As
vistas iniciáronse hoxe e continuarán o día 19 e o 21 no xulgado
do penal
Compañeiros
e compañeiras e representantes da CIG-Servizos de Compostela
concentrábanse esta mañá diante dos xulgados de Fontiñas
coincidindo coa primeira das vistas do xuízo contra o coordinador de
seguridade do aeroporto de Santiago, polo acoso continuado que
padeceron varias traballadoras e que padeceu tamén o delegado da
CIG, Xosé Luís Castro, tras denunciar a actitude machista e o trato
denigrante ao que estaban sometidas.
Segundo
explicou Roberto Alonso, membro da executiva da federación de
Servizos, ao inicio da concentración, as traballadoras tiñan mesmo
que informar ao xefe das súas menstruacións para que puideran ter
un relevo no posto de seguridade e poder ir ao baño. “Tiñan
ademais que pedir permiso para ir ao baño tanto as
traballadoras como os traballadores e moitas veces se lles denegaba
so pretexto de que non había relevos, cando realmente no aeroporto
de Santiago hai un colectivo bastante grande, de máis de 40 persoas
en seguridade, e non tería por que haber ningún problema”.
Xunto
a isto, Alonso sinalou que o delegado sindical que denunciou esta
situación foi tamén vítima de acoso continuado, tanto por parte do
xefe de seguridade como das empresas que o respaldaron e mantiveron
no posto até o día de hoxe, malia as denuncias presentadas.
Alonso
lamentou que se tardara practicamente seis anos en que se celebraran
as vistas do xuízo. Un tempo que considerou “completamente
insufrible para as vítimas de acoso”, porque “moitas delas
estiveron de baixa por trastornos ansioso-depresivos, esgotando
períodos máximo dun ano e medio, tendo que incorporarse e ver alí
ao acosador continuar con todo o respaldo tanto das empresas como da
administración pública, porque o aeroporto de Santiago é unha
empresa pública”.
Sentenza
exemplarizante
O
representante da CIG-Servizos lembrou que xa se fixeran varias
concentracións de denuncia e agardou que por fin agora remate unha
situación tan “grave” como esta e que haxa unha sentenza
“exemplar” para que non se reproduzan este tipo de comportamentos
nin no aeroporto Rosalía de Castro, nin en ningunha outra empresa de
seguridade privada ou de calquera outro sector.
A
este respecto denunciou que “por desgraza temos detectado que cada
vez é máis habitual por parte das empresas ir a situacións de
acoso porque lles resulta moito máis fácil, barato e non punible
porque son situacións moi difíciles de denunciar por parte das
vítimas que sofren este tipo de situacións porque adoitan ser
acosadas cando están soas ou con situacións moi buscadas buscando
amargar a existencia das traballadoras e traballadores para que
acaben marchando da empresa sen dereito nin a indemnización, nin a
prestacións, nin nada”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario