A semana pasada e logo dun ano e medio o Concello de Betanzos retomou as reunións da Comisión Paritaria de Igualdade. A representante da CIG na Comisión Paritaria de Igualdade os vindeiros catro ano será Rosa García, por se lle queredes consultar calquera cuestión.
Entre os puntos da orde do día destacaban os resultados das enquisas que se realizaron para levar a cabo o Plan de Igualdade Interno, mais lamentablemente soubemos que só 22 traballadores e traballadoras as responderon, o 11% do persoal, por tanto, aínda que os resultados son válidos, obviamente non son representantivos. Por este motivo decidiuse facer unha segunda rolda que incluirá entrevistas coa finalidade de que os resultados si que poidan tomarse como base para a elaboración do futuro Plan de igualdade interno, que será obrigatorio para o Concello de Betanzos desde o vindeiro 7 de marzo, ao abeiro do RD 6/2019.
Así mesmo, nesta Comisión acordouse que é necesaria a formación en igualdade de xénero e o Concello aprobará un Plan de formación interno que incluirá a realización dun Curso básico de igualdade para a totalidade do persoal municipal. Tamén se aprobou o cronograma para a elaboración do Plan de Igualdade interno, que estaría elaborado e implantaríase por volta do outono, logo dos resultados das novas enquisas e de varias reunións da Comisión Paritaria.
Varias das cuestións que saíron das enquisas fan prever cales serán os temas que haberá que pór enriba da mesa para a negociación do plan, nelas, o persoal fai referencia á importancia da formación, á existencia dunha fenda salarial, á necesidade de formación en igualdade no Departamento de Persoal, de cara aos procesos selectivos, así como de eliminar as discriminacións na promoción ou no propio reparto do traballo entre homes e mulleres en postos similares.
Finalmente a CIG insistiu na necesidade da aplicación da flexibilidade da xornada contemplada no Convenio e no Acordo, que non se permite realizar mentres non se realice de xeito efectivo o control de xornada, mais cuxa escusa leva dilatando este dereito tres anos. Se ben é certo que o goberno municipal defende que non hai problema porque o persoal cando ten un problema de conciliación sempre se lle facilitan as cousas, na práctica isto derivou nunha discriminación efectiva entre o persoal que realiza distintas xornadas, que para nada están amparadas nunha conciliación cando na realidade se veñen realizando como unha redución de xornada sen redución de salario e que provocan unha clara discriminación entre o persoal municipal.
O goberno indicou que este mesmo mes tiña unha xuntanza na Deputación polo tema do control da xornada e que no momento en que este se implantase se podería levar a cabo a flexibilización.
A CIG propuxo que a Comisión lle indicase á Mesa Xeral de Negociación que aprobe o catálgo de postos que poderían optar a esta flexibilización, no caso de que non todos poidan, para que no momento en que isto entrase en vigor estivese claro este parámetro. Así mesmo, e tal e como proporá na Mesa de Negociación, se se aproba un catálogo de postos que teñen dereito á flexibilización, aqueles que fican fóra deberían ter valorado no Complemento específico esta condición, a de xornada fixa, ao igual que se consideran outro tipo de características inherentes ao posto e realtivas á xornada e se valoran na Relación de Postos de Traballo. Tanto o goberno municipal como a CSIF estiveron de acordo coa proposta,
Ningún comentario:
Publicar un comentario