Convoca mobilizacións o 10 de marzo,
Día da Clase Obreira Galega, baixo o lema “Recuperar Dereitos para
Avanzar”
A CIG considera que a derrogación do
artigo 52.d é insuficiente e un simples parche xa que non permite
dar solución ao grave deterioro das condicións laborais, salariais
e de vida da clase traballadora galega. Entende que con esta
operación de maquillaxe, o goberno de coalición pretende vender
como un gran avance o que non é nin unha tímida reforma. Parece
máis buscar un obxectivo de desmobilización da clase traballadora
que de lexislar para acadar avances reais para a recuperación dos
dereitos.
“O que cómpre de forma urxente é
derrogala toda porque retrasalo é manter a profunda inxustiza social
que supuxo este golpe de estado para a clase traballadora”, afirma
o secretario xeral, Paulo Carril, para quen non valen nin
derrogacións parciais nin simples revisións. “Ante a reforma
laboral non hai tregua nin transición posíbel, ten que haber
ruptura democrática para recuperar os dereitos laborais e sociais
arrebatados coa escusa da crise”, reitera.
Neste sentido, Carril sinala que as
reformas laborais “teñen provocado o medre na destrución de
emprego, nomeadamente no sector industrial; a extensión da pobreza
laboral e dos baixos salarios, con novas formas de explotación
laboral, como as ETT, os Centros Especiais de Emprego, a legalización
dos falsos/as autónomos/as e as cadeas de subcontratación
infinitas; a crecente centralización e os constantes impedimentos ao
noso dereito a negociar as condicións de traballo en Galiza, xa que
a reforma laboral afondou na estatalización das relacións laborais
e na cronificación da precariedade”.
Xunto a isto alerta de que manter viva
a reforma, perante a crise industrial que sofre Galiza, “significa
seguir permitindo que as empresas apliquen EREs, ERTES e
despedimentos de forma unilateral”.
Mobilizacións o 10 de Marzo
Por iso, advirte de que a CIG seguirá
mobilizándose para tombar as reformas como único xeito de rematar
coa precariedade e a pobreza laboral que sofre a clase traballadora
galega. Con este obxectivo ten convocadas asembleas de delegadas e
delegados e mobilizacións nas comarcas para o vindeiro 10 de Marzo,
Día da Clase Obreira Galega, que se insiren na campaña iniciada xa
no mes de decembro, baixo o lema “Recuperar dereitos para avanzar.
Na defensa do emprego e a industria na Galiza”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario