A CIG reclámalle á ministra de
Traballo unha nova lexislación laboral e social e a derrogación das
reformas laborais e das pensións
Unha representación da central
encabezada polo secretario xeral mantivo unha reunión con Magdalena
Valerio este xoves en Madrid
Unha delegación da CIG encabezada polo
seu secretario xeral, Paulo Carril, trasladoulle esta mañá en
Madrid, á ministra de Traballo, Magdalena Valerio, a preocupación
da central sindical polo enorme retroceso nos dereitos individuais e
colectivos da clase traballadora galega en materias como
contratación, despedimento, xornada, salario ou mesmo cumprimento,
ou negociación, dos convenios colectivos. A CIG, que vén
desenvolvendo nos últimos anos unha campaña continuada pola
recuperación de dereitos, reclamou, para iso, unha nova lexislación
laboral e social, en materia de negociación colectiva, de seguridade
social e de formación continua, ademais de demandar a derrogación
tanto das “contrarreformas laborais” como das pensións, entre
outras cuestións.
Na xuntanza -concedida logo de
reiteradas peticións que non foron contestadas, da denuncia pública
da actitude do Ministerio cando Valerio visitou Galiza e se limitou a
convocar á patronal, CCOO e UGT e tras facer pública unha carta na
que se lle reprochaba esta actitude- o secretario xeral, Paulo
Carril, lembrou que “o goberno non pode seguir negando a existencia
dunha realidade sindical plural, imparábel e incontestábel”
en Galiza, onde a CIG é a primeira forza sindical en representación,
en afiliación, en capacidade mobilizadora e en incidencia.
Así mesmo cuestionou que se confunda,
perverta e simplifique ao nocivo diálogo e concertación social, as
necesarias e razoábeis relacións entre os gobernos e as
organizacións sindicais.
Demandas da central sindical
A partir de aí a delegación da CIG
puxo sobre a mesa as demandas da central sindical para combater a
gravísima precariedade derivada das miserábeis condicións laborais
que provocan que hoxe ter un traballo non sexa garantía de
subsistencia e que levan, en Galiza, a miles de persoas a recorrer á
economía somerxida ou a emigrar para poder sobrevivir.
Unha situación da que Carril
responsabilizou aos gobernos que impuxeron as sucesivas
contrarreformas laborais que afondaron na individualización e
desregulación das relacións laborais facilitando e abaratando o
despedimento, tanto colectivo como individual; fomentando a pobreza e
os baixos salarios; impoñendo novas formas de contratación e
subcontratación –como o contrato a tempo parcial, as/os falsas/os
autónoma/os, as empresas multiservizos ou as axencias privadas de
contratación, entre outros- e xeneralizando así a precariedade.
Unha precariedade que afecta ao
conxunto da clase traballadora mais, como trasladaron, sofren
especialmente as mulleres, cuns salarios un 23% inferiores ao dos
homes. Unha fenda salarial que a CIG demandou combater e pór fin.
Por iso a representación da CIG -na
que xunto a Carril estaban a secretaria de Organización, Susana
Méndez, e o secretario confederal de Negociación Colectiva,
Francisco González Sío- fixo entrega das propostas da central
sindical nesta materia, nas que se que contempla un cambio de
normativa para recuperar os dereitos roubados, emprego estábel,
salarios dignos e un sistema público de pensións forte.
Unha normativa que debe conter, ademais
da derrogación desas contrarreformas, medidas como a eliminación
das cadeas de subcontratas, a reversión dos servizos privatizados ao
público, a eliminación da figura do falso autónomo, así como das
ETT e das axencias privadas de colocación ou a xornada laboral de 35
horas, entre outras.
Da urxencia desa derrogación das
reformas puxeron como exemplo o caso de Alcoa, porque o seu
mantemento deixa ao goberno sen mecanismos para frear EREs como o
proposto pola empresa, e ás traballadoras e traballadores indefensos
e ao pairo do que a empresa decida. Mais tamén urxiu a que se aprobe
dunha vez, por Lei, o control obrigatorio da xornada laboral para
rematar coa explotación laboral e coa fraude á Seguridade Social e
a Facenda, na liña da Iniciativa promovida pola CIG no Congreso das
Deputadas e Deputados e que foi aprobada en outubro de 2017.
Derrogación da reforma do sistema de
pensións
A representación da CIG puxo tamén
sobre a mesa que as reformas do sistema público de pensións -que
atrasaron a idade de xubilación aos 67 anos; desvincularon o
incremento das pensións do IPC; ampliaron a 25 o número de anos
para calcular a base reguladora; instauraron a aplicación do factor
de sostibilidade; atrasaron a idade de acceso á xubilación
anticipada e eliminaron, na práctica, a xubilación a tempo parcial-
provocaron un enorme deterioro das contías das pensións, que será
maior para as pensións futuras, e dificultaron o acceso ás mesmas.
Xunto a isto trasladaron o malestar da
CIG pola reforma da xubilación parcial con contrato de relevo que
veñen de aprobar o Goberno español e os sindicatos estatais CCOO e
UGT, que consideraron un novo retroceso nos dereitos da clase
traballadora porque afonda na discriminación e na desigualdade entre
as persoas traballadoras.
Por iso demandaron un compromiso do
Ministerio na defensa do sistema público de pensións, a derrogación
das reformas das pensións e o restablecemento da xubilación parcial
aos 61 anos, para o conxunto da clase traballadora coas condicións
previas á crise.
Mais tamén solicitaron da Ministra, e
por extensión ao goberno, que se impliquen e leven adiante
actuacións urxentes e inmediatas na defensa do futuro das fábricas
de ALCOA, na resolución do conflito dos mariñeiros de Long Hope e
dos emigrantes retornados e urxiron a que o Consello de Ministros
aprobe dunha vez o indulto de Carlos e Serafín, que demandaron á
maior brevidade posíbel.
Negociación colectiva
O secretario xeral da CIG puxo tamén
sobre a mesa a preocupación da central sindical polo desmantelamento
da negociación colectiva e os intentos obsesivos de centralización,
de estatalización das relacións laborais, xerándose situacións
de inxustiza e producíndose funcionamentos antidemocráticos, que
afastan da clase traballadora e dos centros de traballo o poder de
decisión e de control sobre as condicións de traballo.
Fronte a iso defendeu propostas para
que se respecte o dereito á negociación colectiva no ámbito
galego, a través de marcos normativos e de relacións
laborais, nos que a clase traballadora galega teña participación,
control e capacidade de incidir e decidir sobre as súas condicións
laborais e sociais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario