26/05/15

Paremos o TTIP. Asina para pedirlle ao Parlamento europeo unha oposición firme aos tratados transatlánticos

A CIG súmase á iniciativa social para recoller 2 millóns de sinaturas antes da votación na Eurocámara dunha resolución sobre o TTIP

Do 8 ao 10 de xuño, o Parlamente Europeo discutirá unha proposta que, aínda que non é vinculante para a Comisión Europea, marcará as liñas xerais dos contidos do TTIP. Por toda Europa, a plataforma “Stop TTIP”, apoiada pola CIG, está recollendo sinaturas contra destes tratados para presentalas aos/ás europarlamentarios/as. Súmate a esta iniciativa e asina para conseguir a non aprobación de tan destrutivos tratados. Están en xogo os teus dereitos.

O obxectivo da iniciativa “Stop TTIP” é recoller 2.000.000 de sinaturas en toda a Unión Europea. Nestes momentos as sinaturas recollidas superan xa o 1.700.000. É necesario, pois, un último esforzo para chegar ao obxectivo fixado. Por iso, CIG anima a apoiar esta nova iniciativa, que podes asinar no formulario que hai ao final desta nova.

Esta campaña dá continuidade ás mobilizacións que se están a desenvolver en ambas beiras do Atlántico contra tan lesivos tratados. Cómpre lembrar que o pasado 18 de abril celebrouse unha xornada de loita con máis de 800 actos en Europa e Norteamérica. A CIG, xunto con numerosas organizacións sindicais e sociais, participou activamente nesta xornada realizando concentracións en todas as cidades galegas.

Igualmente, a CIG, como membro da rede social europea Alter Summit, está a ter presenza permanente nos espazos europeos de divulgación, denuncia e combate a estes tratados. O responsábel da Área de Internacional da central sindical, Ramón González Boán, asistiu a reunión da plataforma que tivo lugar o pasado 2 de maio en Atenas, onde se avaliou a xornada internacional de loita e se estudaron novas accións a desenvolver.

Menos dereitos e ningunha soberanía

A Unión Europea está negociando cos Estado Unidos (EEUU) un “Tratado de Libre Comercio e Investimentos”, coñecido popularmente polas siglas en inglés como TTIP. Hai uns meses concluíu a negociación con Canadá dun tratado similar (CETA).

Estamos diante de dous tratados que se negocian en absoluto secreto, supeditan a soberanía nacional aos intereses das multinacionais, impoñen moitas máis dificultades ás nacións que, como Galiza, non teñen Estado de seu, restrinxen gravemente a democracia, favorecen a privatización de todos os servizos públicos, rebaixan a protección social a límites impensábeis, dan vía libre aos transxénicos e aos organismos xeneticamente modificados, reducen drasticamente a protección medioambiental, etc.

Estes tratados, con orientación e contidos absolutamente neoliberais, queren rebaixar ao mínimo a protección laboral e social, igualándonos ao modelo de EEUU e eliminando así as conquistas conseguidas en máis de 100 anos de loita da Clase Traballadora. Xunto a isto,  permiten ás empresas presentar demandas contra os estados cando estas se consideran ser afectadas na súa competencia ou actividade. Estabelecen, ademais, mecanismos para impedir que novas leis condicionen ou limiten os investimentos empresariais e os seus lucros.

Os estados perden a súa soberanía e poder de decidir e gobernar sobre os seus recursos. A clase traballadora resulta sacrificada en beneficio dos multimillonarios aos que estes Gobernos entregan todo o poder, porque traballan para eles. En que situación quedará o pobo galego, como se enfrontará a nosa industria, a nosa pesca, o noso agro e a nosa clase traballadora a un ataque tan brutal e antidemocrático aos nosos recursos e dereitos? Se non decidimos nós o noso destino, non teremos futuro como pobo.

Paremos o Tratado Transatlántico!


(Ten en conta que hai que validar a sinatura dende a dirección de correo electrónico que facilites ao cubrir o formulario. A esa conta vaiche chegar un correo electrónico cunha ligazón. Cando pinches nesa ligazón pasarás a outra pantalla e a túa sinatura estará validada, rematando así o proceso).

07/05/15

Denuncia na Inspección por incumprimento na normativa sobre as condicións dos espazos de traballo

Os delegados de prevención da CIG presentaron nos pasados días unha denuncia na Inspección de Traballo polas condicións da Oficina de Turismo.

Este tema foi falado en diversas ocasións co goberno ao longo destes anos sen solución aos diversos problemas, ademais se a isto lle engadimos que logo de que o Concello de Betanzos leve desde outubro de 2014, é dicir, 8 meses, sen convocar a reunión do Comité de Seguridade e Saúde, que por lei debe reunirse trimestralmente, levaron a tomar a decisión de poñer en coñecemento da Inspección de Traballo da Coruña as condicións deste espazo de traballo que incumpren diversa normativa en materia de seguridade e saúde laboral.

En concreto, os compañeiros achegáronlle á Inspección fotografías do estado das paredes do devandito centro de traballo, que demostran que a humidade do lugar. A temperatura excesivamente alta deste centro tamén é algo que se nota nada máis entrar e se a isto lle sumamos problemas de ventilación, que non ten servizo hixiénico, unha iluminación escasa e que non dispón de saída de urxencia, os delegados de prevención da CIG non podían deixar correr esta situación á vista de que o goberno municipal pasa amplamente de convocar o Comité de Seguridade e Saúde e de que os compañeiros finalizan o mandato en calidade de delegados o vindeiro 2 de xuño e o novo Comité será o que escolla os novos delegados de prevención de riscos laborais.

A situación de varios centros municipais causou diversas denuncias nestes anos, mais no eido da seguridade e saúde laboral fica un traballo aínda moi grande á vista das deficiencias que demostran algúns centros de traballo, como é o caso do que se puxo en coñecemento nesta denuncia.

En concreto, no escrito presentado, faise referencia á seguinte lexislación:

Real Decreto 286/2006 de 10 de marzo sobre a protección da saúde e seguridade dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición ao ruído.

Convenio 148 da Organización Internacional do Traballo relativo ao medio ambiente no traballo 24 de novembro de 1980.

Directiva 89/654/CEE (30 de novembro) de 30 de novembro de 1989, relativa ás disposicións mínimas de seguridade e de saúde nos lugares de traballo 

Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, artigo 20, sobre medidas de emerxencia.

Real Decreto 486/1997, de 14 de abril, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo, con respecto ao cal habería que lembrar especialmente os artigos 3, 5, 7, 8 e 9 e os anexos 1, 3, 4 e 5 que indican o seguinte:

3. "En calquera caso, os lugares de traballo deberán cumprir as disposicións mínimas establecidas no presente Real Decreto canto ás súas condicións construtivas, orde, limpeza e mantemento, sinalización, instalacións de servizo ou protección, condicións ambientais, iluminación, servizos hixiénicos e locais de descanso, e material e locais de primeiros auxilios"
5. "O orde, a limpeza e o mantemento dos lugares de traballo deberá axustarse ao disposto no anexo II".
7. "A exposición ás condicións ambientais dos lugares de traballo non deberá supor un risco para a seguridade e saúde dos traballadores. A tal fin, as ditas condicións ambientais e, en particular, as condicións termohigométricas dos lugares de traballo deberán axustarse ao anexo III"
8. "A iluminación dos lugares de traballo deberá permitir que os traballadores dispoñan de condicións de visibilidade adecuadas para poder circular por estes e desenvolveles neles as súas actividades sen risco para a súa seguridade e saúde."
9. "Os lugares de traballo deberán cumprir as disposicións do anexo V canto a servizos hixiénicos e locais de descanso".
Anexo 1. Condicións de seguridade nos lugares de traballo
"As vías e saídas de evacuación, así como as vías de circulación e as portas que dean acceso a elas, axustaranse ao disposto na súa normativa específica."
"En caso de perigo, os traballadores, os traballadores deberán poder evacuar todos os lugares de traballo rapidamente e en condicións de máxima seguridade. As portas de emerxencia deberán abrirse cara ao exterior e non deberán estar cerradas, de forma que calquera persoa que necesite utilizalas en caso de urxencia poida abrilas facilmente e inmediatamente."
Anexo 3. Condicións ambientais dos lugares de traballo.
"A exposición ás condicións ambientais dos lugares de traballo non debe supor un risco para a seguridade e a saúde dos traballadores. Nos locais de traballo cerrados deberán cumprirse, en particular, as seguintes condicións:
a) A temperatura dos locais onde se realicen traballos sedentarios propios de oficinas ou similares estará comprendida entre os 17 e os 27 ºC.
A humidade relativa estará comprendida entre o 30 e o 10 por 100, agás nos locais onde existan riscos por electricidade estática nos que o límite inferior será o 50 por 100"
"Anexo 4. Iluminación dos lugares de traballo.
"A iluminación de cada zona ou parte dun lugar de traballo deberá adaptarse ás características da actividade que se efectúe nela."
Anexo 5. Servicios hixiénicos e locais de descanso
"Os luagres de traballo disporán de retretes, dotados de lavabos, situados nas proximidades dos postos de traballo"

Real Decreto 488/1997 de 14 de abril sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde relativas ao traballo con equipos que inclúen pantallas de visualización.

Escritos presentados pola Sección sindical, unha queixa e unha solicitude con respecto ao horario de verán

A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos vén de presentar unha queixa pola aparición de panfletos anónimos no edificio Liceo con información manipulada, tendenciosa e que non se axusta á realidade sobre algúns postos do persoal laboral. A responsabilidade deste tipo de feitos é do Concello, por tanto, solicitámoslle ao goberno municipal que identifique á persoa ou persoas responsables e aplique as medidas que legalmente procedan para atallar este tipo de situacións.

Comézase a notar o ambiente das eleccións sindicais mediante este tipo de accións que manipulan a información que se lle ofrece ao persoal e que aínda por riba non identifican o colectivo ou persoa que distribúe a información para evitar posibles demandas. Agardamos que o Concello desta volta actúe e non faga como anos anteriores cando fixo caso omiso á solicitude de apertura de expediente a un funcionario municipal ou a diversas queixas que ao longo destes anos se teñen realizado logo de capítulos semellantes como a desaparición da publicidade sindical da CIG.



Tamén, e xa que o horario de verán comeza o vindeiro 1 de maio, solicitóuselle ao Concello que especifique o horario da redución horaria, posto que no convenio non vén especificado, así como a comunicación do sistema de compensación para o persoal que por motivos de servizo non pode realizar esa redución de xeito diario, que en anos anteriores foi persoal de axuda a domicilio e Escola Infantil Municipal.

O incumprimento reiterado dunha prohibición pode xerar responsabilidade empresarial pola non observación no deber de vixilancia

A Sala Social do Tribunal de Xustiza de Madrid confirma unha sentenza que impuña recargo de prestacións polo accidente dun traballador que sufriu un accidente cando se desprazaba sobre unha carretilla elevadora, sendo esta unha práctica prohibida na empresa, pero que se realizaba de xeito habitual e non era sancionada pola mesma.

En abril de 2007 o traballador accidentado foi requerido por un compañeiro, condutor dunha carretilla elevadora,  para axudar a cargar unha bobina de plástico; a fin de trasladarse ao lugar onde tiñan que recoller a bobina, o traballador tentou subir á forquita esquerda da máquina elevadora, perdeu o equilibrio e caeu diante da máquina, que o aprisionou.

A carretilla elevadora fora obxeto de revisión en marzo de 2007, dentro do programa trimestral de revisións ás que se sometía este tipo de maquinaria dentro da empresa, constatándse que os mecanismos funcionaban perfectamente; a empresa contaba con plan de prevención; na avaliación de riscos aparece consignada a prohibición de subirse ás forquitas da máquina , información que foi transmitida aos traballadores, prohibición que se atopaba nun cartel na propia máquina.

A pesares disto, era práctica habitual que os traballadores se desprazasen nas forquitas da máquina sendo incluso elevados nas mesmas para recoller material e proceder á carga de camións, non existindo constancia de que dende a empresa se tomase ningunha medida de advertencia aos traballadores por este tipo de actuacións.

A sentenza considera que a tolerancia por parte do empresario hacia esta conduta incide directamente na ineficacia da prohibición, xa que de terse sancionado e ter tomado conciencia os traballadores, se tería contribuído á evitación do accidente. Ademais indícase que “a imprudencia profesional non temeraria do traballador, o que sucede neste caso, non elimina as obrigas de prevención nin, polo tanto,  o recargo de prestacións”;  así mesmo “o empresario non pode desprazar o cumprimento do seu deber de seguridade ao traballador, aínda que este tamén asume obrigas no ámbito da protección da saúde e a seguridade laboral, segundo o artigo 29 da LPRL, de xeito que aínda que este último incumpra as súas obrigas non por eso o empresario queda exonerado do deber de seguridade que lle impoñen as leis, debendo incluso asumir e correxir o incumprimento do traballador agás, evidentemente, a imprudencia temeraria do traballador que se perfila como o límite do seu deber de previsión. Así a débeda  de seguridade non queda satisfeita coa formación do traballador, coa comunicación das instrucións axeitadas aos mesmos, coa facilitación de ferramentas e equipos de traballo axeitados, nin en xeral co cumprimento das obrigas formais establecidas na lexislación de avaliación e prevención de riscos, senón que a súa responsablidade chega á vixilancia e comprobación de que a formación é efectiva, que as instrucións particulares cúmprense, que as ferramentas e os equipos empréganse correctamente e que as prevencións contidas na documentación legalmente esixida sobre prevención de riscos laborais se observan efectivamente. En suma, ao empresario esíxeselle a máxima  dilixencia posible na prevención de riscos, o que no caso enxuiciado non sucede, ao terse desentendido do seu deber de vixilancia”.

O deber de vixilancia e supervisión parte do empresario e se distribúe por delegación a tódolos niveis xerárquicos da empresa, polo que resulta inherente a ter persoas a cargo.


05/05/15

Declaración da renda 2014: aviso para afiliados/as


Como sabedes estamos na datas de realización da Declaración da Renda, e podedes realizala nas oficinas que a Confederación Intersindical Galega ten no Edificio Sindicatos, 6.º andar, na Avenida Alfonso Molina da Coruña, para pedir a vosa cita podedes facelo previamente no 981 169 293, teléfono da centraliña da comarca da Coruña. 

A maiores, se o que precisades é unha certificación do pagamento da cota sindical durante o ano 2014, que é un gasto deducible no IRPF segundo o artigo 19.2 da Lei do IRPF e desgrava a contía total pagada polas cotas sindicais reducindo a base impoñible, podedes solicitala enviando un correo electrónico a cigconcellobetanzos@gmail.com ou solicitala nas propias oficinas da CIG. Lembrade revisar o borrador da renda porque aínda que debería incluír as cotas no seu cálculo rara vez o fai e para desgravar a cota sindical haberá que modificar o borrador en moitos casos.

Ademais, o persoal que con motivo dos procesos xudiciais cobrou ou está pendente de cobrar salarios atrasados de anos anteriores é recomendable que acuda ás oficinas da CIG tendo en conta que os casos teñen distintas especificidades que hai que ter en conta á hora de presentar a declaración.




Publicada a nova Lei do Emprego Público de Galiza


04/05/15

O goberno abandona o proxecto de privatización do rexistro civil

A CIG-Xustiza manifesta a súa satisfacción e reitera o seu compromiso coa defensa de que sexa un servizo público e gratuíto

O sector de Xustiza da CIG-Administración manifesta a súa satisfacción polo anuncio do Ministro de Xustiza de que o rexistro civil seguirá sendo público. Considera que isto demostra que a loita do persoal, co apoio das organizacións sindicais e das galegas e galegos, é un medio eficaz para frear este tipo de proxectos privatizadores e reitera o seu compromiso na defensa dun rexistro civil público, gratuíto e atendido por persoal da administración pública.

Na reunión celebrada onte, día 28 de abril, o Ministro de Xustiza anunciaba aos sindicatos presentes na mesa estatal de Xustiza, entre os que esta a CIG, que a decisión que ten tomada o Goberno é abandonar de xeito definitivo o proxecto de entrega do Rexistro Civil aos Rexistradores da Propiedade.

Segundo informa Xesús H. Sánchez Costa, Secretario Nacional do sector de Xustiza da CIG, o ministro afirmaba ademais que non se trata dunha mera paralización ou retraso, senón que retiran definitivamente o proxecto privatizador no que viñan traballando. Para iso van modificar as disposicións legais onde se mencionan aos Rexistradores e se prorrogará a entrada en vigor da Lei 20/2011 polo menos ate a segunda metade do ano 2016.

“Dende a CIG-Xustiza non podemos máis que alegrarnos  de ter obrigado entre  tod@s  ao Goberno a retirar o Proxecto privatizador do Rexistro Civil, e isto demostra que a loita e a presión do persoal de Xustiza e da cidadanía co apoio Sindical  si son efectivas”, asegura Sánchez Costa quen subliña que “a CIG-Xustiza non cesará na súa esixencia dun  modelo de Rexistro Civil público, gratuíto e servido por persoal  da Administración de Xustiza”.



Horas extraordinarias, o grande tabú deste Concello

Hai xa meses que a CIG solicitou por rexistro a información correspondente ás gratificacións do persoal funcionario do Concello de Betanzos que o goberno municipal se nega a entregarlle. O certo é que con este xesto tan pouco democrático o único que demostra é que debe haber algo que agochar, do contrario, a información sería pública sen problema ningún. Se a isto lle sumamos que o Comité de Empresa leva varios meses sen recibir a información correspondente ás horas extraordinarias do persoal laboral o panorama é aínda máis desalentador.

En múltiples ocasións o concelleiro de Persoal ten indicado que non hai problema con entregar esta información, mais o certo é que o Concello sempre vai a remolque mesmo logo dun informe da asesoría xurídica do Concello que lles indica que lles deben entregar esta documentación mensualmente ao Comité de Empresa. Tamén é certo que estas horas teñen sido obxecto de denuncia na Inspección de Traballo por parte da CIG no pasado, cando había casos que sobrepasaban os miles de euros anuais, mais iso segue sen ser razón suficiente para que o goberno non lles entregue puntualmente aos representantes dos traballadores documentación que por lei lle corresponde.


Un ano despois dous compañeiros readmitidos aínda non cobraron os salarios de tramitación que lles corresponden

Tres anos despois de que se iniciase o conflito que orixinou o despedimento de oito compañeiros e compañeiras o goberno municipal non foi quen de pechar este capítulo e aínda lle debe cartos aos dous últimos traballadores readmitidos hai xa máis dun ano.

Mesmo nun dos casos a CIG xa solicitou a execución de sentenza e o compañeiro foi en varias ocasións ao xulgado, a última que tocaba a semana pasada, cando non houbo xuízo porque seica o Concello acreditou que lles vai pagar proximamente. Tamén o concelleiro de Persoal lle indicou á representación do Comité de Empresa que os compañeiros cobrarían a finais do mes pasado mais unha vez máis pasou o mes e seguen sen cheirar os seus cartos.

Desde a CIG consideramos lamentable que o Concello obrigue a recorrer aos compañeiros aos xulgados para executar as sentenzas que non cumpre, hai que lembrar que isto xa se tivo que facer en todos os casos das anteriores readmisións. Resulta inxusta esta actitude por parte do goberno municipal, máis aínda se botamos a vista atrás e lembramos que varios compañeiros na mesma situación non foron despedidos, e que o mínimo que debe facer o Concello é aplicar as sentenzas dos que discriminou e obrigou a recorrer ao xulgado do social.

Máis dun ano agardando polo que lles corresponden xa é abondo, de seguro que non hai ningún concelleiro/a ao que o Concello lle deba cartos desde hai xa máis dun ano, pois os/as traballadores/as temos os mesmos dereitos... QUE PAGUEN O QUE DEBEN!