18/05/18

Solicitada, de novo, a información sobre as horas extraordinarias

O Comité de Empresa solicitou hoxe, de novo, a información das horas extraordinarias realizadas polo persoal laboral nos mese de xaneiro, febreiro, marzo e abril. Ao se tratar da terceira solicitude sen resposta, de non lle entregar esta información o Concello durante este mes acudirá de novo á Inspección de Traballo, tal e como vén tendo que facer desde hai sete anos, posto que o goberno municipal sempre foi moi reaccio a entregarlle esta información aos representantes dos traballadores.

Hoxe mesmo presentouse na sede electrónica a petición de información, tendo en conta que para acudir á denuncia na Inspección, no caso de que sexa preciso, cumpriría acreditar a presentación efectiva da solicitude. No documento o Comité de Empresa indicoulle o seguinte ao Concello de Betanzos:


PRIMEIRO. Que o convenio colectivo no artigo 21.9.m indica o seguinte con respecto á información ao Comité de Empresa sobre as horas extraodinarias do persoal laboral:

“O Comité de Empresa será informado, cando menos mensualmente, da realización das horas extraordinarias do persoal laboral, a identificación dos/as traballadores/as, a data da súa realización e a cuantificación das horas realizadas en total.”

SEGUNDO. Que o Concello de Betanzos vén incumprindo sistematicamente este deber de información e non lle entrega información sobre as horas extraordinarias realizadas, senón que exclusivamente achega información sobre as horas extraordinarias pagadas. Así mesmo, e no caso das horas extras pagadas nunca llas achega puntualmente e sempre con varios meses de atraso.

TERCEIRO. Que o Concello de Betanzos non lle achegou a documentación correspondente ao Comité de Empresa das horas extraordinarias realizadas polo persoal laboral nos meses de xaneiro, febreiro, marzo e abril de 2018.

CUARTO. Que na última documentación sobre as horas extraordinarias entregada, relativa aos meses de outubro e novembro de 2018, non vén en todos os casos identificada a data de realización das horas, polo que entendemos que esta documentación foi entregada con eivas.

POLO EXPOSTO, SOLICITO:

PRIMEIRO. Que o Concello de Betanzos lle entregue ao Comité de Empresa a relación de horas extras realizadas con base ao deber de información recollido no artigo 21.9.m. e aos parámetros indicados neste.

SEGUNDO. Que o Concello lle entregue con puntualidade ao Comité de Empresa a información relativa ás horas extraordinarias do persoal labora de xeito mensual, tal e como procede. Así mesmo, comunico que de non entregalas en tempo e forma tomaremos as medidas oportunas.

TERCEIRO. Que o Concello de Betanzos lle entregue ao Comité de Empresa a información das horas extraordinarias realizadas polo persoal laboral nos meses de xaneiro, febreiro, marzo e abril coa identificación dos/as traballadores/as, a data da súa realización e a cuantificación das horas realizadas en total, tal e como indica o Convenio colectivo do persoal laboral e vigor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario