31/01/14

Unha espera que se volve eterna, pasan os anos e demóstrase a falta de vontade para que todos os traballadores sexamos tratados por igual

O Comité de Empresa vén de solicitar, como xa fixera en setembro de 2011 e o Concello ignorou, que se reúna a Comisión de Seguimento do Convenio colectivo, que é o órgano que ten a función de interpretación do convenio colectivo na súa aplicación práctica.

Esta Comisión, que como o propio convenio indica se debeu ter constituído aos 15 días da aprobación do convenio colectivo hai xa oito anos, non foi reunida en ningunha ocasión, cando menos, dende xuño de 2011 que é cando a CIG chegou ao Comité de Empresa. Xa daquela o Comité instou ao Concello a reunila porque estaba facendo unha interpretación unilateral do convenio  e hoxe, no 2014, o problema segue a ser o mesmo. A empresa pretende interpretar un convenio sen ter en conta á outra parte coa que o asinou e o que é peor, incumprindo o texto co que estaba de acordo, e que aínda ratificou recentemente no pleno neste pasado verán do ano 2013.

Nun principio, o concelleiro de Persoal indicoulle no 2011 ao Comité que non se reunía porque xa ía haber un novo convenio, mais dous anos despois e logo de que o Concello paralizase a negociación durante este pasado ano era necesario solicitar que se reunise este organismo. O problema é o de sempre, e vén derivado das cláusulas de varios dos contratos ao abeiro de subvención realizados nos pasados meses polo Concello de Betanzos, sobre os que o Comité xa rexistrou varias solicitudes que na actualidade están sen resposta, a día de hoxe a unha parte do persoal deste Concello non se lle recoñece o dereito ao cobro da paga extra completa, ou a parte proporcional segundo corresponda, parece que simplemente amparándose no tipo de contrato, o que non sería só manifestamente discriminatorio senón tamén contrario ao convenio que con respecto á paga extraordinaria recolle o seguinte:

"Art. 22.º.-Pagas extraordinarias.
Todo o persoal terá dereito a duas pagas extraordinarias que se abonarán co salario mensual de xuno e dicembro. 
A contía de cada unha das pagas será igual a unha mensualidade do salario segun o artigo anterior, prorrateado polo tempo de servicio prestado.

Recoñecese para o persoal laboral, o incremento nas pagas extraordinarias, previsto no Acordo de modernización e mellora Administración -Sindicatos, de 15 de novembro de 2002 (BOE do 18), na contía determinada no capitulo XIX, do titulo VI, adaptándose as categorías do presente convenio segun se dispon no anexo y. Este incremento verase incrementado anualmente segun corresponda na ley de presupostos."

Hai que lembrar tamén que a Lei do Estatuto de Traballadores no artigo 15.6 indica o seguinte, e coa discriminación que este concello perpetúa podería estar incumprindo esta Lei:

"Os traballadores con contratos temporais e de duración determinada terán os mesmos dereitos que os traballadores con contratos de duración indefinida, sen prexuízo das particularidades específicas de cada unha das modalidades contractuais en materia de extinción do contrato e daquelas expresamente previstas na Lei en relación cos contratos formativos. Cando corresponda en atención á súa natureza, tales dereitos serán recoñecidos nas disposicións legais e regulamentarias e nos convenios colectivos de xeito proporcional, en función do tempo traballado."

O Comité, por iniciativa da CIG, rexistrou a solicitude, agora está na man do Concello amosar a vontade de diálogo que tanto predican ou seguir impoñendo os seus criterios en detrimento dalgúns traballadores laborais deste Concello.


30/01/14

Abrindo camiños n.º 31, xaneiro 2014

Voceiro Cig Betanzos 31 Xanei.. by cigconcellobetanzos

Un novo ano de loita sindical

A finais de ano sempre cómpre recapitular e facer balanzo de acertos e erros cometidos para continuar o camiño, o certo é que nestes anos os delegados e delegadas da CIG teñen pasado moi malos momentos por coñecer tan de perto as inxustizas, ser quen de comprendelas ao ter un coñecemento xeral da situación do persoal laboral e tentar combatelas diante dun goberno estancado no inmobilismo e con moi poucas ganas de traballar e moito menos de mellorar a situación do persoal laboral; o que temos idos conseguindo aos poucos ten sido con moito traballo e batendo contra os muros de información laboral que sempre rodearon a área de persoal neste Concello.

Algo que case tres anos despois consideramos sumamente decepcionante é que este goberno municipal entrase falando de diálogo co persoal e o rompese aos poucos días nas Mesas Xerais de Negociación ou ao ano tentando aprobar unha Relación de Postos de Traballo non negociada co conxunto dos traballadores, se a isto lle sumamos que o resto dos sindicatos con representación no Concello non perden ocasión para poñerse de parte dun Concello que simplemente pretendía un continuísmo na política laboral do Concello de Betanzos o panorama semellaba realmente desalentador. Mais o que sempre nos deu folgos foi o apoio dos compañeiros, e ver como o acceso á información laboral e sobre os dereitos de cada traballador era algo fundamental para tentar romper a brecha que distanciaba, en moitos casos, ao persoal de oficinas fronte ao persoal de oficios, simplemente pola proximidade ao centro de información laboral.

A día de hoxe é xa unha realidade que todo o persoal laboral do Concello de Betanzos é igual canto ao cobro da antigüidade, o acceso ás axudas sociais ou o dereito ao desfrute dos días de asuntos propios entre outras cousas; por primeira vez, tamén, o Concello despediu a varios compañeiros e non ficou impune, porque tivo que readmitilos por sentenza xudicial. Mais todos estes avances e moitos outros non quitan que o Concello siga pensando que non todos somos iguais, á vista esta que a subvención do antigo GRUMIR desapareceu e o Concello mantén de xeito ilegal eses postos de traballo, cando só un ano antes botara 12 compañeiros na mesma situación ou mesmo hai menos dun mes despediu á compañeira que traballaba na Aula Cemit pola finalización da subvención, efectivamente o alcalde pensa que non todos somos iguais e o demostra con este tipo de feitos, mais iso non quita que sempre que nós sexamos coñecedores dos nosos dereitos, poidamos denunciar as discriminacións existentes, por moito que intenten calarnos e reprochar continuamente a información que ofrecemos aos traballadores.

É aínda moito o camiño que nos queda, agardamos que este ano, a pesar de que xa foi denunciado no 2011 e que a Comisión de Negociación do Convenio leva máis dun ano sen reunirse, sexa no que fin todo se regule a través dun novo convenio, un novo convenio onde a definición dos conceptos retributivos do persoal laboral non poida dar lugar a perversas interpretacións que desembocan en salarios desiguais entre persoal dos mesmos grupos profesionais, ou que se distribúa a roupa de traballo en igualdade de condicións, porque todos os departamentos teñen o seu oco nese convenio e que regule os dereitos sobre xornada e horarios de xeito que todo o persoal sexa tratado en igualdade de condicións.

Outro grande cabalo de batalla será a nova Relación de Postos de Traballo, porque unha RPT do ano 2008 no ano 2014 non é beneficiosa para ninguén, ou quizais si para os gobernos que pasaron polo Concello dende aquel 2008 porque non hai senón outra explicación posible para semellante desastre. O grande desafío dunha nova Relación de Postos de Traballo vai ser valorar por igual todas as prazas que se corresponden cun posto, porque un posto de traballo é igual a unha valoración e, por tanto, esa valoración deberá ser igual en todas as prazas que se corresponden cun posto de traballo; por exemplo, auxiliar administrativo é un posto, varredor de rúas é outro posto, cada un deses postos ten diversas prazas na RPT, mais todas esas prazas deben ter a mesma valoración no complemento específico porque se corresponden cun só posto, é doado, igual traballo, igual salario. A maiores, é obvio, se se observa a RPT do ano 2008 que non existiu ningún baremo nin método de valoración obxectivo cando o goberno municipal outorgou uns complementos específicos aos funcionarios moi superiores aos do persoal laboral mesmo en casos de semellantes postos de traballo... ou en que cabeza colle senón que cobren máis complemento específico auxiliares administrativos que persoal técnico ou que cobre máis complemento específico un peón que outro por desenvolver idéntico traballo?

É certo que hai tarefas que parecen demasiado complicadas mais iso sempre baterá cos nosos folgos por mellorar a realidade do persoal laboral do Concello de Betanzos, porque tamén son moitos os que durante o primeiro ano tentaron desanimar e desmoralizar con informes, chamadas e recados mais non desistimos e o tempo deunos a razón nalgunhas cousas, aos poucos e pasiño a pasiño, mais así é como se fai o camiño, e mentres os compañeiros e compañeiras do Concello estimen que somos útiles para defender os seus dereitos, dende a Sección sindical do Concello de Betanzos comezaremos este novo ano de loita sindical coa forza necesaria para tentar seguir cumprindo o programa co que nos presentamos ás eleccións sindicais alá por maio do ano 2011.

A Audiencia Nacional rexeita que o INSS pague “produtividade” a inspectores/as por dar altas médicas

SAÚDE LABORAL

A Audiencia Nacional vén de reiterar a sentenza pola que se anulaban parte dos obxectivos de produtividade dos/as Inspectores/as médicos/as do INNS considerando que “non é admisíbel” que estes obxectivos estean fixados no sentido de dar alta médica ou o pase á incapacidade permanente. Entende que isto debe vir determinado porque o estado de saúde do traballador/a impida ou non desenvolver o traballo. A sentenza abrangue ao conxunto de traballadores/as do Estado.

No ano 2011, a Secretaría de Estado da Seguridade Social aprobou os obxectivos estratéxicos do Instituto Nacional da Seguridade Social que incluían un “índice de baremación da duración dos procesos de incapacidade temporal”. Segundo isto, no plus de produtividade pasábase a computar o número de altas médicas para o seu cálculo. Isto traducíase en que cantas máis altas se concederan, maior puntuación se obtería no índice de produtividade e polo tanto máis diñeiro se cobraría.

O xulgado central do Contencioso-Administrativo número 5, con sede en Madrid, emitía, en maio de 2013, a sentenza pola que se anulaba este índice por consideralo contrario a dereito. Porén tanto o Avogado do Estado como a Administración da Seguridade Social presentaban os recursos que veñen de ser desestimados pola Sala do Contencioso da Audiencia Nacional.

O avogado da asesoría xurídica nacional da CIG, Héctor López de Castro explicaba daquela que a sentenza é especialmente relevante porque coa pretensión de reducir o gasto do Estado, aplicouse unha medida en fraude de lei e pondo en perigo a saúde laboral dos traballadores.
A sentenza afecta ao conxunto de traballadores/as do Estado porque o Instituto Nacional da Seguridade Social é o que paga as prestacións por incapacidade temporal das traballadoras e traballadores que se encontran de baixa por enfermidade ou accidente.




O Supremo amplía os supostos de accidentes “in itinere”

ACCIDENTE LABORAL


O Tribunal Supremo considerou como accidente in itinere o dun traballador que chocou co seu vehículo a máis de cen quilómetros do seu centro de traballo un domingo pola noite. Melchor viaxaba dende o domicilio familiar en León a Soria onde residía entre semana para acudir a traballar como condutor de maquinaria pesada. O pleno da sala do social considera por unanimidade que "a realidade social está a impoñer unhas esixencias de mobilidade que obrigan"aos traballadores a axustes continuos".

Melchor pasaba os fins de semana no seu domicilio familiar de León pero residía entre semana en Soria onde traballaba como condutor de maquinaria pesada. Cada domingo facíase 365 quilómetros en coche para poder estar o luns ás oito da mañá no seu posto de traballo.

Un domingo sufriu un accidente de tráfico que o mantivo apartado das súas funcións durante máis dun ano. Melchor reclamou que fose considerado accidente laboral pero a mutua negoullo porque a finalidade da viaxe non era laboral e o accidente produciuse un domingo a máis de cen quilómetros do centro de traballo.
O xulgado do social de León si que lle deu a razón pero o Tribunal Superior de Xustiza volveulla quitar.

O pleno da sala do social do Tribunal Supremo é o que, definitivamente, deu a razón ao traballador. Os maxistrados por unanimidade amplían os supostos de accidentes acontecidos ao ir ou volver do traballo, adaptándoos á realidade actual.

Di a sentenza, da que foi relator Aurelio Desdentado, que "as novas formas de organización do traballo están a impoñer no fogar familiar unhas esixencias de mobilidade territorial que obrigan aos traballadores a axustes continuos que non sempre poden traducirse nun cambio de domicilio".

A sala conclúe que no caso concreto se dan todos os requisitos para considerar os feitos como accidente in itinere porque "a finalidade da viaxe estaba determinada polo traballo" e viaxar a esa hora e ese día "era unha opción axeitada para, despois do descanso, poder incorporarse ao día seguinte" ao traballo nunhas condicións máis convenientes" "para a seguridade e para o rendemento laboral".

Fonte: cadenaser.com


29/01/14

Aclaracións sobre as accións xudicais da CIG contra o recorte de días de vacacións por antigüidade

En relación á sentenza que recoñece o dereito aos días de vacacións por antigüidade, e ante as preguntas que xa recibimos, cómpre informar que a demanda foi presentada a través dun delegado da CIG-Autonómica de Ferrol, no ámbito territorial da provincia da Coruña, pero tamén están presentadas demandas para outros ámbitos territoriais.

As demandas foron presentadas en distintos ámbitos territoriais e en distintos xulgados para explorar a súa viabilidade. En calquera caso, a primeira sentenza que saiu foi estimatoria, pero ainda non é firme polo que non cabe a extensión dos seus efectos.
Nestes momentos, cómpre agardar polo resto das demandas presentadas noutros ámbitos territoriais, así como á firmeza das sentenzas. A intención da CIG é contar con sentenzas firmes de xeito que a Administración recoñeza o dereito vía negociación.

Máis info en www.cigadmon.org.

24/01/14

Dous meses de cárcere para xerente e encargado

ACCIDENTE LABORAL

O Xulgado de Primera Instancia e Instrución número 1 de Reinosa condenou a dous meses de cárcere ao xerente e encargado de Sidenor por un delito contra os traballadores, debido ao accidente acontecido en xuño de 2011 na planta de produción de aceiro, cando se desprendeu a coada de aceiro dun dos fornos e rexistrouse un incendio no que morreu un empregado, que se refuxiara nun almacén.


Ademais, os condenados, que con motivo da pena de prisión estarán inhabilitados para o desempeño destes cargos, tamén deberán pagar unha multa de 600 euros cada un. Trátase dun mes menos de cárcere e 300 euros menos de multa que os solicitados inicialmente polo Ministerio Fiscal, xa que os familiares do falecido renunciaron ao exercicio de accións de reclamación, ao ter sido debidamente indemnizados pola aseguradora da empresa.
Segundo a sentenza, á que tivo acceso Europa Press, tras o accidente, que tivo lugar en torno ás tres da madrugada do 17 de xuño de 2011 nesta fábrica de Reinosa, a decisión que se adoptou non reuniu "suficientes garantías de seguridade", xa que o intento de traslado da coada de aceiro fundido non foi cara a un lugar "suficientemente protexido", e tampouco se "vixiou expresamente" que todos os operarios estivesen fóra do perímetro de risco.
Ademais, as decisións foron tomadas polo encargado de servizo, pero sen a participación do xefe de planta que, de acordo co fallo, debería ter detido a produción e buscado unha solución que "prioritariamente velase pola seguridade dos traballadores".

Fonte: europapress.es


A duración dos partes de baixa estará vinculada á enfermidade do traballador

O Ministerio de Emprego remitiu aos axentes sociais o borrador do futuro Real Decreto sobre Incapacidade Temporal (IT), no que se expón substituír o actual sistema de expedición dos partes médicos de confirmación de baixas, de periodicidade semanal, por outro baseado na distinción de catro grupos de procesos, en función da duración prevista, con distinta periodicidade na expedición dos indicados partes.

Para iso, tomarase como referencia unha táboa orientativa de duración estimada da IT do traballador en función da súa patoloxía, idade, a repercusión da doenza que causou a IT sobre o seu posto de traballo, etc. Emprego aclara que esta información non é vinculante. A medida supón unha simplificación burocrática para os Servizos Públicos de Saúde, posto que os actuais partes de confirmación semanais pasan a ser partes que teñan en conta o tempo estimado da IT. «En definitiva, o seguimento da IT converterase nun proceso menos gravoso», apostila Emprego. «Esta novidade aforrará tempo aos traballadores e familiares, xa que só acudirán ao seu médico de atención primaria a recoller o parte de confirmación por IT cando sexa necesario», engade.
Así mesmo, o borrador inclúe outras medidas cuxo obxectivo é avanzar na mellora da xestión e seguimento destes procesos, de forma que os trámites se simplifiquen ao máximo para as partes involucradas. Nesta liña, o documento de traballo citado expón suprimir o informe médico de maternidade cando a nai inicia o descanso no momento do parto e que agora se esixe para que poida comezar a gozar do seu tempo de descanso e da prestación. A acreditación do nacemento do fillo coñécese mediante a conexión informática de bases de datos co Rexistro Civil co que o requisito do informe desaparece.
En 2012 o gasto por IT situouse en 1.896,91 millóns de euros e a previsión para 2013 é de 1.700,29 millóns. Emprego asegura que na obtención destes resultados inflúe de maneira importante a colaboración no control de IT que prestan os servizos autónomos de saúde das comunidades autónomas, mediante os convenios de colaboración formalizados coa Seguridade Social, a través do Instituto Nacional de Seguridade Social (INSS).

Fonte: europapress


O Concello reparte calendarios laborais que non indican a xornada de traballo

Logo de que o Comité de Empresa solicitase por rexistro en decembro de 2013 que o Concello publicase en todas as dependencias municipais ou lugares onde traballa o persoal laboral a información da que xa dispoñía o persoal das Oficinas Xerais, relativa ao calendario laboral e a xornada laboral de horario e de inverno, o Concello vén de distribuír estes documentos polas distintas dependencias mais con falta de información con respecto á que se recollía no calendario que estaba no taboleiro das Oficinas Xerais no ano 2013.

O caso é que en xaneiro de 2014 o Concello envía a todos os departamentos o calendario laboral da mutua, mais desta volta nestes calendarios non consta nin o horario laboral de cada centro nin se fai ningunha referencia á diferenza entre o horario de verán e de inverno recollida no convenio colectivo, mentres que no calendario que hai menos dun mes figuraba nas oficinas xerais para información dos seus traballadores constaba que o horario laboral desas dependencias era de 08:00h a 15:00 h no inverno e de 08:30 h a 14:30 no horario de verán.

O feito de que se oculte esta información nos novos calendarios por parte do Concello non é máis que un feito que pretende ignorar unha realidade de discriminación nas horas semanalmente traballadas que xa puxo de manifesto nada máis chegou ao Comité e outra preocupante realidade sobre a posible eliminación do horario de verán, toda vez que no calendario do ano pasado indicaba un horario de entrada e saída diferente nestes meses e agora oculta posiblemente dun xeito deliberado esta información. 

Por este motivo, o Comité de Empresa, expúxolle ao Concello que considera que é necesario que esta información específica sobre o horario de traballo no inverno e no verán dos distintos centros de traballo sexa publicada en todos coa información completa, ao igual que se fixo para o persoal das Oficinas Xerais no ano 2013, para non incorrer en agravios discriminatorios do persoal destas oficinas con respecto a todo o restante persoal municipal no que se refire á información sobre xornada e horarios e solicitoulle ao Concello que especifique en todos os edificios municipais onde traballa persoal laboral e en todos os departamentos do Concello a información relativa aos horarios laborais dos distintos centros de traballo, así como os horarios da xornada laboral de inverno e de verán, tendo en conta que esta ata o momento era especificada neste calendario só para o persoal das Oficinas Xerais e considera isto unha discriminación con respecto ao resto do persoal que presta os seus servizos nas diferentes dependencias municipais.

