás 20:30 h na Casa do Concello terá lugar o Pleno no que se debatirá a moción sobre o Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Betanzos
Ningún comentario:
Publicar un comentario