Segundo o establecido no artigo 9.2. do Convenio colectivo do persoal
laboral do Concello de Betanzos o vindeiro 1 de xuño comeza a
redución horaria correspondente aos meses de xuño, xullo e agosto e
TODO O PERSOAL DESFRUTARÁ DUNHA REDUCIÓN DA XORNADA DE 1 HORA
diaria que se establecerá segundo as necesidades do servizo. En
moitos departamentos esta redución hai anos que se fai ao final da
xornada, mais como sabemos, hai outros que por motivos de servizo non
poden reducir unha hora diaria e desfrutan dunha compensación non
recollida no convenio e que forma parte dun acordo non escrito entre
o devandito departamento e o Concello. Realmente isto non tería
porqué supor ningún prexuízo para os traballadores, mais o certo é
que os criterios da compensación non son públicos e hai anos que
son desiguais entre distintos departamentos cando a compensación
horaria debería ser a mesma para todos os postos de traballo que non
poden facer a redución diaria. A maiores, coma sempre están os
casos que no pasado mesmo lle teñen denegado o dereito a redución
nin a compensación, como é o caso do persoal pertencente ao GRUMIR.
Debido a que unha vez máis o convenio non especifica o horario de
redución nos distintos departamentos e a posible compensación nos
departamentos que por motivos de servizo non poden facer a devandita
redución dende o Comité de Empresa solicitóuselle ao Concello que
lle comunique a todos os departamentos o horario da redución dunha
hora nos meses de verán, que especifique cal é a redución
correspondente do persoal que ten un contrato a xornada parcial e que
clarifique os criterios de compensación horaria para os postos de
traballo que non poden facer a redución. O certo é que segundo para
outros temas se aproban resolucións e se dá traslado aos
departamentos entendemos que este é un tema urxente e agardamos que
o Concello lle comunique aos traballadores canto antes o horario da
redución. Independentemente disto e no que non sexa así, ao se
tratar dun tema de horarios e xornadas intentarémolo levar a Mesa
Xeral de Negociación para que, cando menos, o persoal dos
departamentos que se ve obrigado a ter compensación horaria saiba
canto antes cal é a compensación horaria correspondente a todo o
período e non estea, como en anos anteriores, a este alturas, sen
saber exactamente como vai ser o tema da redución horaria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario