Gabinete Técnico Confederal de Saúde
Laboral - CIG
A FOLGA XERAL DEBE SER A RESPOSTA
CONTUNDENTE DA CLASE OBREIRA A UNHAS POLÍTICAS ECONÓMICAS DO PP QUE
NOS EMPOBRECEN, PRECARIZAN E MENOSCABAN A NOSA SAÚDE. A enorme
precarización das condicións de traballo derivadas das distintas
reformas laborais dos gobernos do PSOE e do PP teñen provocado un
aumento substancial da sinistralidade laboral, especialmente no noso
País. En Galiza o índice de sinistralidade laboral duplica o do
Estado español. O número de mortes por accidentes laborais medrou
un 2% no ano 2017 e os accidentes con baixa un 5,6%.
O brutal aumento da temporalidade, dos
contratos a tempo parcial, o aumento da subcontratación, ou a
proliferación de empresas multiservizos, xunto co aumento dos ritmos
de produción, teñen incidido de xeito directo no deterioro das
condicións de traballo que teñen provocado á súa vez un grave
prexuízo para a saúde dos traballadores e traballadoras do noso
País.
O número de baixas derivadas de
continxencias profesionais así como a súa duración ten aumentado
de xeito alarmante nos últimos anos. Aumento que sen dúbida sería
maior de non actuar as Mutuas de traballo como mercaderes da nosa
saúde atendendo a cuestións puramente monetarias e raramente a
criterios médicos á hora de emitir altas ou de determinar a
duración dos procesos de curación. Por unha banda se escatiman
recursos para a prevención por parte das empresas e medidas de
control por parte do goberno e logo se escatiman novamente para
mitigar os efectos na saúde desa grave falta de recursos
preventivos. Evidénciase que a saúde da Clase Obreira continúa sen
ser unha fonte de preocupación para a patronal nin para o goberno,
tan só lles preocupa o gasto que supón. Leis como a das Mutuas ou o
RD de control das baixas son boa proba de que para o capital o estado
da nosa saúde segue a ter a mesma importancia que o estado de saúde
de calquera outro elemento produtivo aínda sendo estes elementos
inertes.
Por desgraza ese é o mundo laboral que
soportamos. Ese é o mundo laboral que temos a necesidade de cambiar.
Unha necesidade que xa se antolla unha necesidade vital pois vainos a
saúde e mesmo a vida nelo.
É preciso eliminar as reformas
laborais que nos últimos anos teñen empeorado de xeito substancial
as nosas condicións de vida e recuperar os nosos dereitos de xeito
que podamos contar con empregos estábeis e de calidade, con salarios
decentes e con coberturas sociais axeitadas ás necesidades dos máis
desprotexidos. Esa calidade do emprego xunto con políticas
preventivas reais, con medidas de vixilancia da saúde serias, son o
comezo dun camiño para que a nosa saúde, a nosa vida laboral sexa
realmente digna.
O xeito de combater estas políticas
dos gobernos antiobreiros, do PSOE no pasado e do PP na actualidade,
por parte do movemento sindical, non pode ser outro que o da
contestación contundente das mesmas a través da mobilización na
rúa. Dunha mobilización do conxunto da Clase Obreira que, unida,
demostre a súa capacidade de enfrontamento a este sistema social que
nos condena a precariedade e á enfermidade.
A Folga xeral á que a CIG está a
chamar é unha necesidade de Clase. É a necesidade de recuperar os
nosos dereitos como traballadores e traballadoras, é a necesidade de
dispor de mecanismos que protexan realmente a nosa saúde e a nosa
vida nos postos de traballo.
Fran Cartelle Pérez
Secretario Confederal de Saúde Laboral
Ningún comentario:
Publicar un comentario