21/03/17

A Sección sindical da CIG rexistra unha queixa pola carga de traballo adicional que está supoñendo a non cobertura dun posto de conserxe

A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos vén de rexistrar unha queixa polo aumento de carga de traballo ao persoal técnico que programa actividades debido á non cobertura do posto de conserxe do Liceo.

A central sindical vén de instar ao Concello de Betanzos o seguinte:

PRIMEIRO. Que cubra con carácter urxente e mediante os procedementos adecuados, o posto mencionado que na Relación de Postos de Traballo é o número 114, así como todos os postos non cubertos necesarios para o correcto funcionamento desta Administración local.

SEGUNDO. Que o Concello deixe de botar man do persoal técnico das distintas áreas que programan actividades para facer funcións propias das conserxarías e/ou persoal técnico de sala, funcións que non lle corresponden e, que, ademais, en diversas ocasións se realizan fóra da xornada laboral reflectida nos seus contratos en vigor.

TERCEIRO. Que o Concello asigne persoal encargado de todas as salas nas que prevé levar a cabo calquera tipo de programación.

CUARTO. Que o Concello incorpore novos postos, como é o caso mencionado, e outros que estes sindicato propuxo na Mesa Xeral de Negociación correspondente, ao catálogo de postos dos que se vai crear unha listaxe de substitucións proximemente.

QUINTO. Que o Concello de Betanzos teña por interposta esta queixa e tome as medidas oportunas de cara a solucionar de inmediato a situación descrita e atallar os problemas mencionados.

Esta queixa vén de rexistrarse pola problemática que está a sufrir o persoal técnico que programa actividades de diverso tipo na Aula Municipal de Cultura Xulio Cuns, o Salón Azul, a Sala de Exposicións e a Sala de Usos Múltiples do edificio Liceo e o Cine Alfonsetti. Na exposición de motivos da queixa faise referencia a que desde a xubilación do traballador cuxo posto de corresponde co 114 na actual Relación de Postos de Traballo e cuxas funcións son as seguintes: “información xeral, apertura e peche do local, control de visitas, entradas e saídas, control de dependencias, avisos de mantemento, atención actuacións, reunións e exposicións nas salas do Liceo”, esas funcións veñen sendo asumidas de xeito repetido por persoal técnico de diversas áreas que fai uso dos locais sinalados e que inviste o seu tempo de traballo en realizar funcións que non lle son propias mentres o traballo propio do seu posto queda atrasado.

A maiores, lembrámoslle ao Concello que unha parte deste persoal programa fóra do horario laboral que estipula o seu contrato, porque estamos falando na inmensa maioría dos casos de persoal laboral, e non cobra no complemento específico ningún tipo de distorsión horaria, por tanto realiza como horas extraordinarios traballos que non son extraordinarios posto que están planificados con antelación.

Tamén lle lembrou ao goberno municipal que esta problemática xa se daba con anterioridade á devandita xubilación no Cine Alfonsetti, cuxas funcións de conserxaría xa foran asumidas anteriormente por persoal técnico, e que o Concello debería ter persoal responsable de todas as salas nas que considera oportuno facer programación. Así mesmo, que esta situación se transmitira como temporal mais dous meses despois segue sen solución, de aí que se decidise levar a cabo esta queixa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario