02/03/17

Compromiso pendente do concelleiro de persoal: reunión cos traballadores

Na reunión que tivo lugar o pasado mes de xaneiro dos representantes do Comité de Empresa co concelleiro de Persoal, este último comprometeuse a reunir a unha parte do persoal para unha reunión informativa de primeira man, tal e como a que tivo o 13 de decembro de 2016 coa outra parte do persoal de oficinas, maioritariamente representada polo persoal funcionario.

Desde ese mesmo día 13 os representantes do Comité solicitáronlle ao concelleiro que tratase en igualdade de condicións a todo o persoal do Concello e informase de primeira man dos cambios que xa se están levando a cabo e todos os procesos que lle afectan aos traballadores e que se están botando a andar. A resposta foi que se faría, logo das vacacións do Nadal, porque seica había moita xente de vacacións, logo despois de determinada semana en febreiro, mais o caso é que vanse cumprir tres meses desa primeira reunión cun grupo de traballadores e traballadoras e o resto do persoal, tratado en inferioridade de condicións polo goberno municipal mentres non o reúne, só sabe de moitas cousas polo díxome díxome, no canto de sabelo de primeira man como a maior parte do funcionariado.

A distinción e mesmo discriminación histórica entre o persoal funcionario e laboral non foi só salarial nin a través do convenio ou da temporalidade dos contratos, sempre parece que houbo unha distinción clara entre servizos e oficinas que redundou nunha maior información do persoal que máis próximo está ao goberno municipal e nun maior decoñecemento de todo o que acontece e lle afecta ao persoal que non está no centro da xestión administrativa. 

Desde a CIG entendemos que esta era unha boa ocasión para demostrar que entramos nunha nova etapa que pretende atallar problemas e discriminacións históricas, a comezar pola propia información que o goberno municipal lle dá de primeira man aos traballadores e traballadoras municipais sobre os cambios que se aveciñan. Por iso lle insistimos tanto ao concelleiro de Persoal desde o pasado mes de decembro da necesidade de reunir tamén ao resto do persoal que non estaba ese día para informalo de temas que levan anos pendentes e que lle preocupan, como é a cuestión da Relación de Postos de Traballo, porque a información que se de nesa reunión foi de diversos temas laborais e a igualdade de trato e de consideración demóstrase con xestos, xestos como esa reunión comprometida e pola que o persoal de servizos leva meses a agardar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario