Nos pasados días o Concello publicou a composición do tribunal da praza de psicólogo/a con carácter temporal que está en proceso. O tema dos tribunais xa foi posto en cuestión en varias ocasións tanto pola Sección sindical da CIG como polo Comité de Empresa na medida en que o Concello sempre carga ao mesmo persoal con esta responsabilidade e sorprendentemente outro persoal de idéntica categoría e titulación nunca é designado para ningún tribunal.
Se a isto lle sumamos que este goberno municipal non lle paga aos membros dos tribunais as indemnizacións correspondentes cando mesmo se teñen reunido fóra do horario laboral ou mesmo ter que asistir durante as vacacións, hai un claro incumprimento da lexislación vixente, mesmo logo de se ter rexistrado solicitudes ao respecto.
Desde a CIG convidamos ao goberno a que renuncie ás indemnizacións por asistencia a Plenos e Xuntas de Goberno toda vez que se nega a lle pagar as indemnizacións ao persoal laboral, aquí ou cobramos todos o que indica a lexislación ou que non cobre ningún, mais é un absoluto cachondeo que o goberno cobre o que lle corresponde puntualmente mais canto se trata dos traballadores llo negue pola vía da non resposta cando ata a chegada deste goberno municipal, segundo nos indicaron varios compañeiros, si que se cobraban, tal e como indica a norma, as indemnizacións por asistencia a tribunais. Este é, pois, un problema creado por este goberno que antes non existía, e que pretende recortarlle dereitos ao persoal mediante a non aplicación da lexislación vixente.
A maiores, prodúcese un incumprimento da Lei 2/2015 do emprego público de Galiza no relacionado co nomeamento do tribunal, posto que todos os membros deben pertencer ao mesmo corpo, escala ou categoría profesional que o posto que vai ser avaliado polo tribunal e isto podería supor reclamacións ao proceso por parte dos e das aspirantes.
A CIG solicitoulle ao goberno en funcións o seguinte:
1. Que o Concello
adecúe a composición do tribunal da praza mencionada á
lexislación vixente en materia de órganos de selección para a
provisión de postos na Administración pública galega.
2. Que realice
todos os trámites administrativos necesarios para os nomeamentos e
notificacións por escrito aos membros dos tribunais dos procesos
selectivos que o Concello convoca, tal e como procede, e para que se
poidan realizar as recusacións legalmente previstas no caso de ser
pertinente
3. Que lle aboe
puntualmente aos membros dos tribunais as indemnizacións
correspondentes ao abeiro da lexislación vixente en materia de
participación en tribunais de oposicións e concursos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario