25/06/13

Paga extra: "erros" e cousas estrañas que acontecen neste Concello

Non é a primeira que neste Concello hai compañeiros e compañeiras que se achegan aos delegados de cara a comprobar o cobro correcto da súa nómina e descubrimos abraiados como non todo o persoal cobra segundo o sistema retributivo do convenio, se nos referimos ao persoal que ten un posto contemplado na Relación de Postos de Traballo vixente, e igualmente, como o persoa ao abeiro de subvención tampouco ten un criterio único nos conceptos que compoñen a súa nómina, senón diversos criterios que atenden a razóns que nalgúns casos parecen, cando menos, de dubidosa obxectividade.

As reclamacións por parte do Comité de Empresa en materia de retribucións veñen de vello e foron especialmente numerosas o ano pasado cando o Concello tentou aprobar unha nova Relación de Postos de Traballo que consolidaba discriminacións históricas e realizaba subas de salario inxustificadas. Nunca, e xa vai case un ano, o Concello foi quen nin sequera de lle responder ás reclamacións do Comité de Empresa e con responder, xa non se agardaba unha posible solución, senón unha resposta que defendese o texto que presentaban, mais iso nunca aconteceu e levounos a pensar o que sospeitabamos, ou, polo menos, sospeitamos ata que o Concello responda a moitas das reclamacións efectuadas en materia de retribucións, que neste Concello non hai, en moitos casos, un criterio obxectivo no pagamento das retribucións.

No caso do cobro da paga extra, a pesar de que o goberno do Estado nos roubase a paga extra do mes de decembro de 2012, xa con anterioridade, en agosto do ano 2012, o Comité de Empresa lle fixera ao Concello unha solicitude de documentación nunca entregada que nos fixo sospeitar que algún problema había con esta e efectivamente, o cobro da paga extra vén regulado no artigo 22 do Convenio colectivo e logo de observar que hai compañeiros que semellan non cobrar o que lles corresponde na paga e á vista de que este mes cobrarase coa nómina a extra do mes de xuño o Comité, por inciativa da CIG presentoulle unha nova solicitude ao Concello para que lle facilite a documentación requirida en agosto de 2012 con respecto ao complemento extra das pagas de cara a comprobar a aplicación do artigo 22 do convenio colectivo no conxunto do persoal laboral do Concello de Betanzos, para que o Concello informe sobre o motivo da non aplicación do artigo 22 do convenio colectivo, no que ten que ver co cobro da paga extra, a diversos traballodores e que,  no caso de efectivamente existir un agravio discriminatorio, se corrixa de inmediato e se reflicta xa no cobro da paga extra do mes de xuño dos traballadores afectados.

Debido a isto, consideramos que non está demais lembrar o que indica o convenio colectivo con respecto ás retribucións da paga extra de cara a comprobar a próxima nómina e efectuar a reclamación correspondente no caso de haxa máis persoal na mesma situación.

Art. 22 Convenio colectivo persoal laboral Concello de Betanzos

 “Todo o persoal terá dereito a duas pagas extraordinarias que se abonarán co salario mensual de xuno e decembro.
A contía de cada unha das pagas será igual a unha mensualidade do salario segun o artigo anterior, prorrateado polo tempo de servicio prestado.
Recoñecese para o persoal laboral, o incremento nas pagas extraordinarias, previsto no Acordo de modernización e mellora Administración -Sindicatos, de 15 de novembro de 2002 (BOE do 18), na contía determinada no capitulo XIX, do titulo VI, adaptándose as categorías do presente convenio segun se dispon no anexo y. Este incremento verase incrementado anualmente segun corresponda na ley de presupostos.”

                         GRUPO                 COMPLEMENTO PAGAS (cada paga)

1................................. 490,00 euros
2................................. 379,43 euros
3................................ 293,11 euros
4................................. 249,92 euros
5................................. 179,27 euros



Traballo dos delegados de prevención

Nos pasados días os delegados de prevención da CIG, xunto co técnico de prevención de riscos laborais da CIG veñen visitando, logo de o Concello lles dar a autorización, distintas dependencias municipais co fin de coñecer de primeira man os riscos dos distintos postos de traballo do Concello e comprobar de primeira man en que medida as avaliacións de riscos laborais dos distintos postos de traballo se corresponden coas realizadas pola Mutua e entregadas polo Concello na reunión de constitución do Comité de Seguridade e Saúde que tivo lugar hai un par de meses.

Ao longo destes meses, se o Concello segue a permitir estas visitas, os compañeiros de prevención continuarán con este traballo e farán todas as achegas que consideren pertinentes nas reunións do Comité de Seguridade e Saúde de cara a mellorar as avaliacións realizadas pola mutua que o Concello ten contratada, e que, a primeira vista, resultan, cando menos, incompletas e non axustadas na totalidade á realidade laboral do catálogo de postos do Concello de Betanzos.

Índice de Igualdade de xénero

O Estado español logrou un aprobado raso, cunha nota de 54 sobre 100, no Índice de Igualdad de Género que publica a Comisión Europea por primeira vez este ano; un resultado que coloca a situación das mulleres do Estado español en liña coa media europea, tamén con 54 puntos, pero lonxe dos países nórdicos, onde os resultados superan os 70 puntos.
O exame, realizado polo Instituto Europeo para a Igualdade de Xénero (EIGE, polas súas siglas en inglés), sinala a necesidade de "cambios" nas políticas europeas para "acelerar" o proceso de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres na Unión Europea, segundo explicou a directora do instituto, Virginija Lanbakk.
Para elaborar este índice tivéronse en conta seis campos diferentes e púxose nota á situación da muller con respecto ao home en todos eles, dende o poder que teñen na toma de decisións das súas empresas ata os ingresos que obteñen ou a educación e formación que reciben.
O primeiro campo avaliado é o da posición que ocupan as mulleres no mercado laboral de cada país, área no que as mulleres do Estado español, cunha nota de 61,3, quedan por debaixo dos 69 puntos que obteñen as europeas de media.
En comparación coa media da UE, as españolas tamén suspenden ao medir as desigualdades en salarios e posición económica, cunha nota de 60,7 fronte ao 68,9 europeo, e cando se trata da xestión do tempo, que ten en conta o peso do traballo e outras actividades na súa xornada, onde o Estado español obtén 33,8 puntos e a UE, unha media de 38,8.
No resto de áreas examinadas, o Estado español mellora a media europea. Así, suma 53,5 puntos e supera os 48,9 da UE no campo do coñecemento, que ten en conta o acceso á educación e formación. Tamén mellora os 38 puntos de media da UE no que se refire ao peso das mulleres no mundo da empresa e da política e obtén 47,2 puntos.
Por último, as mulleres do Estado español obteñen unha nota de 90,7 en cuestións sanitarias como o acceso aos servizos de saúde, onde a media da UE é de 90,1.




19/06/13

O Comité de Empresa solicítalle ao Concello que convoque con carácter de urxencia a Comisión Negociadora do convenio

O Comité de Empresa, por inciativa da CIG, logo de que o Concello de Betanzos leve cinco meses sen convocar a Comisión Negociadora do Convenio colectivo do persoal laboral e que, por tanto, a negociación estea paralizada, e ante a posibilidade de que o persoal laboral deste Concello quede sen convenio colectivo e a urxencia e necesidade dun marco legal claro para os traballadores do Concello de Betanzos con contrato laboral, solicitoulle con carácter de urxencia ao Concello que se retome a negociación do convenio do persoal laboral e se reúna a Comisión Negociadora do Convenio coa máxima brevidade e urxencia posible para intentar solventar esta situación.

Dende a CIG consideramos esta situación gravísima, posto que nuns meses haberá dous anos que o convenio foi denunciado e en todo este tempo o Concello de Betanzos non fixo máis que poñer atrancos na negociación e paralizala no momento en que houbo as primeiras queixas por parte dos representantes do funcionariado, para os que resulta incomprensible unha negociación de laborais na que non toman parte.

Á nula vontade negociadora do PSOE de Betanzos se lle xuntou a reforma laboral ideada polo PP para deixar sen efecto miles de convenios en todo o Estado e a millóns de traballadores sen a protección legal que ata o momento tiñan. A reforma laboral efectivamente foi un tema chave que debeu acelerar a negociación do convenio no momento en que se publicou, mais non é menos certo que xa daquela neste Concello poderiamos ter pechado un novo convenio porque xa había bastantes meses que fora denunciado e presentada a proposta de texto do Comité de Empresa, o Goberno local, pois, non quixo negociar daquela e agora os feitos indican en que pretende deixar aos laborais sen convenio colectivo.

O propio concelleiro de Persoal, logo de que o Comité lle preguntase de novo polo tema, dixo que para o mes volverá a haber negociacións, mais como xa son tantos meses escoitando o mesmo, o certo é que o tema comeza a cansar e xa non hai quen o crea. É obvio que o PSOE de Betanzos está tirando da corda ao máximo para deixar ao persoal laboral sen marco legal, logo alegar que o Estatuto Básico do Empregado Público non é de aplicación para os laborais cando non lle convén como ten defendido nalgún xuízo en anos pasados e baseándose en que deixa aos traballadores contra as cordas iniciar unha negociación de mínimos para reducirlle dereitos ao persoal laboral, e deixalos, unha vez máis como traballadores de segunda fronte aos funcionarios. Se esta non fose a súa verdadeira intención tivo tempo abondo para o demostrar e o único que demostrou foi un nulo interese por negociar un marco legal para os traballadores laborais do Concello de Betanzos.

18/06/13

Horario de verán do Local do Comité de Empresa

Ao igual que o ano pasado, e logo de tratalo na última reunión do Comité de Empresa, o horario do Local do Comité de Empresa será durante os meses de xuño, xullo e agosto de 12:00 h a 14:00 h os martes e xoves.

Lembrámosvos que para calquera consulta ou dúbida os compañeiros e compañeiras delegadas están eses dous días de atendemento no Local do Comité de Empresa. Igualmente, e con motivo da época estival o local non abrirá, agás que haxa algún tema de máxima importancia, durante o mes de agosto.

13/06/13

Os delegados de prevención da CIG rexistran as queixas polas deficiencias nas revisións médicas da vixilancia da saúde 2013

Os delegados de prevención de riscos laborais presentaron por escrito ao Concello as súas queixas con respecto a diversos problemas acontecidos nas revisións médicas realizadas no pasado mes de maio e solicitaron tratar este tema na vindeira reunión do Comité de Seguridade e Saúde que debería ter lugar nas vindeiras semanas.

Entre as queixas rexistradas faise referencia á incomodidade do lugar onde se realizaron, a que estas revisións non foron específicas de cada posto de traballo, tal e como indica a LPL 31/95 e como o propio concelleiro de Persoal indicou que serían e que se observaron diversas deficiencias.


Saúde e seguridade no traballo: a Comisión inicia unha consulta pública sobre o futuro marco de actuación da UE



A Comisión Europea iniciou unha consulta pública para solicitar as percepcións e achegas do público a raíz dos resultados da avaliación da estratexia europea de saúde e seguridade no traballo (2007-2012), que ha de axudar a definir os retos actuais e futuros no ámbito da saúde e seguridade no traballo e a buscar solucións para abordalos.


Todos os cidadáns e todas as organizacións están invitados a participar nesta consulta, que estará aberta do 31 de maio ao 26 de agosto de 2013.
Búscase principalmente a participación de representantes das autoridades públicas dos Estados membros, de organizacións sindicais e patronais e doutras partes e expertos con interese no ámbito da saúde e a seguridade no traballo.
László Andor, Comisario de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión, declarou: «Os accidentes laborais rexistran un mínimo histórico e as normas da Unión Europea en materia de saúde e seguridade no traballo son un referente para o resto do mundo. O investimento en seguridade ocupacional paga a pena, pois permite aumentar a produtividade e o benestar dos traballadores, reducir o absentismo e os cambios de persoal e obter unha maior satisfacción no posto de traballo, especialmente durante a crise. Non obstante, este ámbito de actuación tamén presenta retos, e xuntos temos que encontrar solucións para abordalos.
A Comisión publicou hoxe, como base para a consulta, os resultados da avaliación da estratexia europea de saúde e seguridade no traballo 2007-2012.
As conclusións desa avaliación confirman a importancia que reviste a dimensión europea da política de saúde e seguridade no traballo, en particular polo que se refire á tendencia positiva na redución dos accidentes laborais e ao papel da estratexia da UE na coordinación de esforzos e a provisión dun marco común de actuación.
No futuro será necesario seguir actuando, en particular para mellorar a aplicación das disposicións de saúde e seguridade no traballo nas PEME e nas microempresas, para deseñar unhas ferramentas máis precisas de seguimento e recompilación de datos, para centrar mellor a atención nos riscos e as enfermidades profesionais emerxentes e para afrontar con máis eficacia os problemas de saúde e seguridade no traballo relacionados co envellecemento da poboación en idade de traballar.
Antecedentes
Dende 2002, a UE desempeña o seu papel político no ámbito da saúde e a seguridade no traballo por medio de estratexias plurianuais adoptadas formalmente pola Comisión tras as correspondentes consultas e aplicadas voluntariamente polos Estados membros e as partes interesadas.
Ata agora adoptáronse dúas estratexias na materia: a primeira en 2002, que abrangueu o período ata 2006, e a segunda en 2007, que chegou ata 2012.
A estratexia 2007-2012 fixou un obxectivo ambicioso para todos os Estados membros: reducir os accidentes laborais nun 25%. Ademais determináronse varios obxectivos específicos, entre eles:
  1. mellorar o marco regulamentario da UE en materia de saúde e seguridade no traballo, e perfeccionar a súa aplicación;
  2. adaptar o marco aos cambios no lugar de traballo;
  3. deseñar estratexias nacionais coherentes adaptadas ao contexto específico de cada Estado membro, e
  4. fomentar cambios nas condutas e promover unha cultura preventiva en todas as capas da sociedade.
En abril de 2011, a Comisión publicou unha revisión intermedia da estratexia 2007-2012. A avaliación final, xa dispoñible en liña, baséase nun amplo proceso de consulta con todas as partes interesadas deste ámbito: autoridades públicas dos Estados membros encargadas da saúde e a seguridade no traballo, organizacións sindicais e patronais a nivel nacional e da UE, expertos na materia, etc.
Máis información:

Exposición a riscos no traballo. Principais resultados da VII Enquisa Nacional de Condicións de Traballo.

A Enquisa Nacional de Condicións de Traballo (ENCT) pretendeu ser, dende os seus inicios en 1987, un instrumento pertinente e eficaz para o coñecemento das condicións de traballo dende a perspectiva da súa influencia na saúde física, psíquica e social dos traballadores; o seu obxectivo é facilitar este coñecemento para definir accións prioritarias de seguridade e saúde e nutrir a reflexión sobre as políticas de prevención e investigación.

En 2011 o INSHT realizou a VII Enquisa Nacional de Condicións de Traballo (VII ENCT) que contou cunha mostra de 8.892 traballadores ocupados.
Mediante entrevista persoal no domicilio do traballador e cun cuestionario de 62 preguntas, os traballadores son preguntados sobre os aspectos máis relevantes das súas condicións de traballo: condicións de emprego, ambiente físico de traballo, contaminantes físicos e biolóxicos, riscos e causas de accidente, carga física de traballo, factores psicosociais, organización do tempo de traballo, participación e actividades preventivas na empresa, danos á saúde, etc.
As seguintes páxinas resumen algúns dos principais resultados sobre exposición desta Enquisa e, cando foi posible, a comparación destes resultados cos obtidos en 20072 (VIN ENCT).
Entre os contidos tratados neste resumo figuran:
  1. O tempo de traballo: redúcese a xornada semanal e continúan os horarios atípicos
  2. Exposición a riscos físicos
  3. Demandas físicas requiridas
  4. Exigencias da tarefa: aumenta a intensidade e o ritmo de traballo
  5. Falta de autonomía: especialmente acusado entre os temporais, os menores de 25 anos e os de nacionalidade estranxeira
  6. Apoyo social, desenvolvemento de habilidades e autorrealización
  7. Sobre danos á saúde



Ligazón á "Exposición a riscos no traballo. Principais resultados da VII Enquisa Nacional de Condicións de Traballo".

Convocadas as Axudas da Xunta de Galicia para a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico e complementario destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial, en centros sostidos con fondos públicos, no curso escolar 2013/2014

Diario Oficial de Galicia nº 103 de data 31/05/2013

1 - ORDE do 30 de maio de 2013 pola que se convocan axudas para a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico e complementario destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial, en centros sostidos con fondos públicos, no curso escolar 2013/2014.

O prazo de presentación de instancias será o seguinte:

a) Para o alumnado de educación primaria e educación especial: do 3 de xuño ao 3 de xullo de 2013, ambos inclusive.
b) Para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que formalice a matrícula no prazo ordinario: do 25 de xuño ao 26 de xullo de 2013, ambos inclusive.
c) Para o alumnado de educación secundaria obrigatoria que formalice a matrícula no prazo extraordinario: do 2 de setembro ao 2 de outubro de 2013, ambos inclusive.
d) Para as novas incorporacións de alumnado que se produzan ao longo do curso con posterioridade aos períodos indicados, sempre que no mesmo curso escolar non estivesen matriculadas con anterioridade nun centro sostido con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo será dun mes e contarase a partir do día seguinte ao da formalización da matrícula. En todo caso, o prazo para presentar a solicitude para as novas incorporacións terá como data límite o 31 de marzo de 2014

Para acceder o DOG de 31 de maio de 2013, prema AQUI

O forte incremento do prezo dos alimentos e das medicinas acrecenta as dificultades da maioría da poboación galega


A CIG alerta do cada vez maior deterioro das condicións de vida da maioría social e o alarmante risco de exclusión social

O IPC medrou en Galiza o 1,8% respecto do mes anterior. Os produtos que máis contribuíron a este incremento foron precisamente os da cesta básica: alimentos e medicinas. A CIG denuncia que isto afecta especialmente ás persoas desempregadas e pensionistas, mais tamén ás traballadoras e traballadores que viron diminuídos nestes últimos anos os seus ingresos. A central sindical alerta de que esta situación provoca que o risco de pobreza e exclusión social sexa cada vez maior e do enorme deterioro que se está a producir nas condicións de vida da maioría das galegas e galegos.
O Gabinete Técnico de Economía da CIG advirte das consecuencias que este incremento de prezos terá para a poboación pensionista, con ingresos medios por debaixo dos 600 euros e que é, ademais, a que dedica a maior parte da súa pensión a alimentos e medicinas. E non só para elas, senón tamén para todas as familias que hoxe en Galiza se sustentan grazas a eses ingresos.
O Gabinete atribúe o incremento de prezos dos medicamentos á retirada de moitos deles do chamado “Catálogo de Medicamentos” e afirma que “cantos máis medicamentos saen do catálogo, máis medra o prezo dos mesmos para beneficio das multinacionais farmacéuticas o que por un lado, non favorece o pretendido aforro público e, polo outro agrava a xa castigada situación económica dos fogares, nomeadamente dos pensionista”.
Do mesmo xeito, advirte que a suba dos prezos dos alimentos afectará fundamentalmente á poboación sen ingresos ou con fortes dificultades económicas. De feito, en Galiza había xa no mes abril 127.000 persoas desempregadas que non cobran ningunha prestación.
Este incremento de prezos deteriora aínda máis as condicións de vida do conxunto das traballadoras e traballadores, xa que a medida que se reducen os seus ingresos a proporción dos mesmos destinados á cesta da compra é cada vez maior. Algo que non ocorre para quen teñen maiores ingresos, xa que o peso da cesta da compra representa só unha ínfima porcentaxe no conxunto dos seus gastos. As desigualdades sociais son pois cada vez maiores e o risco de pobreza e exclusión é a esta altura alarmante.
IPC Maio.

Variación anual (%)

2013/Maio

España
Galicia
Xeral
1,7
1,8
Alimentación e bebidas non alcohólicas
3,4
3,3
Bebidas alcohólicas e tabaco
4,3
4,4
Vestido e calzado
0,3
0,2
Vivenda
0,1
0,6
Enxoval
1,4
1,8
Medicina
13,5
13
Transporte
-0,1
-0,2
Comunicacións
-4
-4,1
Ocio e cultura
1,6
1,4
Ensino
10,4
4
Hoteis, cafés e restaurantes
0,7
1,4
Outros bens e servizos
2,9
3,2