21/12/18

Resumo da postura da CIG na Mesa Xeral de Negociación


Hoxe tivo lugar a Mesa de Negociación da RPT e os motivos da CIG manifestados na mesa para non avalar a proposta de RPT presentada polo Concello foron os seguintes:

-Non respecta as sentenzas xudiciais de indefinición do persoal laboral para a creación dos postos.

-Non incorpora a totalidade das sentenzas xudiciais de indefinición existentes na actualidade.

-Exclúe 55 prazas de persoal laboral que traballa na actualidade no Concello, mais, pola contra, crea 9 prazas novas de funcionarios, e 8 delas para promoción interna.

-Agrava as discriminacións salariais entre o persoal laboral e o funcionariado e non aplica un sistema de valoración equitativo para a totalidade dos postos de traballo.

-Non valora igual postos iguais simplemente pola relación laboral ou funcionarial.

-Incorpora un factor discrecional na valoración do complemento específico.

-Carece dunhas normas de xestión e da definición dalgúns conceptos como dispoñibilidade, por exemplo.

-Atribúe niveis de complementos de destino superiores aos rangos permitidos pola lexislación en determinados postos.

-Supón unha rebaixa salarial importante con respecto ao Convenio colectivo vixente para o persoal laboral e un incumprimento do acordo de progresiva equiparación co funcionariado acadado no ano 2015 e que tivo como primeiro paso o acordo do Convenio colectivo.

A maiores, fíxose unha relación de varios erros que conteñen as fichas de diversos postos e que repercuten directamente na valoración do posto e no complemento específico e advertiuse a eliminación de cinco postos con carácter funcionarial de auxiliar administrativo e outro de condutor-alguacil.

UGT indicou que subscribía nun 90% o dito pola CIG e manifestou en consecuencia a súa postura na mesa. CCOO manifestou que estaba de acordo porque se recollían as súas propostas no relativo aos postos de auxiliar administrativo e que votaría a favor, CSIF, a pesar de manifestar o seu acordo co texto, fixo unha proposta económica de suba do valor do punto. O goberno municipal dixo que estudaría a proposta de CSIF e que a próxima reunión sería na Mesa Xeral de Negociación onde se chegaría a un acordo definitivamente ou non sobre unha nova Relación de Postos de Traballo.

Agora resta unha Mesa de Negociación, se o goberno decide continuar adiante coa Relación de Postos de Traballo, podería facelo mesmo sen o apoio dos sindicatos, non obstante todo parece que podería chegar a un acordo cos sindicatos que representan ao funcionariado, único colectivo beneficiado da aprobación deste documento. Logo da Mesa Xeral de Negociación, a RPT debería ser informada por Secretaría e Intervención e someterse a aprobación plenaria, onde se podería aprobar por maioría simple. De se aprobar provisionalmente, abriríase un prazo de alegacións, que deberían ser resoltas tamén no pleno e proceder, de ser o caso, á aprobación definitiva do documento. As alegacións que non fosen estimadas, igualmente poderían seguir a vía contenciosa nos casos en que fose posible.

Ningún comentario:

Publicar un comentario