O pasado martes 2 de xuño os compañeiros e compañeiras do persoal laboral Concello de Betanzos decidiron que sexa a CIG unha vez máis a que ostente a maioría no Comité de Empresa. Grazas a todos os compañeiros e compañeiras que nos votaron, obtivemos representación e seguiremos traballando catro anos máis e abrindo camiños no Concello de Betanzos.
Desde a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos valoramos positivamente os resultados máis aínda se temos en conta a campaña destrutiva que UGT levou a cabo contra a actual presidenta do Comité de Empresa e contra un convenio colectivo aprobado democraticamente pola asemblea de traballadores.; aínda que entendemos que un sindicato que defendeu ao goberno catro anos e non moveu un dedo polos traballadores máis que para dificultarlle o traballo aos delegados que si que querían traballar pola igualdade de dereitos e condicións, non podía facer campaña en positivo porque nin fixeron nada nin saben o deben ter claro o que queren facer.
Cómpre destacar o elevado índice de participación especialmente en sectores que nunca antes votaran como persoal do Conservatorio Municipal e a Escola de Folclore, o que denota un crecente interese do persoal polos temas que lle afectan e unha maior participación na toma de decisións, o que sempre é positivo na medida en que nunca nas eleccións sindicais antes de que a CIG chegase a este Concello se conseguira unha tan alta participación que demostra que as cousas verdadeiramente están a mudar.
Os delegados electos pola CIG foron Jorge Amarante Rodríguez, Manuel Román Castro Varela e Silvia Muíño Naveira e a presidenta do Comité en funcións convocará proximamente unha reunión na que se disolverá o Comité actual e constituirase o novo, desta volta integrado só por cinco membros por primeira vez na historia deste Concello. Tamén se reducen o número de delegados de prevención que esta vez serán dous no canto de tres como no anterior mandato, segundo indica a Lei 31/1995.
Desde a Sección sindical da CIG queremos manifestarlle o noso total agradecemento aos compañeiros delegados da CIG que deixan de selo logo de catro anos de mandato, Raquel, Marcos e Mónica, e recoñecerlles o traballo desenvolvido durante os pasados anos, os primeiros de andaina do noso sindicato neste Concello, e, sen dúbida, os máis duros para todos e todas polo que supoñía tentar ir aprendendo e facendo coas constantes cambadelas do goberno municipal e do outro sindicato con representación en laborais.
Comezan catro anos máis tentando mellorar a situación do persoal laboral porque aínda que o camiño está iniciado son moitas as frontes abertas e as desigualdades existentes aínda na actualidade e desde a CIG traballaremos unha vez máis ao abeiro dos compromisos de traballo cos que nos presentamos ás eleccións sindicais neste ano 2015 e que nos deron a maioría no Comité de Empresa para os vindeiros anos.
Comezan catro anos máis tentando mellorar a situación do persoal laboral porque aínda que o camiño está iniciado son moitas as frontes abertas e as desigualdades existentes aínda na actualidade e desde a CIG traballaremos unha vez máis ao abeiro dos compromisos de traballo cos que nos presentamos ás eleccións sindicais neste ano 2015 e que nos deron a maioría no Comité de Empresa para os vindeiros anos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario