A sentenza obriga a Administración
local a indemnizar as empregadas
O Xulgado do Social número 2 Ferrol
vén de condenar o Concello de Mugardos por vulnerar os dereitos
fundamentais de dúas traballadoras durante a folga de mulleres do
pasado 8 de Marzo. O xulgado recoñece que Administración vulnerou o
dereito á folga destas empregadas ao obrigalas a acudir aos postos
de traballo malia non estar incluídas nos servizos mínimos e
condena o Concello a abonarlle unha indemnización a cada unha de mil
euros por danos e prexuízos.
Dende a CIG-Administración de Ferrol
reciben con satisfacción as sentenzas, aínda que lamentan que non
se condene de maneira subsidiaria a alcaldesa, tal e como a central
solicitaba na súa demanda, ao tratarse "dunha decisión propia
que a rexedora converteu en algo persoal". De feito, nas
resolucións sublíñase que foi un acto totalmente arbitrario e
feito a capricho, xa que, ademais de saltarse o acordo de servizos
mínimos pactado co comité, non afectaba a servizos esenciais.
Carmem Viso, secretaria comarcal da
Federación de Administración, lembra que tamén se pedía condenar
o Concello por vulnerar o dereito da central sindical como entidade
xurídica convocante da folga de mulleres de 24 horas do 8 de Marzo.
Porén, esta solicitude que non foi estimada polo que a CIG estuda
agora presentar recurso.
En calquera caso, Viso recalca que o
verdadeiramente importante destas sentenzas, con independencia da
contía da indemnización ás traballadoras, "é que se recoñeza
que houbo unha violación do dereito fundamental á folga destas
compañeiras e que, por capricho da alcaldesa, se ignoraron os
servizos mínimos negociados coa representación social para
obrigalas a acudir aos seus postos".
Ningún comentario:
Publicar un comentario