Traballadores/as
maiores de 55.
A
poboación dos países economicamente desenvolvidos está
envellecendo, o que implica que os traballadores e traballadoras de
idade avanzada son unha porcentaxe crecente de man de obra. Este
aspecto suscita moitas controversias se o analizamos dende a
perspectiva da Prevención de Riscos Laborais, posto que se o
obxectivo de emprego da estratexia Europa 2020 é o de aumentar a
taxa de emprego da poboación de entre 20 e 64 anos, este obxectivo
implicará que un 75% dos traballadores e traballadoras de maior
idade en Europa terán que traballar durante máis tempo.
Dende
este punto de vista da Prevención de Riscos Laborais, tanto as
empresas como os traballadores e traballadoras terán que implementar
fórmulas concretas para mellorar as boas prácticas laborais e non
incorrer en situacións que poñan en perigo a saúde e en moitos
casos a propia seguridade do persoal. Neste senso é necesario facer
fincapé no aspecto de que ten que ser a empresa a que dirixa este
tipo de iniciativas, mais dende a idea fundamental da colaboración e
participación da poboación traballadora.
Como
aspecto fundamental da PRL sería preciso cuantificar nas empresas as
necesidades de axustes na produtividade, loxicamente a ningunha
empresa lle interesan traballadores/as que baixen o seu rendemento ou
que por motivo da súa idade se ausenten do traballo e en moitos
casos por períodos prolongados, polo que como antes se mencionaba,
se farán precisos os axustes axeitados nos postos de traballo que
non menoscaben a produción pero tampouco a seguridade e a saúde
dos/as traballadores/as. Para chegar a isto haberá que ter en conta
aspectos preventivos que normalmente e desgraciadamente nas empresas
non se avalían coa suficiente profundidade, porque en moitos casos,
van máis aló dos aspectos estritamente relacionados co posto de
traballo, falamos de aspectos como, hábitos de vida saudables,
formación para unha correcta ergonomía no traballo…, ademais das
melloras que haxa que implementar para que o deseño dos postos de
traballo se adecúen ás características individuais de cada
traballador/a. Igualmente teremos que “pelexar” coa idea
empresarial, moi estendida, de que implantar este tipo de medidas nas
empresas conlevará un custo económico, polo que debemos de defender
a idea, ou a tese, de que o gasto que lle pode supor á empresa as
ausencias dos/as traballadores/as por enfermidade se triplican cando
se trata de persoas de entre 30 e 50 anos.
Enlazando
coa anterior reflexión dos custos económicos cremos que o traballo
debe comezar porque as empresas asuman, en primeiro lugar, que non
poden solventar estas situacións con despedimentos de traballadores
de idade avanzada ou con xubilacións anticipadas masivas, e en
segundo lugar, que deben intentar fomentar nas empresas políticas
encamiñadas a realizar investimentos que fomenten os cambios
precisos para mellorar a produción en equilibrio coa atención á
seguridade e a saúde dos traballadores e traballadoras de idade
avanzada; ideas que non son incompatibles e que poderían pasar por
estipular fórmulas de xestión da saúde, fortalecer destrezas,
mellorar a contorna laboral, axuste de xornada laboral, rotación de
postos de traballo …, etc.
Como
se pode comprobar, son pequenas ideas que non supoñen demasiado
investimento económico e que redundarían na mellora da
produtividade sen ningún tipo de dúbida: hai experiencias “piloto”
en grandes empresas como BMW. Simplemente hai que ter en conta nas
avaliacións de riscos dos postos de traballo que están ocupados por
traballadores ou traballadoras de máis de 55 anos, que algunhas das
súas capacidades, sobre todo de carácter físico e sensorial,
diminúen coa idade. Os Servizos de Prevención deberían traballar
na adaptación dos postos de traballo ás características persoais
dos traballadores e traballadoras que os ocupan.
www.cigsaudelaboral.org
www.cigsaudelaboral.org
Ningún comentario:
Publicar un comentario