A Inspección de Traballo estimou o pasado 5 de xullo a impugnación realizada pola Confederación Intersindical Galega con respecto ás eleccións sindicais do persoal laboral do pasado mes de xuño. Isto significa que a Inspección declara como válidos catro votos que foran declarados nulos na Mesa do persoal especialista e non cualificado, dos cales tres eran da Conferación Intersindical Galega.
A Mesa do persoal especialista e non cualificado terá que reunirse de novo e retrotraer o proceso ao reconto dos votos para estimar como válidos os que foran declarados nulos, a consecuencia será unha nova configuración dos delegados do Comité de Empresa, que haberá que comunicarlle de novo á autoridade laboral.
Cómpre destacar que por primeira vez en oito anos o concelleiro de Persoal acudiu á Inspección de Traballo a este laudo, cando nunca ten acudido a comparecer ante ningunha das demandas presentadas en oito anos no organismo provincial. Alí demostrou un interese moi particular en defender un proceso do que máis ben tiña pouco coñecemento mais con cuxos resultados está claro que estaba satisfeito.
A estimación da reclamación supón unha nova configuración que non beneficia tanto ao goberno municipal, xa que está claro que hai sindicatos que, tal e lle din aos propios traballadores, mesmo se asesoran co propio persoal municipal e amañan os asuntos tomando café co concelleiro, non nas Mesas de Negociación onde todo consta nunha acta e logo se fai público para coñecemento da totalidade do persoal.
A maiores, o feito de que o CSIF aínda non tivese constituído o Comité de Empresa, un mes e medio despois das eleccións sindicais, sendo o sindicato maioritario, demostra claramente que a finalidade do sindicato de funcionarios tendo representación en laborais era paralizar o funcionamento do Comité de Empresa e beneficiar así claramente ao goberno municipal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario