GTT ofertou unha suba do 20% do salario
base que pretende liquidar coa absorción dos complementos
As traballadoras e traballadores da
empresa adxudicataria do Servizo de Recadación do Concello de Lugo,
Gestión Tributaria Territorial S.A. (GTT), veñen de presentar
demanda de conflito colectivo ante o incumprimento por parte da
empresa das obrigas derivadas do contrato e da oferta presentada, en
virtude da cal resultou adxudicataria do servizo.
Esta empresa, explica o secretario
comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, resultou
adxudicataria porque na oferta presentada incluíu unha mellora das
condicións salariais e sociais cun incremento do 20% sobre o salario
base establecido no vixente convenio colectivo. Incremento que tería
que aplicar a todos os traballadores e traballadoras adscritas a este
contrato.
"Mais logo de resultar
adxudicataria, a empresa comunicou ao conxunto do persoal e informou
ao Concello que procederá á absorción dos complementos
retributivos que cada persoa teña adicionais ao salario base, até
cubrir o 20% de incremento dese salario base", denuncia Niño.
Falta de actuación do Goberno local
Isto supón que as melloras que ofertou
a empresa agora non as cumpre, pois nas mesmas figura claramente unha
mellora do 20% do salario base "e non figuraba para nada o
criterio de absorción que introduce agora de xeito extemporáneo, e
que supón na práctica que a unha parte dos traballadores e
traballadoras non se lles aplique ningunha mellora ou que esta non
alcance o 20% do salario base". De tal xeito que GTT está
incumprindo as obrigas derivadas do contrato e da oferta presentada
en virtude da cal resultou adxudicataria.
Diante deste manifesto incumprimento,
acordouse presentar a demanda de conflito colectivo despois de que a
delegada de persoal de GTT e a CIG mantivesen xuntanzas cos grupos de
goberno do Concello de Lugo, PSOE e BNG, esixíndolles facer cumprir
á empresa adxudicataria as condicións ofertadas, e sen que se
adoptase ningunha decisión política que fixese posíbel a
resolución deste conflito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario