O 13 de xuño de 2017 a CIG remitía
aos grupos do Congreso dos/as Deputados/as unha iniciativa para
modificar a lexislación estabelecendo o rexistro obrigatorio da
xornada laboral. A central sindical optaba por esta medida logo de
anos loitando pola súa implantación e despois de que a xustiza
española dera para atrás á obrigatoriedade de implantala.
Aos dous días o PSOE presentaba unha
proposta no sentido da achegada pola central sindical e, uns días
despois, EH Bildu outra. Tras do seu debate, o Congreso dos
Deputados/as aprobou, en outubro do 2017, a modificación legal
para que o rexistro fose obrigatorio, histórica demanda da CIG. PP e
Ciudadanos bloquearon cos seus votos en contra a posta en marcha desa
modificación legal.
Hai apenas un mes facíase público que
o goberno ten preparado o borrador desta reforma que contempla a
obriga das empresas a rexistrar a xornada de cada traballador e
traballadora a diario, incluíndo o horario concreto de entrada e
saída, e a remitir esa información mensualmente ás/aos
representantes sindicais.
Contra a flexibilidade horaria, as
horas extraordinarias e a fraude
En xaneiro e febreiro de 2010 a CIG
convocaba concentracións diante dos principais bancos de distintas
cidades galegas para denunciar os acordos de “flexibilidade
horaria” que se estaban impoñendo nos grandes bancos coa
complicidade de CCOO e UGT. Acordos que remataban coa xornada
regulada, dando paso ao traballo por obxectivos e que consagraban a
impunidade para realizar milleiros de horas extras.
Horas que eran e son unha fraude á
Seguridade Social e a Facenda, xa que non se cotizan, mais que tamén
eran e son unha fraude ao persoal desas entidades, porque máis do
60% das horas extras nin se pagan nin se cotizan e, ademais, impiden
a conciliación da vida laboral e persoal das traballadoras e
traballadores.
Cando esas entidades bancarias e
sindicatos chegaron a estes acordos a CIG propuxo xa a creación dun
sistema de control horario que non foi aceptado. Foron as distintas
Inspeccións de Traballo as que levantaron actas en base ás nosas
denuncias e iniciaron procedementos de sancións por extensión
ilegal de xornada. Pero seguiron sen se implantar sistemas de control
horario e de rexistro de horas.
A CIG puxo en marcha campañas e seguiu
desenvolvendo mobilizacións, ademais de presentar demandas contra os
bancos. Inicialmente a Audiencia Nacional deu a razón á central
sindical, pero foron precisamente os bancos rescatados (Abanca e
Bankia) quen recorreron ao Supremo. Entre mentres, as patronais
bancarias abriron –en 2017- procesos de negociación, que se deron
por rematados sen acordo despois do fallo do Tribunal Supremo
–emitido a raíz do recurso antes mencionado-, que lles deu a
razón.
A partir de aí preparouse a iniciativa
que posteriormente aprobou o Congreso e que deu no borrador que hoxe
ten o goberno sobre a mesa para o control horario obrigatorio.
Foi pois un longo periplo e un intenso
traballo en defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores,
non só do sector bancario senón tamén doutros sectores como o de
Servizos, onde o persoal sofre unha desregulación horaria, ou
extensión ilegal da xornada máis propia do século XIX, no
comercio, en grandes superficies ou en supermercados, entre outros.
Por iso a CIG considera indecente que
haxa agora organizacións sindicais que pretendan apropiarse en
exclusiva do traballo feito por esta central sindical, mais tamén
denuncia que desde o goberno se remitira esa proposta a esoutras
organizacións sindicais, pero non se fixera chegar ao noso sindicato
que foi quen, desde hai máis de 20 anos, vén denunciando esta
situación e reclamando un rexistro de xornada efectivo para rematar
coa precariedade, coa fraude á Seguridade Social, a Facenda e ás
propias traballadoras e traballadores.
Así, a CIG exixe ao goberno que poña
en marcha a modificación antifraude, instada pola organización
sindical e aprobada polo propio Congreso dos Deputados/as e deixe de
utilizala propagandisticamente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario