A relación de postos de traballo deixa
un museo baleiro e non prevé persoal arqueólogo.
A Xunta de Galiza convocou para este
mediodía unha Comisión de Persoal para aprobar unha relación de
postos de traballo (RPT) -que foi aprobada coa abstención de todas
as organizacións sindicais con presenza na comisión, agás a CIG,
que votou en contra- para a consellería de Cultura e Turismo que a
CIG-Administración Autonómica cualifica de “raquítica e
insuficiente” e que “afonda na destrución de emprego e consolida
a externalización de servizos”.
Así o vén de denunciar a responsable
nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, para quen
é especialmente grave que a Xunta non acepte as propostas da central
sindical en materia de dotacion de persoal arqueólogo propio que
leve os expedientes de patrimonio para “rematar, deste xeito, coa
encomenda a TRAGSATEC, porque é unha externalización de traballo
público e unha desviación no control dos bens patrimoniais”.
Neste sentido, Burgos sinala que só se
crean 2 prazas, malia a grande cantidade de traballo estrutural que
soportan e que, ademais, non compensan o número de persoal
externalizado. Por iso a CIG solicitou que se faga urxentemente unha
planificación de necesidades e que se vaian creando prazas de acordo
co grande incremento de expedientes a informar.
O novo Museo do Viño de Galicia
baleiro de persoal
A CIG-Administración Autonómica tamén
denuncia que logo de anunciar e facer propaganda co novo Museo do
Viño, a Xunta renuncia a dotalo de persoal, polo que augura que se
vai converter, na práctica, unha sala de exposicións dependente do
Museo Etnolóxico de Ribadavia. “Un engano a Galiza que ademais de
non ter finalmente un museo do viño desleixa o actual museo
Etnolóxico coa amortización de 5 postos”.
Burgos afirma que o traballo de
documentación, biblioteca, xestión, dirección, recepción e guía
están sen dotar no novo museo polo que “sospeitamos que vai ser
compartido e externalizado cun cadro persoal doutro museo ao que
aínda por riba lle amortizan 5 prazas”.
Por iso a representación da CIG
solicitou o aumento de cadro de persoal, entendendo que “só tres
subalternos e un técnico non chegan para dar un servizo axeitado a
un museo. Falta persoal técnico e o cadro de persoal debera ser,
cando menos o cadro dos museos estatais”.
Canda isto, a CIG tamén presentou unha
alegación no referido ao horario dos centros, porque o presentado
“recolle o vello parche de impor nos museos e bibliotecas o horario
de sábados e domingos, sen ningunha compensación económica e
temporal”. Por iso exixiu á Secretaría xeral a apertura dunha
Mesa de Negociación de horarios nos centros, porque “non aceptamos
horarios irregulares sen compensación nin o deterioro das condicións
laborais deste persoal”. Horarios dos que, en todo caso Zeltia
Burgos lembrou que, cando son a quendas deben ser dun máximo de 35
horas semanais.
Xunto a estas cuestión, na Comisión
de Persoal solicitouse tamén a creación dos arquivos territoriais
da Coruña e Ourense, “xa que se está a perder patrimonio
documental todos os días nas xefaturas por inacción na dotación de
medios da consellaría”.
Así as cousas, a amortización total
na consellaría é de 29 prazas “das que non xustifican
funcionalmente que non sexan necesarias e só as amortizan porque
están sen ocupar”. Primeiro non as cobren e logo as eliminan.
“Unha inadmisible perda da calidade de servizo e emprego publico”,
conclúe a responsable nacional da CIG-Administración Autonómica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario