O Comité de Empresa vén de amosar, un ano máis, a súa disconformidade con diversos contratos do Conservatorio e a Escola de Folclore por presuntas irregularidades da contratación, principalmente porque o Concello contrata cada ano para o curso escolar os mesmos traballadores sen o correspondente proceso selectivo, cando entendemos que estes contratos se deberían regular baixo a figura de fixos discontinuos. Outra discriminación á maioría é a inexistencia dun criterio para a contratación só durante o curso escolar ou todo o ano, posto que hai docentes do Conservatorio sen ningún cargo adicional que están contratados todo o ano baixo a figura de "profesor", cando o resto que teñen o mesmo posto só os contratan durante o curso escolar.
Mención aparte tamén merece no escrito do Comité que o Concello amplía case ao dobre de horas a algún persoal docente mentres que no resto desta Administración local hai persoal técnico a media xornada que realiza horas extraordinarias de xeito continuo e o Concello segue sen lle aumentar a xornada.
Tendo en conta todo o mencionado o Comité de Empresa solicitoulle ao Concello de Betanzos o seguinte:
- Que o Concello informe ao Comité de Empresa sobre o proceso selectivo dos contratos anteriormente mencionados e que lle achegue toda a documentación do expediente relativo a estas novas contratacións, incluídos os informes dos distintos departamentos municipais xustificando a ampliación horaria de determinado contratos con respecto a anos anteriores.
- Que o Concello informe ao Comité de Empresa dos criterios para a ampliación de xornada dos traballadores laborais do Concello de Betanzos, tendo en conta os feitos mencionados e as negativas de ampliación de xornada en determinados postos que mesmo realizan horas extraordinarias que deben compensar e non cobran, fronte a outros traballadores, como os mencionados, aos que se lles amplía a xornada segundo a criterios que descoñecemos e solicitamos.
- Que o Concello especifique os horarios e días de traballo nos contratos do persoal da Escola Municipal de Folclore e o Conservatorio municipal.
- Que o Concello modifique o obxecto dos contratos, tendo en conta que o ensino en centros estables do Concello de Betanzos non é unha obra ou servizo determinada, posto que se vén realizando todos os anos de xeito periódico e sistemático, e que a propia existencia de persoal contratado durante todo o ano para ese centro avala a dúbida de que eses contratos sexan por obra ou servizo, tal e como os realiza o Concello.
- Que o Concello especifique os criterios de asignación de contratos durante o curso ou durante todo o ano entre o persoal exerce unicamente funcións de profesor e busque as solucións oportunas de cara a solucionar esta discriminación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario