A
Área Pública da CIG asistiu esta mañá á Mesa Xeral de Función
Pública na que o PP presentou un Proxecto de Orzamentos para 2018 no
relativo a emprego público idéntico ao de 2017 que a central
sindical rexeitou porque afonda na destrución de emprego e no
desmantelamento e privatización dos servizos públicos. Xunto a isto
anunciou o seu rexeitamento ao chamado “Acordo de Estabilidade”,
porque mantén a taxa de reposición e tampouco permite que se
recupere o emprego público destruído. Un documento que, porén,
será previsibelmente asinado por CCOO, UGT, CSIF e sindicatos
sectoriais.
Segundo
explicou ao remate da xuntanza Diego Boquete, que actuou como
portavoz da Área Pública da CIG, o proxecto de orzamentos para 2018
mantén os recortes e non permite que se recuperen dereitos e
condicións laborais e salariais que foron arrebatadas durante estes
anos so pretexto da crise.
Acordo
de Estabilidade
Canto
ao chamado Acordo de Estabilidade, a Área Pública denuncia que “non
é un acordo autónomo, senón unha adaptación do asinado o 29 de
marzo de 2017 entre o Goberno central e os sindicatos CCOO, UGT e
CSIF” ao que a CIG se opuxo. Por iso xa anunciou que tamén
rexeitará este, xa que non contempla ningunha mellora respecto
daquel.
Ademais
o acordo está limitación pola aplicación da Lei de orzamentos do
Estado para 2018, que ten unha vixencia temporal concreta. Porén, os
efectos do acordo prolónganse até 2020, sen ningunha garantía de
cumprimento, pois as leis de orzamentos dependen das maiorías
parlamentarias no Congreso dos Deputados.
Por
iso, Boquete cualificou de “lamentábel” que a Xunta “só use o
autogoberno para recortar (Lei de medidas temporais, rebaixas
salariais non recuperadas)” e que porén “para recuperar dereitos
se comporte como unha sucursal de Madrid”.
Ademais,
a Área Pública da CIG adiantou que non vai asinar un acordo que non
inclúe a devolución dos salarios; a derrogación da Lei de medidas
temporais, nomeadamente pagar por enfermar; o levantamento da
suspensión da aplicación de acordos anteriores, como o propio V
Convenio colectivo do persoal laboral ou cuestións como –no caso
do ensino público- que as persoas substitutas volvan cobrar o verán
unha vez que traballaron máis de 5 meses, por non falar da
recuperación do fondo de acción social.
Temporalidade
Malia
o seu título, a CIG-Área Pública afirma que non é un «Acordo de
Estabilidade» senón, como moito, un «Acordo de Redución da
Temporalidade». Nese sentido Boquete explica que “non queda
eliminada a taxa de reposición, nin se incorpora ningún criterio
que garanta o traballo a quen non aprobe os procesos selectivos, que
serán convocados mediante concurso-oposición”.
A
este respecto María Xosé Santos Paz, da CIG-Administración, lembra
tamén que “hai xente que leva anos e anos agardando a que se lle
convoque a praza e agora pode verse na rúa con case 60 anos”.
Aínda
que a situación de temporalidade derivada do período de crise se
considera excepcional, no ‘Acordo’ non se recolle para ningún
sector nin colectivo a posibilidade de consolidación por concurso ou
valoración de méritos que permite o artigo 61.6 EBEP.
“É
incríbel que a administración asine acordos que acto seguido anula
nos orzamentos, como o asinado coas outras organizacións sindicais
do ensino hai escasos meses, que volvía recoller que o persoal
substituto de ensino que traballase máis de 5 meses e medio ao longo
do curso cobrarían as vacacións e volve a aparecer anulado no
proxecto de orzamentos, o cal foi unha das causas para que a
CIG-Ensino non asinara”, subliña Boquete.
Con
este ‘Acordo’ preténdese chegar a un índice de temporalidade do
7%, pero oculta cal é a temporalidade actual. “Sen esa mínima
transparencia é imposíbel avaliar o éxito ou o fracaso das medidas
propostas”, afirma o portavoz da Área Pública.
Ademais,
no caso do persoal do SERGAS, os propios orzamentos consolidan a
política de precariedade laboral do persoal estatutario. “As
contratacións faranse cando teñan a consideración de absolutamente
imprescindíbeis e non atendendo as necesidades asistenciais”,
explica a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, que
denuncia que con isto, “se consolidan os contratos por días e
horas”, impedíndose ademais a recuperación dos acordos
suspendidos.
Suplantación
da representación sindical
A
Área Pública da CIG denuncia ademais que a creación de comisións
e subcomisións de seguimento do Acordo con funcións de negociación
van suplir as funcións das mesas sectoriais de negociación que son
os únicos órganos legalmente habilitados para tal fin e garanten a
participación de todas/os as/os representantes do persoal público
galego.
Permisos
Os
orzamentos contemplan ademais o aumento do permiso de parto a 20
semanas (agora son 18) e un incremento a 5 semanas do permiso
de paternidade (agora son 29 días).
Fronte
a isto a CIG aposta por un permiso de maternidade de 12 meses de
duración e que progresivamente o permiso para o outro cónxuxe se
amplíe até chegar á mesma duración, consolidándose o permiso de
maternidade como un permiso non transferíbel.
“No
camiño de acadar ese obxectivo é obvio que a proposta da Xunta, e
aínda recoñecendo un pequeno avance, é totalmente
insuficiente. Solicitamos a negociación real dun plan de ampliación
de todos os permisos recollidos na Lei de Emprego Público e,
especificamente, os que agora se nos presentan”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario