Considera inadmisíbel que o documento
se presente publicamente, en foto con Montoro, antes de pasar pola
Mesa de negociación
Nestes últimos días asistimos a unha
serie de informacións (tanto en prensa como en notas informativas)
relativas ás propostas que se estaban a debater nos grupos de
traballo da Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas,
Ministerio de Facenda e Función Pública, e que fan referencia a
distintas materias a incluír no Anteproxecto de Lei de Orzamentos do
Estado que aprobará o Consello de Ministros a finais deste mes de
marzo; e que teñen que ver co Emprego Público, o incremento
retributivo e a posible recuperación de dereitos laborais.
Para o día 29/03/2017 estaba anunciada
xuntanza da Mesa de Negociación das Administracións Públicas en
Madrid da que somos parte. Dende a CIG manifestamos o seguinte:
En primeiro lugar é imprescindible
derrogar moitos dos Reales Decretos-Lei que se nos veñen impoñendo
ao persoal das administracións públicas dende o ano 2010,
entre outros: RD-Lei 8/2010, polo que se adoptan medidas
extraordinarias para a redución do déficit público; RD-Lei
20/2011, de medidas urxentes en materia orzamentaria e tributaria
para a corrección do déficit público, RD-Lei 20/2012, de medidas
para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da
competitividade e todos aqueles Decretos-Leis e Leis que
foron impostos polo goberno español relativos a reformas laborais,
reforma negociación colectiva, modificacións das pensións... etc.
e proceder a restitución de todos os dereitos laborais e
salariais (horarios, pagas extras, salarios, 100% do salario en
situación de IT, fondo social...) que lle foron arrebatados ao
persoal empregado público desde o ano 2010. Para a CIG este tiña
que ser o punto de partida para falar realmente de unha negociación
e poder chegar a acordos coa Administración .
Non se poden separar emprego público e
redución do emprego temporal do contido que terá o proxecto de Lei
de Presupostos Xerais do Estado para o ano 2017 en canto a
condicións laborais, económicas e demáis do persoal das
Admóns Públicas. Ambas cousas van unidas.
Os contidos desa Mesa Xeral serán:
En materia de Emprego Público anúnciase
unha mellora nas condicións da Oferta de Emprego, pola vía de
ampliar os sectores prioritarios que terán unha reposición de
efectivos do 100%, ademais incluirase un plan de estabilización de
emprego, que permita a redución das altísimas taxas de
temporalidade existentes na actualidade.
Estas medidas, con ser necesarias e
consideralas un avance, non solucionan o problema de falta de persoal
nin deteñen a dinámica de destrución de emprego público imposto
como consecuencia dos plans de redución de gasto; en todo caso
estase a falar de postos de traballo que xa están ocupados na
actualidade, nuns casos por persoal temporal ou interino, que se
incluirán no plan de estabilización e noutros casos de postos
ocupados por persoal fixo que, naqueles sectores considerados
prioritarios, substituirase por persoal de novo ingreso nos supostos
de xubilación.
Continúase coas limitacións
normativas impostas as Administracións Públicas que ao
impedir o incremento da masa salarial , así como limitar a
incorporación de efectivos terán unha vez máis unha directa
repercusión sobre a xestión dos recursos humanos. Esa taxa xeral de
reposición do 50% para o resto dos sectores que non se consideran
prioritarios, e ese 100% para os esenciais xa determina que a
situación vai a ser de diminución de efectivos nas
administracións públicas. Por tanto consideramos dende a CIG
que non se debe de impoñer taxa de reposición , máxime cando
durante estes últimos anos se produciron taxas reducidas con
consecuencias nefastas para os cadros de persoal e para a calidade
dos servizos públicos. Solicitamos tamén a transferencia ás CCAA
de todo o relativo á materia de emprego público dentro do seu
ámbito. Debe de corresponderlle ás CCAA a planificación e
ordenación das súas ofertas de emprego público.
Os procesos de estabilización de
emprego deben ser negociados nos seus respectivos ámbitos, incluíndo
o sistema de acceso.
En materia retributiva, proponse un
incremento do 1% do conxunto das retribucións que suporá abondar na
rebaixa salarial e a perda de poder adquisitivo iniciada no ano 2010.
Nin que dicir ten que esta medida é
inaceptable nun contexto de incremento de prezos e produto interior
bruto por enriba do 3%.
En canto a recuperación de dereitos,
nada de nada; nin os que teñen que ver cos descontos por
Incapacidade Temporal, nin os recortes nos fondos de Acción Social,
nin a actualización dos importes das pagas extraordinarias, nin a
reposición dos efectivos perdidos durante os anos de ausencia de
oferta de emprego.
Outro compromiso anunciado será o de
abrir procesos de negociación para tratar materias relativas a
Igualdade e Violencia de Xénero, Mutualismo Administrativo,
Implantación Administración Dixital e Formación; para tratar todas
estas materias xa temos mesas de negociación que, durante a anterior
lexislatura, estiveron en parálise permanente xa que, a pesares das
demandas sindicais, o Goberno español negouse a negociar calquera
medida.
Analizado o conxunto das propostas,
somos da opinión de que, a pesares da anunciada melloría da
situación económica no Estado, non se reverte a dinámica dos
últimos anos, na que se estivo recortando en dereitos e condicións
de traballo do persoal ao servizo das Administracións Públicas para
os axustes de gasto que reduzan o déficit orzamentario; e tendo
remitido dende CIG propostas de cara a recuperación de emprego
público así como para recuperación de dereitos laborais e sociais
para o persoal ao servizo das Administracións Públicas que non
foron tidas en conta en ningún momento, é polo que non podemos
dar a nosa aprobación a estas medidas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario