En
termos xerais é indubidable que os accidentes de traballo son máis
susceptibles de producirse en certos sectores de actividade,
consecuencia en moitos casos da realización de certas tarefas
profesionais que levan asociadas no seu desenvolvemento un potencial
maior nivel de risco.
Esta maior recurrencia e
incidencia dos riscos, e polo tanto dos accidentes, vese notablemente
incrementada cando o colectivo que desenvolve esas tarefas é o de
traballadores/as maiores de 55 anos. Aumento da vulnerabilidade
consecuencia directa do natural e progresivo deterioro das
capacidades psicofísicas asociadas aos procesos de envellecemento
dos seres humanos.
Se temos en conta o
progresivo e constante envellecemento da poboación traballadora que
se está a producir na maior parte dos estados europeos, e
especialmente no estado español, faise urxente e necesario deseñar
e poñer en marcha políticas axeitadas en materia de seguridade e
saúde no traballo, cuxo obxectivo sexa garantir a seguridade e a
saúde dos/as traballadores/as ao longo de toda a súa vida laboral,
especialmente en relación ao colectivo de traballadores/as maiores
de 55 anos, máis sensible e vulnerable.
Este incremento ou plus
da vulnerabilidade aos accidentes, pode e debe ser considerado como
un risco novo e emerxente (incrementado), non só tendo en
consideración a esfera individual do/a traballador/a directamente
afectado/a, senón tamén como consecuencia do notable
crecemento e repercusión do colectivo de traballadores afectados.
Efectivamente,
se atendemos á incidencia e as características da accidentalidade
deste colectivo, podemos construír un perfil
de vulnerabilidade que
claramente o define como un grupo laboral especialmente sensible,
especialmente afectado na súa saúde polas condicións nas cales
desenvolve o seu traballo. Así estabelecendo unha relación de
tendencias ou predisposicións que dun xeito non exhaustivo
configuran o máis significativo de dito perfil de vulnerabilidade,
atopámonos con:
- Maior vulnerabilidade
ás enfermidades infecciosas.
- Maior predisposición a
sufrir trastornos do sistema osteomuscular.
- Maior incidencia de
caídas por falta de equilibrio.
- Maior número de
accidentes por perda de agudeza visual, forza muscular, resistencia á
fatiga e/ou flexibilidade. Distensións, esguinces, etc.
- Maior incidencia de
enfermidades profesionais de longo período de latencia: cancro
profesional, enfermidades respiratorias, etc.
- Maior desactualización
profesional en procesos de constante evolución tecnolóxica.
- Maiores efectos como
consecuencia da exposición aos axentes químicos e biolóxicos.
- Maiores penalidades
para afrontar a realización de traballos pesados de alta esixencia
física.
- Peor adaptación aos
inaxeitados deseños ergonómicos para o manexo de máquinas e
ferramentas.
- Peor adaptación ás
estruturas horarias e a duración da xornada laboral.
Tendencias ou
predisposición en definitiva que requiren dunha avaliación dos
riscos específicos, que se agravan e acentúan como consecuencia
destas e outras vulnerabilidades derivadas da idade, e que sen dúbida
tamén necesitan da adopción de medidas de prevención e protección
específicas, así como das modificacións e adaptacións do posto de
traballo que en cada caso sexa necesario realizar.
Consecuencia
do progresivo e até agora imparable proceso de globalización e dos
avances tecnolóxicos aplicados á produción, aparecen en
escena novos
modelos de organización do traballo que
conlevan a introdución de tecnoloxías da información, novos
horarios e ritmos de traballo ou maior flexibilidade e desregulación
das relacións laborais. Isto unido a outros factores como a
diminución do tamaño das empresas ou a aparición de novos modelos
e tipoloxías de emprego, rematan por propiciar a aparición de
riscos novos e emerxentes que afectan especialmente a unha poboación
traballadora cada vez máis envellecida e susceptible a estes riscos
emerxentes, unha veces riscos novos e outras veces riscos coñecidos,
mais notablemente incrementados polas vulnerabilidades propias da
poboación traballadora maior de 55 anos á que afectan
especialmente.
É evidente e constatable
que a introdución de novos modelos de traballo e de prácticas
profesionais, rematan por facer emerxer novos riscos ao mesmo tempo
que aumentan o perigo e o alcance doutros riscos xa existentes,
especialmente se falamos da poboación traballadora de maiores de 55
anos. Así factores tales como os aumentos da carga de traballo, a
maior esixencia de rapidez na realización das tarefas ou os maiores
niveis de responsabilidade que o/a traballador/a ten que asumir no
seu desempeño, fan que finalmente aparezan riscos físicos e
psicosociais que sen dúbida algunha influirán na súa saúde e no
seu nivel de satisfacción en relación ao traballo que desenvolven,
afectando en última instancia ás súas capacidades laborais, ao seu
rendemento e ao seu grao de benestar e saúde física e psicosocial.
Como
é sabido, os riscos
psicosociais emerxentes cobran
cada vez maior importancia pola súa importante repercusión. Os
mesmos poden vir derivados ou ser consecuencia de múltiples
factores, algún dos cales pasamos a expoñer en función da súa
procedencia ou orixe, así como pola súa especial repercusión
nos/as traballadores/as maiores de 55 anos:
Factores
derivados da estrutura organizativa da
empresa que poden xerar insatisfacción laboral:
- Inestabilidade laboral
permanente que remata por xerar fondas inseguridades, desafección e
falla de identificación coa empresa.
- Relacións xerárquicas
ríxidas e mal deseñadas en termos de participación e toma de
decisións, que finalmente acaban configurando un estilo de mando
autoritario, unidireccional e non compartido.
- Ausencia por parte da
empresa dunha política de comunicación e información formal,
accesible, fluída, pertinente, oportuna e comprensible.
- Inexistencia de
políticas xustas e equilibradas de recoñecemento e promoción
profesional.
Factores
derivados da configuración do posto e da carga de traballo asociada
ao mesmo:
- Inaxeitado deseño e
configuración das tarefas, coas esixencias e riscos que deste
proceso se derivan.
- Escasa e inaxeitada
definición e delimitación de competencias.
- Pouco e limitado nivel
de autonomía na organización do propio traballo e na toma de
decisións.
- Escasa valoración e
recoñecemento do traballo que se desenvolve na empresa.
- Baixo nivel de
motivación co que conta o/a traballador/a para o desenvolvemento do
seu traballo.
Factores
derivados da organización do tempo de traballo:
- Traballo a quendas.
Especialmente cando se inclúen e esixen quendas de noite.
- Mala planificación de
pausas e descansos que non permiten unha axeitada recuperación.
- Altos ritmos de
traballo.
- Longa e mal estruturada
xornada laboral.
En
definitiva, factores de risco derivados da organización do traballo
e dos novos modelos de produción que na práctica, supoñen a
aparición de novos riscos ou a agudización doutros riscos xa
existentes, que cobran unha especial importancia polo seu alto nivel
de afectación e incidencia nun colectivo cada vez máis
amplo e representativo no conxunto da poboación traballadora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario