Logo de case dous anos de negociación, os peores prognósticos fixéronse realidade e dende o pasado luns millóns de traballadores, entre eles o persoal laboral do Concello de Betanzos, quedamos sen convenio. A reforma laboral do Partido Popular tiña entre os seus principios acabar de raíz co conseguido pola negociación colectivo, por iso fixaba nun ano o prazo para negociar os convenios que tiñan unha data de caducidade e eliminaba a aultraactividade e a posiblidade prórroga inmediata destes, que no caso do convenio do persoal laboral do Concello de Betanzos levaba anos e anos sendo prorrogado, posto que a vixencia contemplada finalizou o 31 de decembro de 2006, e segundo a nova norma e desde a entrada en vigor desta o prazo de negociación era limitado.
A finais de 2011, en cumprimento do programa de traballo co que a Sección sindical da CIG se presentou nas eleccións sindicais de 2011, o convenio foi denunciado para tentar conseguir un marco normativo novo para os laborais e adecuado aos tempos e foron moitos meses os que pasaron ata o que o Concello se dignou a constituír a Comisión Negociadora do convenio, xa daquela comezamos a pensar que a vontade de negociación do Concello era máis ben pouca. Uns meses despois aprobaríase a reforma laboral que marcaba un ano de prazo para a negociación e a cousa seguiu igual, escasas reunións, traballo atrasado e pouca vontade negociadora e dende iso chegamos ata este punto onde o goberno municipal foi quen de deixar sen marco normativo ao persoal laboral do Concello co que iso supón tento en conta queten feito ao longo deste tempo unha aplicación limitada do Estatuto Básico do Empregado Público e admite que para os laborais habería que recorrer ao Estatuto dos Traballadores, poñéndonos, unha vez máis, por baixo do funcionariado tamén en dereitos.
Dende a CIG temos denunciado en múltiples ocasións a paralización da negociación, mais pouco se puido facer ante un goberno que se ampara en que as medidas do PP dificultan a negociación colectiva mais que puido mesmo ter acordado un novo convenio antes da reforma laboral e moito máis aínda neste ano que vai para atrás.
Ante este complexo panorama e como última vía, á vista de que a negociación segue paralizada, dende a CIG decidimos propoñer ao Comité que este lle achegue unha proposta de acordo expreso ao Concello para manter a vixencia do Convenio actual en tanto proseguen as negociacións dun novo convenio e mentres este non entre en vigor como unha posible medida para intentar paliar as consecuencias do acontecido. Nun principio, e logo de falar coa representación da UGT, parece que non hai problema e estarían de acordo en apoiar a proposta, así mesmo, e logo de conversas co propio goberno municipal, admite a súa boa predisposición a asinar este acordo para que o escenario para os laborais dos próximos meses sexa un pouco menos complicado. Nas vindeiras semana poderemos corroborar se finalmente isto será así mais o certo é que ante o estancamento da negociación do convenio esta sería a única posible solución temporal que amortecería os efectos da reforma laboral no persoal laboral do Concello, de non ser así o escenario sería complicado ata a aprobación dun novo convenio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario