02/03/17

Negociacións para unhas novas bases de axudas sociais para o persoal: realidade ou espellismo

Co novo ano o goberno municipal parece que quere retomar a negociación dunhas novas e necesarias bases para o reparto das axudas sociais. Como este amago de intento de negociación xa se produciu en varias ocasións descoñecemos se desta volta é un espellismo ou cinco anos despois de que o Comité presentase a primeira proposta de verdade o goberno será quen de negociar unha cuestión que é inxusta de base na medida en que trata por igual a todo o persoal e ignora un tema chave no reparto das axudas como o criterio da renda para que estas realmente vaian destinadas a quen máis o necesita.

Os feitos demostran que o goberno do PSOE leva anos dándolle voltas a este tema porque non debe considerar necesario que resulte beneficiario destas axudas quen menos ten:

Marzo do 2012- O Comité achégalle unha proposta de texto ao Concello.
Agosto de 2013-O goberno municipal entrega unha contraproposta á que o Comité lle fai unha serie de achegas.
Xaneiro de 2014-O concelleiro de persoal entrégalle un novo texto (totalmente diferente ao de agosto de 2013) aos representantes dos traballadores. Sobre este texto o Comité pide de novo a convocatoria da Mesa Xeral de Negociación e fai achegas.
Xullo de 2014- O Comité envíalle á empresa Galivalia, por indicación do concelleiro de Persoal, toda a información e as propostas valoradas ata o momento.
Outubro de 2015-O concelleiro de Persoal volve solicitarlle ao Comité o envío por correo electrónico de toda a documentación desta negociación.
Xaneiro de 2017-O concelleiro de Persoal entrega unha nova proposta (diferente de todas as anteriores) aos representantes dos traballadores. 

O Comité de Empresa rexistrou o escrito que vos achegamos e insta, unha vez máis, e como cada ano, ao Concello a que teña por presentadas as consideracións do Comité de Empresa ao último dos textos entregados polo Concello con respecto a unhas novas bases de reparto do fondo de acción social e convoque os órganos pertinentes de negociación de cara a poder revisar e mellorar a proposta presentada pola complexidade do tema tratado.

O caso é que en cinco anos a Mesa Xeral de Negociación non se convocou nin unha soa vez  por este tema, aínda que voltas, como vedes, si que nos fixeron dar... agora ben, parece que se rin dos traballadores ou non? Tirade as vosas conclusións!

Ningún comentario:

Publicar un comentario