A central chama a continuar no proceso de acumulación de forzas e de contestación para crear un escenario favorábel aos intereses da clase traballadora galega
Unhas 60.000 persoas manifestáronse coa CIG neste Primeiro de Maio, Día
Internacional da Clase Traballadora, para amosar na rúa o seu
rexeitamento ás políticas laborais e económicas do PP e demandar outras
medidas favorábeis aos intereses da clase obreira. A central
nacionalista, que convocou as manifestacións baixo o lema “Por emprego
digno, non á reforma laboral do PP” e “En defensa do ensino e da
sanidade públicos”, reiterou o chamamento a seguir na contestación
social e no proceso de acumulación de forzas para avanzar na consecución
dun modelo económico e social máis xusto e solidario.
En total foron once as manifestacións organizadas polo sindicato
nacionalista nas distintas comarcas do País para celebrar o Primeiro de
Maio. Este ano o acto central tivo lugar na Coruña, que contou coa
participación de arredor de 10.000 persoas, mentres á cidade de Vigo
acudiron uns/has 35.000 manifestantes e a protesta de Ferrol, a terceira
en número de participantes, contou con 7.000 persoas. En Pontevedra
saíron á rúa convocadas pola CIG máis de 3.000 persoas, mentres que en
Vilagarcía foron preto dun milleiro.
“En
definitiva”, denunciou, “un conxunto de medidas que buscan desmantelar o
actual modelo de relacións laborais, de servizos públicos e de
protección social, conquistados tras moitos anos de loita do movemento
obreiro e das organizacións sociais e políticas de esquerda”.
Precisamente, con tal motivo, a consigna baixo a que a CIG conmemorou
este Primeiro de Maio é “Por emprego digno, non á reforma laboral do PP”
e “En defensa do ensino e a sanidade”.
Modelo económico fracasado
Seixo
cargou contra unhas políticas de recorte “erradas” e “inxustas”,
iniciadas polo Goberno do PSOE e agora continuadas con maior virulencia
polo PP, que lonxe de favorecer a saída á crise afondan na destrución de
emprego -en Galiza o número de persoas sen traballo acadou xa as
65.000-, o peche de empresas, o incremento das desigualdades sociais, ou
a entrada nunha nova situación de recesión económica.
O Secretario Xeral da CIG aseverou que estas políticas
apuntalan un modelo económico inxusto, insolidario e antidemocrático, e
por iso non se poden entender de xeito illado, senón enmarcado na loita
de clases: na loita do poder entre o capital e o traballo, entre a
oligarquía -por manter un modelo económico que garante os seus
intereses- e as clases traballadoras -por conquistar un novo modelo
económico-.
Chamada á mobilización social
Fronte
a esta interese do capital e a dereita por implantar un modelo de
relacións laborais fortemente desregularizado e individualista e un
sistema de protección social precarizado e privatizado, a CIG chama á
contestación e á mobilización social, porque “estamos nun momento
político clave”. Tras do éxito da Folga do 29 de Marzo, a central
nacionalista xa lle propuxo ás demais organizacións sindicais a
necesidade de promover unha nova xornada de folga xeral para a primeira
quincena do mes de xuño, antes de que se aprobe definitivamente a
reforma laboral e antes de que o goberno decrete “novos recortes nos
dereitos e calidade de vida”.
Se non hai unha resposta social
contundente, adiantou Seixo, “o PP vai aproveitar a súa maioría absoluta
e os primeiros meses da lexislatura para impor o seu programa
ideolóxico neoliberal e ao servizo da banca e dos intereses da
oligarquía española”. “Hai que seguir acumulando forzas para crear un
escenario favorábel aos intereses da clase traballadora galega, na rúa,
nos centros de traballo e tamén nas institucións. Con ese obxectivo
temos que traballar”.
Así, anunciou que a CIG vai promover e
colaborar nas diversas mobilizacións que van ter lugar en diferentes
sectores nos vindeiros días, tais como a folga do estudantado do
vindeiro 10 de maio, as mobilizacións en defensa dos servizos públicos
ou a tradicional manifestación do 17 de maio.
Galería de imaxes das manifestacións
Ningún comentario:
Publicar un comentario