14/05/12

Compromisos incumpridos: o Concello falta á palabra nunha ocasión máis

Logo de que hai dúas semanas o conflito sobre a discriminación do persoal laboral aparece na prensa e mesmo chegase a tratarse no pleno do Concello, e que o Concello se comprometese coa representación do persoal laboral a abrir o camiño do diálogo e facer máis transparente a concesión das axudas sociais de xeito que a información fose pública, cumprise o recollido nas bases aprobadas no pleno e fose de coñecemento para todos os traballadores, o Concello volve aos erros do pasado non facilita a documentación das axudas nin ao Comité de Empresa nin informa ao persoal laboral, mentres si que ten tempo para recortarlle dereitos recollidos na lei.

Mentres que a representación do Comité foi clara ao dicir que se o Concello amosa dispoñibilidade á negociación e respecta a legalidade vixente non se terán que repetir conflitos coma os do pasado, o Concello volve a excluíla xa non só das decisións senón da propia información que lle afecta ao persoal laboral, pasando por riba dos propios compromisos adquiridos hai practicamente dous días e demostrando así que non é quen de manter a palabra nin de negociar coa representación escollida democraticamente polo persoal.

Debido a isto, o Comité de Empresa, unha vez máis rexistrou un escrito o 10 de maio onde incide sobre o incumprimento dos compromisos de hai apenas dúas semanas do Concello de Betanzos con respecto ás axudas sociais e solictítalle ao Concello o seguinte:

Que se fagan públicas as listaxes das axudas sociais concedidas, e que se indique, cando menos, o concepto e a contía concedidos, tal e como se recolle nas propias bases acordadas por acordo plenario e que se lle dea a transparencia acordadas aos criterios para que todo o persoal laboral teña o máximo coñecemento dos conceptos e contías que lle corresponden. 

Que o Concello lle dea traslado ao Comité de Empresa coa máxima brevidade posible dos acordos adoptados con respecto a este tema, os criterios establecidos e as listaxes do persoal solicitante.

Que o Concello pague canto antes as axudas ao persoal que este ano non está a traballar no Concello mais que ten solicitada e concedida, se é o caso, axuda social do ano 2011 e lle notifique a concesión da axuda con toda a información pertinente para un trámite administrativo desta índole. 

Que se teña por presentada unha queixa con respecto ao retraso no pagamento das axudas sociais segundo a propia convocatoria que o ano pasado o Concello publicaba ao abeiro dunha Resolución da Alcaldía, e onde, unha vez máis, o Concello incumpriu establecidos pola propia Administración. 

Parece que os vellos costumes nunca cambian, a este Concello tanto lle ten a opinión da representación legal dos traballadores, tanto lle teñen os acordos plenarios no que respecta ao tema de persoal ou mesmo non importa facer promesas en van, o caso é que a información só a teñan uns poucos e escollidos porque quen non ten información dificilmente pode reclamar nada, aínda así, dende a CIG seguiremos a dar os pasos oportunos sempre con vontade de diálogo mais nunca calando a boca ante os compromisos incumpridos e as ilegalidades manifestas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario