14/05/12

O Comité de Empresa solicita que se convoque Mesa Xeral de Negociación


Logo de que pasen as semanas e a Mesa Xeral de Negociación siga sen se constituír, ademais dos múltiples problemas que compañeiras e compañeiras de distintos departamentos están a padecer dende hai tempo, o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG e logo de falar cos compañeiros da UGT, tomou a determinación de solicitar a convocatoria dunha Mesa Xeral de Negociación para tratar algunhas das materias que segundo o artigo 37 do Estatuto Básico do Empregado Público son obxecto de negociación: 

-A determinación e aplicación das retribucións complementarias
-As que afecten ás condicións de traballo e ás retribucións
-As referidas a calendario laboral, horarios, xornadas, vacacións, permisos, mobilidade funcional.
e xeográfica, así como os criterios xerais sobre a planificación estratéxica dos recursos humanos, naqueles aspectos que afecten a condicións de traballo dos empregados públicos. 

Debido a isto, hoxe mesmo solicitouse a convocatoria de Mesa Xeral de Negociación, logo de meses expóndolle os problemas tanto por escrito como verbalmente a esta Administración local e sen obter resposta nin solucións.

Os problemas atopados neste Concello son de moi diverso tipo mais agrávanse día a día pola teima do goberno municipal en tratar ao persoal de xeito diferente dependendo duns criterios ben descoñecidos. Todos os puntos indicados enriba son materias obxecto de negociación nas Mesas, un procedemento que ata o momento polo que nos comentan os compañeiros non se realizara e buscábanse reunións "informais" onde se poden amañar pola "porta de atrás" problemas que a día de hoxe se manifestan nun trato distinto canto a dereitos e mais nunhas retribucións complementarias non sempre xustificadas polas funcións dos distintos postos de traballo. Dende a CIG entendemos que as canles de negociación establecidas pola lei son ás que temos que acudir por contaren con moitas máis garantías de legalidade que as reunións que no tempo que levamos se veñen demostrando como pouco frutíferas.

Entre os múltiples problemas que cómpre pór sobre a mesa está a realización de horas extras, as dispoñibilidades non recoñecidas nin remuneradas, o horario dalgúns departamentos que realizan máis horas das contempladas no convenio, o problema do descoñecemento dos calendarios a longo prazo do persoal que traballa a quendas, os criterios de distribución das categorías nos complementos de posto e un longo etcétera que levamos meses expoñéndolle a un Concello que parece botar a vista atrás ante os problemas de organización que están a repercutir de xeito negativo nas condicións laborais de determinados postos de traballo. 

Aínda así, e a pesar de sermos coñecedores de moitos dos problemas do persoal laboral deste Concello, é posible que queden cousas no camiño que todos e cada un dos traballadores nos poden achegar, por iso sempre agradecemos os compañeiros e compañeiras que se achegan a nós para comentarnos as distintas problemáticas dos distintos departamentos porque ese é o noso labor e canto mellor coñezamos a situación mellor se poderán defender os intereses do colectivo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario