Nos vindeiros días desde a Asesoría xurídica da CIG presentarase a primeira demanda ao Concello de Betanzos pola reclamación das indemnizacións por asistencia aos membros dos tribunais dos procesos selectivos.
O goberno municipal do PSOE, desde que entrou a gobernar hai seis anos, vén vulnerando de xeito sistemático este dereito dos traballadores e traballadoras que forman parte dos tribunais dos procesos selectivos, e cuxas indeminizacións veñen reguladas polo Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razóns de servizo e onde se recollen expresamente as indeminzacións que lle debe pagar tanto a vogais, como presidentes e secretarios nomeados para o efecto.
O máis vergoñento desta problemática é que o concelleiro de Persoal, Diego Fernández leva anos dicíndolle aos representantes dos traballadores que esta cuestión se vai solucionar mentres o tempo pasa e ningún traballador percibe nin unha soa indemnización. A maiores, hai pouco menos dun ano o propio Departamento de Persoal comunicou que se solicitaran por escrito as indemnizacións porque mesmo se pagarían con carácter retroactivo e nunca máis se soubo nada.
Resulta lamentable, por outra banda, que os traballadores teñan que acudir ao xulgado para solicitar unhas indemnizacións que lle corresponden por lei, porque ata onde sabemos os informes existentes recoñecen que se deben pagar estas indemnizacións. Así mesmo, que quen quere efectuar a reclamación pedise por rexistro as actas dos tribunais para xustificar a súa asistencia e o Concello non fose quen de entregarlle unha copia e teña que ser o xulgado que llas vaia requirir á Administración local.
Ningún comentario:
Publicar un comentario