Os Xulgados do Social declararon os
axentes persoal fixo e descontinuo
O Concello de Verín vén de ser
condenado polo Xulgados do Social número 3 e 2 de Ourense a
readmitir a dous auxiliares da Policía local que eran contratados
cada ano durante o verán como persoal temporal. A decisión xudicial
declara os axentes persoal fixo da RTP municipal e descontinuo
respectivamente, con dereito a traballar catro meses cada ano.
O Xulgados ourensáns aplican deste
xeito a doutrina do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza relativa á
imposición da sanción de “fixeza” ás entidades públicas que
abusen da temporalidade.
Dende a CIG-Verín explican que até o
de agora esta “novidosa” doutrina xudicial tiña sido aplicada a
casos moi específicos, a maioría deles de traballadores/as de
Grupos de Emerxencias Supramunicipais como os das localidades
ourensáns da Gudiña e do Barco ou na pontevedresa da Guarda.
“Mais neste caso os Xulgados
aceptaron estender os efectos da sanción de fixeza a outros
colectivos en situación de precariedade e abuso da temporalidade
como os auxiliares de Policía local”, indican.
Esta decisión abre a porta a que
ducias de auxiliares da Policía local de diversos concellos da
provincia de Ourense poidan formular a mesma reclamación “para
tornaren a súa relación laboral a fixa sen necesidade de superar un
segundo proceso selectivo ou oposición, ao serlles hábil o proceso
selectivo superado nas contratacións temporais, e con obriga
municipal de chamalos cada ano a traballar durante o período
estival”.
Finalmente, dende a central agardan que
tanto a concelleira de Persoal de Verín como o propio alcalde “tomen
nota, impidan o abuso da temporalidade en lugar de promovelo e
cumpran as sentenzas de xeito voluntario e non nos obriguen, como
veñen facendo nos últimos tempos, a reclamar a execución forzosa
das mesmas porque o progresismo verbal hai que acreditalo con
feitos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario