A ocupación medra menos con respecto a
períodos anteriores e aumenta a diferenza entre as taxas de paro
masculina e feminina
O segundo trimestre do ano rematou en
Galiza con 18.600 persoas ocupadas máis que no trimestre anterior e
con 13.500 paradas menos. Trátase do peor dato de ocupación dos
últimos anos, xa que esta medrara en 25.700 no mesmo período de
2018. Ademais, a maior parte dos novos contratos tiveron carácter
temporal, superando o 90%, e foron asinados por homes (74,2%), o que
fai aumentar de novo a diferenza entre as taxas de paro masculina e
feminina.
Atopámonos diante dunha tendencia
positiva propia deste período ao incluír parte das contratacións
da época estival. As características do emprego creado tamén
marcan unha tendencia continuísta, xa que os postos de traballo
foron maioritariamente por conta allea, é dicir, asalariadas/os no
60% dos casos, e de carácter temporal (91% das novas persoas
asalariadas).
O medre da ocupación afectou en maior
medida ao sector servizos (7100 ocupados/as máis) e á industria,
con 5.800 novas contratacións; aínda que todos os sectores
rexistraron unha evolución positiva.
No que atinxe ao
sexo, a maioría do emprego creado foi entre os homes (74,2%), o que
provoca que volva medrar a diferenza entre as taxas de paro masculina
e feminina. Nas etapas de destrución de emprego as taxas
equiparáronse, chegando incluso a masculina a superar a feminina,
pero cando o emprego se recupera minimamente volven aumentar as
diferenzas, o que para a CIG amosa o papel secundario que as mulleres
continúan a ter no mercado laboral. A taxa de paro situouse neste
período no 11,3%: a dos homes baixou até o 10,7% e a das mulleres
continúa no 12%.
O medre da ocupación tamén mellorou a
situación dalgúns fogares que contaban con todos os seus membros no
paro. Con todo, rexístrase un número moi elevado de fogares
(52.200) con algún membro activo no que todos están parados
(trimestre anterior eran 55.000).
En resumo, os datos da Enquisa de
Poboación Activa (EPA) do segundo trimestre de 2019 amosan a
continuidade da tendencia xa coñecida: medre da ocupación de
carácter estacional e polo tanto temporal. Ao mesmo tempo, reflicten
que o incremento do SMI non provocou un aumento da destrución de
emprego, polo que dende a CIG consideran necesario afondar neste
sentido e apostan pola derrogación das reformas laborais que están
detrás da crecente precarización do emprego.
Políticas propias
O secretario confederal de Emprego e
Industria, Fran Cartelle, fai fincapé no feito de que os datos
deixan ver a menor baixada do desemprego no segundo trimestre dos
últimos anos, así como que esta se centre principalmente no sector
servizos. Sinala tamén que dous terzos dos empregos creados
compensáronse con esa cantidade de empregos destruídos, o que dá
idea da enorme rotación no mercado de traballo.
“Nunha xornada como a de hoxe, día
posterior ao da Patria Galega, á vista da situación de deterioro da
calidade do emprego e da desertización industrial do país non
podemos facer outra cousa que reclamar con máis forza a necesidade
de que Galiza posúa competencias plenas que nos permitan desenvolver
políticas industriais que aproveiten a enorme potencialidade dos
nosos sectores produtivos e políticas económicas e laborais que
sirvan para distribuír a riqueza e para mellorar as condicións de
vida da clase traballadora galega”.
Para Cartelle, a soberanía é a
ferramenta que nos permitiría rematar con esta realidade laboral na
que a precariedade e a inxustiza social avanzan da man de gobernos
que actúan ao ditado dos intereses da elite económica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario