GABINETE TÉCNICO CONFEDERAL DE SAÚDE LABORAL – CIG
Coa
apertura e posta en marcha deste espacio web: “Seguridade e saúde
laboral para traballadores maiores de 55 anos: riscos novos e
emerxentes”, damos comezo a unha modesta iniciativa de análise e
información da problemática que afecta aos traballadores maiores de
55 anos en materia de prevención de riscos e saúde laboral. Este
espazo web, ubicado dentro da plataforma www.cigsaudelaboral.org,
disporá progresivamente dunha estructura de contidos e recursos
específicos sobre riscos, riscos novos e emerxentes, e habitos
saudables referidos a este colectivo.
A
redución da natalidade nas denominadas "sociedades avanzadas"
unido a avances médicos e mellores condicións de vida, derivan nun
progresivo e xeralizado envellecemento da poboación en xeral e dos
traballadores e traballadoras en particular.
Segundo
datos da Enquisa de poboación activa correspondentes ao terceiro
trimestre do ano 2015, un 14% da poboación ocupada corresponde a
traballadores/as maiores de 55 anos. Porcentaxe que previsiblemente
verase incrementada nos vindeiros anos como consecuencia da actual
coxuntura económica e social que promove a prolongación da vida
laboral, como medio para garantir a viabilidade do sistema de
pensións. Esta situación da lugar a un aumento da idade media
dos/as traballadores/as nas empresas, así como ao incremento
da proporción dos mesmos/as en relación a traballadores/as de menor
idade.
O
proceso de envellecemento conleva cambios morfolóxicos,
fisiolóxicos, psicolóxicos e sociais que poden afectar ao
desenvolvemento da actividade laboral; diversos estudos realizados na
UE indican que a participación laboral dos/as traballadores/as de
maior idade está en gran medida determinada polas limitacións a
alteracións que se producen na súa saúde.
Por
outra banda, os rápidos avances tecnolóxicos, a aparición de novos
procesos productivos, os cambios económicos, sociais e
organizativos, están a xerar novos contextos laborais que derivan en
moitos casos en novos riscos para a seguridade e a saúde dos/as
traballadores/as.
Coa
posta en marcha deste novo espazo queremos animar á reflexión sobre
a incidencia dos riscos novos emerxentes na saúde dos/as
traballadores/as maiores; tamén queremos poñer en disposición
distintos materiais que axuden a valorar a importancia que ten e terá
nun futuro próximo este tema para o conxunto da sociedade, e mesmo
presentar propostas de medidas preventivas e hábitos de vida
saudables que, ao noso entender, poidan axudar a eliminar/controlar
os riscos novos e emerxentes que afectan ás traballadoras e aos
traballadores maiores de 55 anos, co fin último de mellorar a súa
vida laboral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario