30/03/15

A prevención do estrés no traballo: lista de puntos de comprobación

A Organización Internacional do Traballo ten realizado un documento cuia finalidade é examinar temas laborais de estrés. Inclúe puntos de comprobación que permiten identificar estresores na vida laboral e a adopción de medidas para facerlles fronte. Os puntos de comprobación da publicación poden empregarse de xeito xeral, aínda que o recomendable é vinculalos ás carácterísticas específicas da organización. 

Segundo se especifica no manual, o estrés debe recibir o mesmo trato que calquera outro risco, realizando unha auténtica política de prevención dentro da empresa.

Os puntos de comprobación se estruturan nos seguintes apartados:

O liderazgo e xustiza no traballo  (Puntos de comprobación 1–5)
As esixencias do traballo  (Puntos de comprobación 6–10)
O control do traballo  (Puntos de comprobación 11–15)
O apoio social  (Puntos de comprobación 16–20)
O ambiente físico  (Puntos de comprobación 21–25)
O equilibrio entre vida e traballo e tempo de traballo  (Puntos de comprobación 26–30)
Recoñecemento no traballo (Puntos de comprobación 31–35)
Protección contra a conducta ofensiva  (Puntos de comprobación 36–40)
Seguridade no emprego  (Puntos de comprobación 41–45)
Información e comunicación (Puntos de comprobación 46–50)



29/03/15

Sentenza condenatoria para un empresario por un accidente en traballos iniciados sen estar aprobado o plan de seguridade

O xulgado do Penal de Soria condeou a un empresario a nove meses de cárcere como autor dun delito contra a seguridade dos traballadores e dous de lesións por imprudencia. Asl mesmo na sentenza recóllese a inhabilitación durante un ano e medio para o exercicio da profesión de construtor. Ademaís deberá aboar unha multa de 540 euros e unha indemnización de 3.693, 92 euros aso traballador accidentado de forma conxunta coa compañía de seguros e coa empresa da que era administrador único.

O accidente tivo lugar nunha obra de rehabilitación de cuberta e fachada dun edificio; dous traballadores xunto co propietario da empresa, que exercía as funcións de dirección e encargado da obra, realizaban labores de  retirado de material da cuberta, empregando para este fin unha cesta elevadora autoportante; no momento do accidente os dous empregados estaban na rúa realizando labores de retirada do material da cesta, cando parte do hastial e dúas vigas caeron sobre eles, resultando golpeados.

Segundo a sentenza o empresrio “debeu proporcionar aos traballadores as medidas necesarias para que puideran desenvolver o traballo nas axeitadas condicións de seguridade para a súa integridade física”; queda probado que o empresario non proporcionou cascos aos traballadores e só entregou un arnés a un deles.  Ademáis “ a empresa carecía de organización da actividade preventiva e non tiña proporcionado aos traballadores ningún tipo de formación”.

En relación ao Plan de seguridade e saúde, na sentenza se indica que “non se deberían ter iniciados os traballos de rehabilitación, pois o plan de seguridade e saúde en obra tiña un contido xenérico, que non se adaptaba ás características particulares da obra e que non fora aprobado aínda pola dirección facultativa”. Esta tiña advertido ao empresario de que “non podían iniciarse as obras ata que  o plan estivese aprobado e subsanados defectos que contiña”.



Aprobada a Reforma da Formación Profesional para o Emprego

Formación


O Real Decreto-lei 4/2015, de 22 de marzo, para a reforma urxente do Sistema de Formación Profesional para o Emprego no ámbito laboral, foi publicado no Boe o día 23 de marzo de 2015

Como cuestións a destacar, cabe citar as seguintes:
- Imprantarase a conta-formación, que vai a acompañar ao traballador/a ao longo da súa carreira profesional, co fin de acreditar o seu historial formativo e de orientar a oferta formativa de xeito que se poida incrementar a súa empregabilidade.
- A teleformación consolidarase como un instrumento que permita flexibilzar e dotar ao sistema de maior eficacia.
- No novo sistema a formación no seo da empresa será clave; inclúese a posibilidade de impartición na propia empresa, no caso de que se dispoña dos medios precisos para tal fin, sexan estos propios ou contratados. As empresas poderán encomendar a impartición da formación a entidades externas (axentes sociais, estruturas paritarias ou outras entidades externas) que deberán estar acreditadas e/ou inscritas no correspondente rexistro.  Se simplificarán os procesos de xestión administrativa.
En relación coa formación para desempregados, se poñerá en marcha o "cheque-formación" para que sexa o desempregado o que escolla a entidade da que recibirá a formación.
Ligazón ao Real Decreto-lei 4/2015, de 22 de marzo


27/03/15

Observacións ás convocatorias publicadas no BOP

A CIG vén de presentar por rexistro unha serie de achegas ás bases dos procesos selectivos para a cobertura dos postos de psicólogo/a e auxiliar administrativo/a de Servizos Sociais que se publicaron este mes no BOP. Unha vez máis, consideramos que as bases non se axustan na súa totalidade á lexislación en materia de provisión de postos da Administración pública e así llo fixemos saber ao goberno municipal de cara a que corrixa os devanditos puntos nesta convocatoria.

Si que consideramos que cómpre destacar, que por primeira vez en case catro anos o Concello incluíu en ambas as bases o seguinte:

"As retribucións, así como as condicións laborais axustaranse ao establecido no convenio colectivo deste Concello e demais lexislación de aplicación".

Que é algo que a CIG leva reclamando tanto como Sección sindical, como a través do Comité de Empresa, desde que chegou a este Concello, que todo o persoal laboral independentemente do seu tipo de contrato teña os mesmos dereitos ao abeiro do convenio colectivo en vigor. O certo é que a pesar de rexistrarmos tantas solicitudes e comunicacións ás que o Concello non responde, isto non fai máis que darnos folgos para continuar a facelo, porque entendemos que, polo menos, le o que lle trasladamos, e, de cando en vez, cae na conta de que hai cousas que se veñen facendo dun xeito por costume mais que non respondían a ningunha lóxica e afondaban nas discriminacións e máis desde que a lexislación laboral indica que o persoal non pode ser discriminado en función do seu tipo de contrato.


25/03/15

Boletín CIG - Saúde Laboral N.º 13

GABINETE TÉCNICO CONFEDERAL DE SAÚDE LABORAL – CIG

O Boletín CIG Saúde Laboral Nº 13 destaca na súa portada o novo servizo que o Gabinete Técnico Confederal da CIG ven de introducir na súa web: o asesoramento técnico on line. Esta ferramenta nace co fin de facilitar o acceso ao servizo de asesoramento en materia de prevención de riscos e saúde laboral, servizo que o Gabinete está a prestar dende hai anos basicamente a través dos puntos de asistencia territorial. As consultas recibidas a través do formulario que o usuario/a cumprimenta e nos remite, sempre serán atendidas polas técnicas e técnicos en prl do Gabinete, garantindo sempre a confidencialidade dos datos facilitados e que estos únicamente se empregarán coa finalidade de respostar á consulta recibida.

O Boletín CIG-Saúde Laboral Nº 13, pode descargarse premendo na seguinte ligazón ou acudindo á portada da web, ao espazo específico que ocupa o Boletín. O Boletín únicamente se publica en formato dixital.

O sumario deste número conta co artigo de Análise-Opinión"A ineptitude sobrevida derivada do deterioro da saúde do/a traballador/a, como consecuencia das neglixencias da empresa en materia de seguridade e saúde laboral"; baixo o epígrafe Sabías que...? atopamos información sobre "A vixilancia da saúde: concepto, obrigas, principios."

En Opinión desenvolvense "Algunhas consideracións sobre os novos estatutos do ISSGA" e finalmente en Información atoparemos o artigo "O Ministerio de Sanidade detrae poder e capacidade de decisión ás CCAA sobre os servizos de medicina do traballo dos SSPPAA".


Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral

CIG


Anteproxecto de Lei do Sistema de Inspección de Traballo e Seguridade Social


No Consello de Ministros do pasado 13 de marzo, se procedeu a informar sobre o Anteproyecto de Lei Ordeadora do Sistema de Inspección de Traballo e Seguridade Social que inclúe a creación dunha escala de Subinspectores de Seguridade e Saúde no Traballo. Este Anteproxecto supón a actualización da normativa vixente, que data de 1997. A futura Lei prevé un incremento dos recursos destinados pola Inspección para a prevención de riscos laborais e para combatir a sinistralidade laboral. Con este fin se creará dentro da Inspección unha nova Escala de Subinspectores de Seguridade e Saúde no Traballo.

Segundo o resumo do informe, a Lei pretende potenciar as capacidades de actuación da Inspección de Traballo e Seguridade Social a través de varias vías:
Implementando un modelo xeralista de inspección, máis eficiente e con procedementos de actuación simplificados: na visita á empresa, o Inspector actúa en todalas materias competencia da Inspección (relacións laborais, seguridade e saúde laborais, Seguridade Social)
Actualizando os medios operativos, coa incorporación das novas tecnoloxías da información e a comunicación nas relacións cos traballadores/as e as empresas.
Reforzando a independencia técnica do persoal inspector.

Tamén no marco desta nova lexislación se creará a Oficiña Nacional de Loita contra a Fraude, da que formarán parte os organismos implicados na loita contra a fraude laboral; as  funcións que se lle atribuirán serán a detección da fraude, a programación e a execución de actuacións inspectoras e a avaliación de resultados.

Esta Oficiña servirá de enlace coa Plataforma europea contra o traballo non declarado, plataforma que está en fase de preparación no marco da Unión Europea.

Detidos os compañeiros de brigada dun traballador falecido en accidente laboral

O pasado 1 de febreiro o electricista falecido reparaba unha avaría nun poste eléctrico de media tensión; cando estaba na parte superior do poste, sufriu unha descarga a consecuencias da que caeu dende 14 metros de altura e faleceu. A finais do mes de febreiro, no marco dunha operación denominada “Imprudente”, a Garda Civil procedeu a detención de tres traballadores, compañeiros do falecido, como presuntos autores dun delito de homicidio imprudente, así como de un delito contra o dereito dos traballadores.

Na investigación do accidente se estudiou o funcionamento e distribución das estacións, subestacións e dirección das liñas de tensión na zona, así como os protocolos de traballo da empresa que ten encomendado o mantemento da liña.

Segundo a investigación, o traballador falecido subiu ao poste sen atar o arnés da corda de seguridade e sen que se tivese comprobado a ausencia de tensión nin se tivesen colocado as tomas de terra portátiles na totalidade das fases co fin de crear unha zona de traballo segura. Tendo en conta as funcións que cada un dos membros da brigada tiña encomendadas, a Garda Civil determinou que estos son os supostos autores dun delito de homicidio imprudente así como dun delito contra os dereitos dos traballadores por unha imprudencia grave, por  non evitar que o falecido subise ao poste, sen tomar antes as medidas de seguridade oportunas.


As dilixencias instruidas pola Garda Civil, xunto cos detenidos, foron postas a disposición do Xulgado de Instrucción nº 4 de Almería.

A postura da CIG na sinatura do Acordo do persoal funcionario

O pasado luns tivo lugar a última Mesa Xeral de Funcionarios con respecto ao Acordo regulador do funcionariado. Finalmente este acordo foi asinado en solitario polo CSIF, logo do voto en contra de CCOO e a abstención de CIG e UGT.

Nun principio, e xa que a CIG non conta con representación entre o funcionariado, a nosa postura sempre foi defender a igualdade de dereitos entre laborais e funcionarios, labor que entendemos que se puido facer mellor ao estar presentes en ambas as negociacións. Non obstante, se algo tiñamos claro é quen debía chegar a un acordo eran os sindicatos con representación en funcionarios, CSIF e CCOO, que a diferenza do Comité de Empresa, no caso de funcionarios quen asina o acordo son os sindicatos. Se a isto lle sumamos que ao non ter representación o goberno néganos pola vía da non resposta documentación relativa ás cuestións que lle afectan ao funcionariado, obviamente a nosa posición non está en igualdade que os sindicatos que os representan, o que dificulta a toma de decisións con respecto a determinados temas que a algún dos sindicatos que os representan lle interesan dun xeito desmedido, como é o tema das horas extraordinarias e a teima do CSIF en que os funcionarios poidan facer máis que os laborais.

A CIG, pois, entendeu que quen debía achegar propostas eran os sindicatos que representan aos compañeiros funcionarios por teren un coñecemento directo da súa problemática e tamén consideramos que se CCOO E CSIF chegaban a acordo e os funcionarios decidían en asemblea que querían que se asinase ese novo texto pola nosa parte non habería ningún problema en facelo. Non obstante, o tempo foi pasando, e o que era a promesa inicial do goberno, a solución dalgúns dos problemas históricos de discriminación salarial que tamén algúns compañeiros funcionarios padecen, a través dunha nova Relación de Postos de Traballo, ficou no esquecemento e deu paso á mera negociación dun marco normativo que para este colectivo xa é indubidable (non é así no caso laboral onde ten habido moitas diverxencias na interpretación da lexislación para laborais) que finalmente só convenceu ao CSIF.

Por parte da CIG, decidimos finalmente absternos  a asinar un novo acordo para funcionarios co goberno municipal por dous motivos principais:

1. Entendemos que o goberno municipal deixou tirado ao colectivo de funcionarios ao non cumprir a promesa inicial de nova RPT e nin sequera elaborar un organigrama, que realmente foi o motivo inicial para o que a empresa Galivalia fora contratada e que non se cumpriu. Ademais, inicialmente mesmo se falaba dunha contía económica para amañar discriminacións salarias en ambos os colectivos (laborais e funcionarios) que finalmente foi destinada só para laborais, colectivo que efectivamente é o máis discriminado salarialmente neste Concello mais que non quita que o goberno adquirise un compromiso inicial con ambos colectivos que finalmente só cumpriu de xeito parcial.

2. Segundo nos informaron varios compañeiros, o acordo de funcionarios non foi sometido a votación na súa correspondente asemblea e a CIG sempre defendeu que son os traballadores e traballadoras os que deben decidir se os seus representantes asinan acordo ou convenio, por tanto entendimos que non podiamos asinar un acordo que non contaba co beneprácito do conxunto de funcionarios que asistiron á asemblea. No caso de laborais, aínda que si que se votou, tamén os delegados da UGT decidiron non respectar a vontade da asemblea de traballadores na Comisión Negociadora, así que tampouco nos estrañan xa nada os sindicatos que van por libre do persoal ao que representan e non teñen en conta a súa opinión para as decisións que lles afectan.

ACLARACIÓNS CON RESPECTO AO ACONTECIDO NOS ÚLTIMOS DÍAS



  1. A UGT desmarcouse no último momento da sinatura do convenio colectivo, cando hai menos dun mes na reunión do Comité de Empresa que se decidiu continuar coa negociación para presentarllo á asemblea todos os delegados da CIG e UGT votaron a favor agás un. Quen tivo un cambio de postura na negociación do convenio foi o sindicato minoritario, a CIG, desde o principio, amosou vontade de negociación e presentou propostas, a pesar de que advertiu que o eixe da negociacións debía ser a solución das discriminacións existentes. Para a UGT resulta moi doado dicir que coa súa abstención o convenio se vai aprobar igualmente e facerse as vítimas por ser minoría cando tamén se van beneficiar do acordo deste convenio, é dicir, non queren tomar parte mais si tirar proveito dos rendementos do traballo dos demais.
  2. Á asemblea xeral asistiron os traballadores e traballadoras que o estimaron oportuno, o poder de convocatoria é o do Comité de Empresa, que é o órgano que convoca e este está composto por cinco delegados da CIG e catro de UGT. Porque, UGT, aínda que parece que lle pese, tamén forma parte do Comité de Empresa, e se se quere desligar, teno moi fácil, que dimitan os delegados sindicais que entenden que este organismo non os representa. Por parte da CIG entendemos que o persoal debe tomar parte das decisións que lle afectan mais a asistencia á reunións é libre e o noso obxectivo é informar aos traballadores aos que lles interesa ter información e formar parte das decisións, quen estima que non é oportuno é libre de facer o que considere.
  3. Con este convenio ningún traballador sae perxudicado a nivel retributivo, é máis, quen cobra bastante máis que o resto dos compañeiros da súa categoría profesional por desempeño de igual traballo fica como está, de aí que a suba salarial non lle afecte ao 100% do persoal, efectivamente os que cobran máis por igual traballo non suben e só o fan os que menos cobran de cada categoría profesional até os mínimos salarios brutos anuais que o goberno municipal propuxo.
  4. Esta proposta económica foi a realizada polo goberno municipal baseándose nos salarios mínimos de cada categoría do persoal laboral da Xunta de Galiza. A única proposta de mellora foi presentada pola CIG, para que lle afectase tamén aos grupos 4 e 5, e o goberno decidiu que facía unha última contraproposta innegociable que supoñía unha suba dos salarios brutos mínimos anuais destes grupos. O resultado final era que a equiparación retributiva supoñía unha suba a 48 compañeiros e compañeiras baixo uns criterios obxectivos e equitativos, o resto, que ficaban como estaban, xa cobraban máis que os salarios mínimos propostos polo goberno municipal.
  5. Os textos do convenio colectivo foron repartidos polos delegados da CIG porque foron impresos no sindicato e con cartos do sindicato. Xa sabemos que a UGT lles gusta que lles dean o traballo feito mais se non queren nin molestarse en achegarlle o texto aos compañeiros antes da asemblea para que o poidan valorar que, polo menos, non teñan a cara de criticarnos por lle dar difusión.
  6. A CIG asinou o convenio porque así o decidiron, sen ningún voto en contra, os traballadores que participaron na asemblea, por outra banda, resulta totalmente escandaloso que quen formulou unha denuncia falsa contra unha delegada de prevención da CIG, unha vez demostrada a falsedade das acusacións, non tiveran nin sequera a decencia de pedirlle desculpas. A única e autentica verdade é que os compañeiros saben moi ben que e quen é cadaquén e iso quedou ben patente no discorrer da última asemblea.

24/03/15

Reunión extraordinaria do Comité de Empresa para ratificar a decisión tomada polos traballadores

Ante a nova postura da UGT, que hai un mes iniciou un dos seus delegados e que hoxe ratificaron tres deste sindicato, non estar a favor dun novo convenio colectivo, motivou que a presidenta do Comité convocase unha reunión extraordinaria do organismo coa idea de ratificar a decisión dos traballadores e mais o acordado na Comisión Negociadora de onte, é dicir, de que o Comité de Empresa decidise, e que o secretario puidese emitir unha certificación do acordo, que entende que a decisión da asemblea de traballadores é a que debe defender diante do Concello e, en consecuencia, asinar o novo convenio colectivo.

A postura da CIG sempre foi esta e mesmo UGT ata non hai moito nos comités entendía que os traballadores eran quen debía decidir, mais no último momento virou de opinión e decidiu que van por libre do que opinen os traballadores a quen representan, ata o punto que para tomar esta decisión veu á reunión extraordinaria un delegado da UGT que levaba máis dun ano sen aparecer polas reunións sen escusarse en ningún momento. Non obstante, a pesar da falta escusada dunha compañeira da CIG, o Comité decidiu con cinco votos a favor e tres abstencións que a decisión dos traballadores era a que había que defender e asinar ese novo convenio, que pendente duns detalles, se asinará ao longo desta semana.

A decisión de última hora de ratificar o acordo da asemblea xeral veu motivado polos continuos problemas que o asesor da UGT comezou a indicar na Comisión Negociadora porque defendía que o único acordo válido era o dos representantes do persoal laboral e non o da asemblea. Desde a CIG entendemos que está completamente errado porque o acordo válido é o da Comisión Negociadora do convenio e aí é onde a CIG defendeu a decisión da asemblea, non obstante convocouse este Comité extraordinario porque ante os últimos pasos dados polo sindicato socialista entendimos que ante futuras discrepancias sobre como foi a toma da decisión, non custaba nada tomar un acordo explícito que nos servise de garantía no proceso.

Ficou aínda máis claro hoxe, que a CIG asinou en solitario este convenio e entendemos agora a actitude de pasotismo durante tres anos de negociación, non obstante, é unha hipocrisía non amosar a verdadeira cara desde o principio e unha ABSOLUTA VERGOÑA E ESCÁNDALO que non defendan a opinión dos traballadores a que representan e só a deles mesmos nun alarde de falta absoluta de democracia da que tanto presumen.

Tamén agradecemos a un compañeiro do outro sindicato que se desmarcou e votou a favor da sinatura do convenio e mantivo, pois, a decisión tomada pola asemblea de traballadores. Porque a fin de contas, entendemos que isto xa non é unha cuestión de sindicatos, simplemente o é de respectar a vontade do votado polos compañeiros e compañeiras, xa que os delegados sindicais non somos máis que o elo na negociación co goberno municipal, e traballadores como todos os demais, aínda que haxa algúns que se deben considerar superiores a todos os demais.