A CIG rexeita o Anteproxecto de Lei polo que se muda a Lei Xeral da Seguridade Social no relativo ao réxime xurídico das Mutuas

As mutuas estenden o seu campo de acción para xestionar non só as continxencias profesionais senón tamén as comúns


Desde 1995 os sucesivos Gobernos españois veñen de aprobar diversas disposicións legais e regulamentarias de cara a facilitar o control, mediante as Mutuas, da asistencia sanitaria da clase traballadora por parte da patronal, conceptuadas estas como asociacións de empresarios que, sen embargo, xestionan recursos públicos. O Anteproxecto, que a CIG rexeita, continúa con este proceso de privatización da xestión da sanidade pública e supón un agravamento moi importante nesta dirección.

Neste proceso de privatización progresiva as mutuas estenden seu campo de acción para xestionar non so as continxencias profesionais (accidentes de traballo e enfermidades profesionais) senón tamén continxencias comúns, como a prestación por Incapacidade Temporal (IT), a prestación por cese de actividade do traballo autónomo, etc. A CIG oponse a este camiño sen límite da ampliación das competencias das Mutuas, que abre a porta á xestión privada de todo tipo de prestacións da seguranza social.


No Anteproxecto recóllense unha serie de medidas totalmente rexeitables como a posibilidade das mutuas de intervir desde o primeiro día da IT, a través de convocatorias e recoñecementos da persoa enferma, así como a facultade de propor a alta médica e que esta se faga efectiva si a inspección sanitaria da seguranza social non se opón, ou non contesta, antes de cinco días. Medidas estas que supoñen un custe persoal e económico para as persoas enfermas  e unha situación de maior desprotección fronte ás decisións das Mutuas, que, non o esquezamos, son mutuas patronais onde priman os criterios de aforro sobre os criterios de saúde na xestión das baixas médicas.


Non son medidas para atallar un absentismo desproporcionado, que por certo estatisticamente ven baixando cada ano, senón para fortalecer o papel das mutuas e potenciar as súas actuacións de carácter privado, cuestionando así a profesionalidade do persoal sanitario do sistema público de saúde.


O Anteproxecto tamén impón que os Servizos de Prevención de Riscos Laborais que teñen as Mutuas sexan vendidos antes do 31 de decembro de 2014. Estes servizos, executados a través de sociedades mercantís, era o único servizo, de todos os que prestan as mutuas, que estaba relativamente ben valorado polas empresas e traballadores. Realmente as mutuas teñen moito interese directo en que funcionen ben porque, ao fin e ao cabo, son elas as que teñen que pagar as consecuencias dos accidentes laborais. Pois ben, agora se lles obriga a que vendan eses servizos, que segundo o goberno afectan á concorrencia competitiva, e van a ser compradas previsiblemente por grandes aseguradoras con criterio de puro negocio e sen representación obreira de ningún tipo como ata agora teñen as mutuas nos seus órganos de dirección.


No Anteproxecto cuestionase tamén o financiamento da Fundación de Prevención de Riscos Laborais, a través da reestruturación das reservas e excedentes das mutuas. Esta Fundación asesora e atende principalmente ás pequenas empresas. Si a iso se lle suma que coa  “Lei de Emprendedores”, nas empresas de menos de 25 persoas empregadas o xefe pode directamente cumprir coas labores de prevención de riscos, podemos imaxinar en que situación de desprotección van a quedar os traballadores e traballadoras desas empresas, que son a grande maioría na Galiza.


Finalmente , a CIG mostra o seu desacordo co cambio na denominación das mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, que o anteproxecto lles chama agora “Mutuas da Seguranza Social”, porque dito cambio non é puramente formal, senón que explica perfectamente a intencionalidade do Goberno español de estender cada vez máis o eido de actuación das Mutuas na xestión das continxencias comúns.