13/01/21

Reunión extraordinaria do Comité de Empresa

 O vindeiro luns terá lugar unha reunión extraordinaria do Comité de Empresa na que traballará en propostas que o Comité poida achegar de xeito conxunto á Mesa Xeral de Negociación para a regulación do teletraballo.

Na actualidade o teletraballo no Concello de Betanzos é máis unha ferramenta do goberno municipal para discriminar ao persoal pola falta de regulación. Por unha banda non se lle facilita o seu acceso á totalidade do persoal que o puidese desempeñar nas mesmas condicións, tampouco se regula un sistema de control para o persoal que teletraballa e por outra non se atenden as solicitudes realizadas para desempeñar o traballo nesta modalidade nin se regulan as condicións de quen así o presta.

A CIG leva meses insistindo na necesidade de regulación da prestación deste tipo de xornada na situación de pandemia actual mais o goberno de María Barral opta pola desregulación na organización das cuestións laborais á que nos ten acostumados, porque está claro que as inxustizas e as discriminacións son máis difíciles de reclamar no medio do caos organizativo.

Na actualidade, e de cara á regulación desta situación facemos un chamamento ao persoal para que nos realice achegas que poidamos incorporar neste proceso de negociación para a mellora da situación. Calquera compañeiro interesado pode facer as súas achegas sobre esta ou outras cuestións a cigconcellobetanzos@gmail.com.

Ningún comentario:

Publicar un comentario