As
mulleres que pasan longos períodos de pé durante o seu embarazo
teñen bebés cuxas cabezas ao nacer son un centímetro (3%) máis
pequenas que a media, o que implica unha taxa de crecemento máis
lento.
Esta
é unha das conclusións dun novo traballo liderado por
investigadores de Rotterdam (Países Baixos) e publicado on line na
revista Occupational and Environmental Medicine.
Os
autores avaliaron as taxas de crecemento fetal mediante ultrasóns de
4.680 nais dende o inicio do embarazo ata o parto entre 2002 e 2006,
así como as esixencias físicas do seu traballo: longos períodos de
pé ou camiñando, carga de peso, quendas de noite e moitas horas de
traballo.
Ao
redor de catro de cada dez mulleres (o 38,5%) pasou moito tempo de pé
e o 45,5% tiña que camiñar bastante. Por outra parte, levantar
obxectos pesados era parte do traballo do 6%, mentres que en torno ao
4% traballaba en quendas de noite. A metade das mulleres (47,5%)
traballaba entre 25 e 39 horas á semana, mentres que case unha de
cada catro (23%) traballaba máis de 40 horas.
Investigacións
anteriores xa suxerían que traballar moitas horas pode aumentar o
risco de defectos conxénitos, nacementos prematuros, morte fetal e
baixo peso ao nacer.
Os
novos resultados indican que os bebés nacidos das mulleres que
traballaban máis de 40 horas tiñan unha circunferencia de cabeza un
centímetro menor e un peso máis baixo (entre 148 e 198 gramos) que
os fillos de mulleres con menos de 25 horas semanais de ocupación
laboral. Estas diferenzas foron evidentes durante os últimos tres
meses de embarazo.
Non
obstante, o traballo fisicamente esixente non se asocia con
restricións no tamaño ou peso ao nacer nin con nacementos
prematuros. É máis, segundo os autores, traballar ata as 34 ou 36
semanas de embarazo non ten ningún impacto adverso sobre o
desenvolvemento fetal.
"En
xeral, as mulleres que traballan teñen menos complicacións durante
o embarazo, defectos conxénitos e mortes ao nacer que as mulleres
que non teñen emprego, pero que non é posible acabar co risco que
supoñen algúns aspectos do traballo", conclúen os autores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario