Nos últimos meses o Concello vén informando a través das contas de
correo electrónico da Deputación da Coruña de diversa información
de temas relativos ao persoal, como as convocatorias da Comisións
creadas neste ano 2017, unha delas de reestruturación de persoal e
recentemente vén de convocar a todo o persoal con conta de correo
electrónico oficial a unha reunión para o martes 21 de marzo para
que asistan os traballadores e traballadoras interesadas para
presentar ao equipo que está traballando na elaboración da RPT.
Unha parte do persoal laboral, nomeadamente o vinculado a servizos,
non conta con correo electrónico do Concello, e, por tanto, non
recibe esta información en igualdade de condicións que o resto de
compañeiros e compañeiras. O Concello unicamente envía esta información por correo
electrónico, polo que está privando a unha parte do persoal de
información que lle afecta, á vez que o discrimina na distribución
de información con respecto ao resto do persoal.
Así mesmo, non todo o persoal conta cun ordenador no seu posto de
traballo nin o Concello ten ningún habilitado para que o persoal
poida consultar este tipo de información. A maiores, na actualidade, para poder solicitar actividades
formativas para o persoal dos concellos, como é o caso das da
Deputación da Coruña é imprescible que o persoal municipal conte
cunha conta de correo electrónico da Deputación da Coruña.
Debido a todo isto o Comité de Empresa solicitoulle ao Concello o seguinte:
PRIMEIRO. Que o Concello de Betanzos cree coa maior brevidade posible as
contas de correo electrónico do persoal que na actualidade non
conta con ela de cara a que poida ser informado en igualdade de
condicións que o resto de traballadores e traballadoras de todas as
novidades relativas ao persoal que lle afectan. Así mesmo, que no
momento de creación destas habilite un punto de consulta para o
persoal, tanto para as convocatorias como a que vén de realizar
como para poder realizar a inscrición na formación que así o
requira.
SEGUNDO. Que mentres non crea estas contas utilice as vías de
comunicación tradicional, nomeadamente co persoal que non ten conta
de correo electrónico nin acceso a un ordenador, de cara a garantir
a igualdade de información entre todos os traballadores e
traballadoras deste Concello.
TERCEIRO. Que o Concello convoque as reunións de persoal nun horario no
que poida asistir a maior parte do persoal municipal, xa que no
horario convocado para o 21 de marzo, as dúas da tarde, hai persoal
ao que lle resulta imposible asistir porque non pode deixar o
servizo descuberto, como é o caso do persoal da Escola Infantil
Municipal ou persoal auxiliar de axuda no fogar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario